Viñetas romanas: cómics ambientados na Antiga Roma

Komic Librería: Viñetas romanas


Dentro do xénero de BD histórica as obras ambientadas na Antiga Roma forman, por así dicilo, un subxénero propio que conta xa cun bo número de títulos que reflicten diversos intres da súa historia. Obras moi variadas entre as que atopamos relatos de ficción mesturados con outros de maior documentación e rigor histórico. Precisamente arredor do péplum en viñetas versará o relatorio que Xosé «Pío» Barreiro, de Komic Librería, vai realizar o vindeiro venres 20 de abril no I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que terá lugar en Lugo e forma parte das actividades previas ao Arde Lvcvs.

Se observamos a cronoloxía deste período histórico podemos facer unha división clara en tres etapas:

Monarquía: Dende a fundación de Roma (ano 753 a.C. –data tamén coñecida pola expresión latina Ad Urbe condita-) foi gobernada por reis etruscos ata o estabelecemento da República no 509 a.C.

República: Durante case cinco séculos a cidade-estado viviu unha constante expansión económica, política e territorial, primeiro na Península Itálica e posteriormente en todo o Mediterráneo ata a chegada do Imperio no ano 27 a.C.

Imperio: Unha serie de Guerras Civís levan ao poder a César Augusto, que promove a abolición da República e instaura un goberno unipersoal no que se centraliza a organización do extenso territorio coñecido xa como Imperio Romano.

E, claramente, vemos como o século no que esmorece a República e nace o Imperio concentra o maior atractivo para os autores de banda deseñada, xa que nesta época é onde se sitúan a maior parte de obras que seleccionamos para comentar e das que vos falamos de seguido, organizadas pola súa orde de aparición:


Alix el intrépido

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Jacques Martin*
Aparición: 1948 -
Situación temporal: s. I a.C.
Álbumes: 36 (3 integrais)
Editora: Coeditum

Komic Librería: Viñetas romanas

Este gran clásico da bd histórica europea narra as aventuras dun rapaz galo-romano no século I a.C. que, acompañado polo seu amigo exipcio Enak, percorre varios dos escenarios históricos máis relevantes da antigüidade. Creado en 1948 non foi ata 1956 que este intrépido personaxe viu publicado o seu primeiro álbum, e dende entón ata o día de hoxe continúan a aparecer novas entregas desta colección clásica da man de distintos equipos creativos dende que o seu creador, Jacques Martin, comezou a precisar colaboración aló polo 1998.


Las aventuras de Astérix

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: René Goscinny*
Ilustración: Albert Uderzo*
Aparición: 1959 -
Situación temporal: 50 a.C.
Álbumes: 37
Editora: Salvat / Xerais

Komic Librería: Viñetas romanas

Esta colección fundamental e coñecida por todas e todos narra, dende un punto de vista humorístico, a resistencia dunha pequena vila gala á invasión romana grazas á poción máxica que prepara o druída Panorámix e que lles outorga unha forza sobrehumana. Protagonizada especialmente polo afouto e espabilado Astérix e o seu mellor amigo Obélix, toda unha forza da natureza, os álbumes deste gran clásico da BD francesa son axeitados para tódalas idades e están cheos de humor, acción e aventura. A xenialidade do seu guionista mestura, case sempre con acerto, a documentación fidedigna con pequenos anacronismos que adoitan valer para parodiar algo contemporáneo. Tralo pasamento de Goscinny Uderzo decidiu continuar en solitario a serie para rematar cedéndolla a un novo támden formado por Jean-Yves Ferri e Didier Conrad.


Vae Victis

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Simone Rocca
Ilustración: Jean-Yves Mitton
Aparición: 1991 - 2006
Situación temporal: 58 a.C.
Álbumes: 5 tomos integrais
Editora: Yermo

Komic Librería: Viñetas romanas

Quince álbumes, aparecidos entre 1991 e 2006, conforman esta serie chea de rigor histórico e clasicismo situada no século I a.C., nun intre no cal o poder en Roma está copado polo triunvirato formado por Craso, Pompeio e Xulio César. Ámbar, unha escrava de orixe celta, forma parte activa dos acontecementos tentando evitar a progresión dos romanos.


Murena

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Jean Dufaux
Ilustración: Philippe Delaby*
Aparición: 1997 -
Situación temporal: 54 d.C.
Álbumes: 9
Editora: Planeta

Komic Librería: Viñetas romanas

Cando saíu do prelo, en 1997, o primeiro volume desta colección provocou o recoñecemento dos principais centros de estudos romanos polo altísimo nivel da súa documentación. O relato narra o reinado do emperador Nerón entre os anos 54 e 68 d.C., e, ao mesmo tempo, a evolución do heroe e protagonista principal que dá nome á serie, Lucius Murena. Un título imprescindible que ofrece unha visión da Roma Antiga altamente precisa e crible e da que hai nove álbumes editados polo de agora.


Las águilas de roma

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Enrico Marini
Ilustración: Enrico Marini
Aparición: 2007 -
Situación temporal: 8-9 d.C.
Álbumes: 5
Editora: Norma

Komic Librería: Viñetas romanas

O espectacular debuxo deste autor italiano serve para contar esta historia ambientada na primeira década despois de Cristo, en tempos de Augusto. Nese intre o Imperio Romano atópase no seu máximo esplendor acadando a vasalaxe dos territorios bárbaros sometidos. Neste contexto coñecemos a Arminio, fillo de Sigmar, xefe da tribo xermánica dos queruscos, tomado como refén polos romanos e entregado para a súa educación á familia do oficial romano Tito Valerio Falco. Alí coincide con Marco, fillo de familia de idade semellante á del, e ámbolos dous reciben unha formación baseada na disciplina e entre eles nace unha fonda e fraternal amizade que se verá en conflito polos camiños opostos que o destino garda para eles. Unha serie apaixonante da que se levan publicados xa cinco tomos dende a súa primeira entrega en 2007.


Thermae Romae

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Mari Yamazaki
Ilustración: Mari Yamazaki
Aparición: 2008 - 2013
Situación temporal: 128 d.C.
Álbumes: 6
Editora: Norma

Komic Librería: Viñetas romanas

Sen dúbida o título máis sorprendente desta listaxe, pois o argumento resulta orixinalísimo e mestura a temática romana coa fantasía e a cultura xaponesa ao presentar a historia de Lucius Modestus, un arquitecto da Roma do ano 128 d.C. que se atopa nunhas termas para relaxarse e, de xeito sorprendente, vaise ver transportado ata unha casa de baños situada no Xapón actual. Tralo impacto lóxico de viaxar no tempo e no espazo Lucius emprega como fonte de inspiración as descobertas que fai nas súas viaxes, que repite unha cantas veces. Como imaxinades o relato xira arredor da cultura da hixiene e do baños públicos nas culturas romana e nipona, introducido con enormes pingas de humor e unha boa base documental. A colección completa consta de seis volumes aparecidos entre 2008 e 2013.


Por el Imperio

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Bastien Vivès / Merwan
Ilustración: Merwan / Bastien Vivès
Aparición: 2010 - 2011
Situación temporal: Descoñecida
Álbumes: 3
Editora: Diábolo

Komic Librería: Viñetas romanas

Outra serie atípica que non podemos evitar meter nesta selección malia non ser claramente un péplum. Explicámonos: esta triloxía, editada nos anos 2010 e 2011, conta as andainas dun grupo de soldados, lexionarios aparentemente romanos, que exploran territorios descoñecidos para maior gloria do seu Imperio e do seu Emperador. No seu camiño atoparán multiples perigos, novas terras, novas xentes e moitas preguntas sen resposta. Interrogantes que tamén percibimos os lectores, xa que dun inicio a priori convencional a obra vai evoluíndo cara algo totalmente novo, sorprendente e metafórico no que xa non nos quedan tan claras as suposicións que podemos facer ao inicio da súa lectura. Estamos, por suposto, ante unha desas obras que non se poden explicar, senón que hai que lelas.


La expedición

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Richard Marazano
Ilustración: Marcelo Frusin
Aparición: 2012 -
Situación temporal: 6 a.C.
Álbumes: 3
Editora: Diábolo

Komic Librería: Viñetas romanas

Seguimos con exploracións en territorios ignotos, neste caso tralos pasos dun destacamento que se adentra nas agrestes terras africanas maís aló de Nubia. Unha emocionante experiencia chea de perigos e sorpresas que engancha dende a primeira páxina. Ata o momento hai tres volumes desta colección.


Gloria Victis

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Juanra Fernández
Ilustración: Mateo Guerrero / Javi Montes
Aparición: 2015 -
Situación temporal: 156 d.C.
Álbumes: 4
Editora: Norma

Komic Librería: Viñetas romanas

Ambientada na provincia hispana de Tarraconensis no século II d. esta tetraloxía preséntanos a historia de Aelio, un auriga movido polas arelas de venganza, no fascinante e espectacular mundo das carreiras de carros. Unha obra de factura impecable e produción nacional moi documentada e baseada en feitos reais.


Plinivs

Komic Librería: Viñetas romanas

Guión: Mari Yamazaki / Tori Miki
Ilustración: Mari Yamazaki / Tori Miki
Aparición: 2017 -
Situación temporal: s. I d.C.
Álbumes: 3
Editora:
Ponent Mon

Komic Librería: Viñetas romanas

A autora de Thermae Romae regresa ao mundo clásico coa biografía do naturalista máis famoso da antigüidade, Plinio o Vello. Cun aquel divertido os tres tomos desta obra lévannos ata o século I d.C. para acompañar a este científico precursor nas súas investigación e descobertas sobre astronomía, xeografía, zooloxía e botánica.