A volta ao cole de Komic Librería

La resistencia #8


Aquí estamos de volta en Komic Librería, trala nosa estandía na Coruña e os posteriores e necesarios días de vacacións. Regresamos coas pilas ben cargadas, con moitas ganas de retomar o noso ritmo cotián e agardando expectantes lecturas estupendas. Comezaremos por falar das novidades máis salientables entre as que se presentaron na pasada edición de Viñetas desde o Atlántico, non sen antes agradecer a confianza e a fidelidade de todos aqueles que vos achegastes ata os nosos postos na Feira do Libro e mais no Salón do Cómic.


Más futvol por fabor

Más futvol por fabor
Leandro Barea
Demo Editorial

Dende Lugo chega, por fin, esta compilación que recolle unha boa mostra do traballo deste humorista gráfico, xenial e políticamente incorrecto. A súa retranca irreverente non dá puntada sen fío, e ao longo das case duascentas tiras que contén este libro atopamos grandes doses de humor negro, ácedo e mesmo reflexivo. Aproveitamos para vos adiantar que o vindeiro venres 5 de outubro Leandro presentará este librazo en Komic Librería.


A viñeta de Schrödinger #1

A viñeta de Schrödinger #1
VV.AA.
A Mesa pola Normalización Lingüística / AS-PG

Primeiro número desta publicación trimestral, unha nova tentativa de realizar unha revista de banda deseñada en galego que agardamos conte coa aceptación do público lector. Non pinta mal o seu inicio, dirixida polo inquedo Kiko da Silva na súa nómina de autores encontramos nomes consagrados coma os do propio Kiko, Miguelanxo Prado, Miguel Porto, Fran Bueno, Kohell, Víctor Rivas ou Miguel Robledo xunto con novos valores emerxentes.


Altar Mutante #7

Altar Mutante #7
VV.AA.
Altar Mutante Comix

Recibimos encantados outra entrega máis, e xa van sete, desta publicación de terror e ciencia-ficción que dende 2014 capitanean Álvaro López e Luís Sendón. Ten moito mérito chegar ata aquí, pero máis aínda que cada número sexa mellor e máis aterrador ca o anterior. Estilos gráficos e temáticas diversas en riguroso branco e negro que fan as delicias dos afeccionados á bd máis terrorífica.


Amair #1

Amair #1
Kike Benlloch / Luís Sendón
Altar Mutante Comix

Dámoslle a benvida tamén a este episodio inicial dunha historia fantástica ambientada nun mundo máxico e protagonizada por unha muller a quen a morte se lle cruza no camiño cando comeza unha nova vida. O primeiro número dunha serie que promete, e moito.


La resistencia #8

La resistencia #8
VV.AA.
Dibbuks

Dirixida por ese par de tolos entusiastas e marabillosos que son Juanjo el Rápido e Ricardo Esteban chega outro número da publicación que desafía á crenza de que o tempo das revistas de cómic rematou. Cunha coidada selección de autores ofrece un interesantísimo e variado pastiche que, ao igual que comentamos do Altar Mutante, mellora con cada entrega.


Legado #1

Legado #1
Kike Benlloch / Xulia Pisón
Alita Cómics

Outra serie que comeza e que nos deixa cunhas ganas enormes de ler a súa continuación. Outro guión do sempre acertado Kike Benlloch pero neste caso cunha temática de ciencia-ficción, estupendamente plasmada por unha Xulia Pisón que non deixa de nos sorprender coa súa versatilidade.