Día da música 2018 en Komic Librería

Pollo con ciruelas


Hoxe, 21 de xuño, celebramos o Día da Música e, ao igual que fixemos o ano pasado pensamos que revisitar algunhas das bandas deseñadas musicais é un bo xeito de unirnos á festa, non si? Xa que logo, despois da ducia de títulos dos que vos falamos no 2017 (que, por certo, podedes mirar aquí), chégalle o turno a unha nova remesa de viñetas con moito ritmo. Abride ben as orellas que comezamos...

CARA A


01

Nick Cave - Mercy on me

Nick Cave - Mercy on me
Reinhard Kleist
ECC

O historietista alemán, especializado en biografías (Cash, Castro), preséntanos agora un retrato do australiano Nick Cave. Para isto mestura vivencias persoais do cantante con soños e coas letras das súas cancións, nunha fermosa e escura balada en viñetas.


02

One, two, three, four Ramones

One, two, three, four Ramones
Cadène / Bétaucourt / Cartier
Dibbuks

A historia do icónico e famoso cuarteto que revolucionou o punk e o rock’n’roll contada a través da figura de Dee Dee, cunha narración e un debuxo cheo de acertos. Un libro imprescindible se vos gustan os Ramones!


03

Leyendas desde el pantano

Leyendas desde el pantano
El Ciento
Bandaàparte Gráfica

Dende Úbeda chegan os rapaces de Guadalupe Plata cunha proposta bastante atípica, un blues pantanoso, desgarrado e visceral que os converteu nunha das bandas españolas máis interesantes destes últimos anos. Neste libro podemos descubrir máis sobre este trío en distintos capítulos que fluctúan entre o realista e o onírico, como a súa música.


04

Hip Hop family tree

Hip Hop family tree
Ed Piskor
Flow Press

Este autor estadounidense, posuídor dun estilo moi persoal e atractivo, atrévese coa difícil tarefa de trazar toda unha árbore xenealóxica do hip-hop, e o resultado final deixounos coa boca aberta. Piskor testemuña con ritmo, humor e moita documentación os anos setenta e o nacemento dunha forma de expresión artística, urbana e nova que mestura distintos elementos da cultura popular.


05

Melodías animadas

Melodías animadas
Robert Crumb
La Cúpula

Este álbum de Crumb compila varias historias curtas relacionadas coa música, nas cales demostra claramente o seu carácter de melómano e coleccionista. Unha auténtica marabilla.

CARA B


01

Pollo con ciruelas

Pollo con ciruelas
Marjane Satrapi
Norma

A autora de Persépole volveu conquistar ao público e á crítica con esta engaiolante historia de amor e desamor protagonizada por un músico virtuoso a quen lle acaban de romper o instrumento que o acompañou sempre.


02

Hoy es un buen día para morir

Hoy es un buen día para morir
Colo
Dibbuks

Nun futuro próximo un virus mortal asola a humanidade, o mal que trasmite provoca cadros de intensa tristura que levan á morte dos afectados, e nunha situación así son fundamentais paixóns que te manteñan vivo, como por exemplo, a música. Así nolo transmite Colo nesta banda deseñada que mesmo conta coa súa propia banda sonora.


03

Solanin

Solanin
Inio Asano
Norma

Os protagonistas deste interesantísimo manga, un relato existencialista sobre as decisións que tomamos nas nosas vidas que marcan os nosos futuros, teñen unha banda de rock pola que deciden apostar todo. Sen dúbida, unha das obras xaponesas que máis nos gustou nos últimos anos, e que xa comentamos aquí.


04

Desconhecido

Desconhecido
Berlai
Axóuxere

Deste fermoso proxecto artístico multidisciplinar, no que a música, a poesía e a banda deseñada camiñan collidas da man, falámosvos máis polo miúdo na nosa páxina.


05

Klezmer

Klezmer
Joan Sfar
Norma

Nesta serie, que consta de cinco volumes, Sfar vainos contar as aventuras dun grupo de marxinados que viven ao ritmo de klezmer, unha música de raíz hebrea que se practica nas celebracións xudías e que está ideada para bailar en grupo.