Recomendacións de cómic español editado en 2018

Komic Librería: comic español


Pois ao igual que o Apalpador e Papá Noel, tamén os Reis Magos solicitan a nosa colaboración para atopar o agasallo máis axeitado nestas datas. Baltasar pediunos, por exemplo, unha selección entre os títulos españois máis recomendables editados durante 2018, e tras moito pensar eliximos estes doce que aquí compartimos convosco. Agardamos que vos sexa de utilidade:


Nieve en los bolsillos

Nieve en los bolsillos
Kim
Norma

O debuxante de El arte de volar atrévese a contar a súa propia experiencia como emigrante na Alemaña dos anos 60. Un retrato dunha época e dun fenómeno, o migratorio, que cómpre ter presente nos tempos actuais. Aquí podedes atopar máis información sobre esta obra realista que foi unha das nosas preferidas neste 2018.


¡Universo!

¡Universo!
Albert Monteys
Astiberri

Non foi un mal ano para Monteys, non, á publicación en tomo dos seus traballos para Orgullo y satisfacción (o divertidísimo El show de Monteys, tamén editado por Astiberri e tamén moi recomendable) hai que sumarlle os cinco relatos de ciencia-ficción que compoñen este volume. Cun excelente debuxo o autor catalán explora con acerto varias e imaxinativas ideas do xénero.


Picasso en la Guerra Civil

Picasso en la Guerra Civil
Daniel Torres
Norma

Unha fermosa ucronía a que nos propón Daniel Torres neste libro, empregando a figura do célebre pintor malagueño para presentar un relato onde se difuminan as fronteiras entre ficción e realidade.


El día 3

El día 3
Cristina Durán / Laura Ballester / Miguel Ángel Giner
Astiberri

Excelente exemplo de bd documental, este título mergúllase con decisión no tráxico accidente de metro acontecido en Valencia en 2006, dándolle voz ás vítimas e amosando a ineptitude e manipulación que os políticos e institucións responsables demostraron naquel intre. Unha lectura dura pero moi necesaria.


Black Holes

Black Holes
Borja González
Reservoir Books

Cun preciso minimalismo gráfico que lembra a Seth ou a Chris Ware, Borja González narra a historia de tres mozas que deciden montar unha banda de punk, ao tempo que os ecos dalgo acontecido no pasado, máis de século e medio atrás, inflúen nunha delas. Un relato sorprendente que non podía faltar nesta selección.


Rey Carbón

Rey Carbón
Max
La Cúpula

Outra demostración máis da mestría deste autor fundamental. Desta volta atrévese cun arriscado (e acertado) experimento formal no que, baseándose nunha fábula de Plinio o Vello, procura unha historia onde a narrativa e a imaxe sexan un todo autotélico.


Desastre

Desastre
Mamen Moreu
Astiberri

Se xa nos encantara e divertira con Resaca con esta nova obra Mamen dá un paso adiante e demostra que é unha estupenda narradora contándonos, con humor e realismo, as dificultades de Berta, unha rapaza de 35 anos, para afrontar os problemas da vida adulta.


Pulse enter para continuar

Pulse enter para continuar
Ana Galvañ
Apa-Apa

Desafiando unha vez máis as convencións gráficas e narrativas esta autora presenta unha serie de cinco historietas breves que comparten un aquel melancólico.


Animal

Animal
Colo
Dibbuks

A través dos retratos que del fan distintas persoas comúns coñecemos ao solitario protagonista desta historia, un home que non desexa formar parte da especie humana. Unha desacougante e interesante proposta asinada por este singular autor madrileño co seu persoal estilo.


El tesoro del cisne negro

El tesoro del cisne negro
Paco Roca / Guillermo Corral
Astiberri

Narrado como se dunha historia de aventuras se tratase asistimos ao proceso de alta política e burocracia que foi necesario para recuperar o tesouro dun buque español afundido a comezos do século XIX e expoliado por unha empresa norteamericana. Un novo éxito de Paco Roca do que xa vos falamos aquí.


El fotógrafo de Mauthausen

El fotógrafo de Mauthausen
Aintsane Landa / Pedro J. Colombo / Salva Rubio
Norma

A través da experiencia e da fotografía do preso español Francisco Boix achegámonos ao horror do tristemente famoso campo de concentración nazi, nun testemuño indispensable para coñecer a barbarie alí perpetrada.


Los puentes de Moscú

Los puentes de Moscú
Alfonso Zapico
Astiberri

A través do diálogo entre Fermín Muguruza, líder de grupos como Kortatu ou Negu Gorriak e referente da música en Euskadi, e Eduardo Madina, político socialista vítima dun atentado terrorista, Zapico realiza unha obra moi interesante para entender o conflito vasco que aposta, precisamente, polo diálogo como arma de entendemento.