Mulleres e viñetas 2019: Top 12 de cómics realizados por autoras

Top 12 de cómics realizados por autoras


Aínda queda moito camiño por percorrer, pero, como libreiros e lectores, estamos encantados de poder asistir en primeira liña á cada vez máior presenza feminina na banda deseñada, un fenómeno imparabale que consideramos fundamental tanto a nivel social como a nivel artístico e que agradecemos enormemente.

Para que vos fagades unha idea hai uns anos, para celebrar o Día Internacional da Muller, escribimos nesta páxina un artigo dobre sobre autoras e protagonistas femininas, pouco despois volvimos salientar comiqueiras destacadas e o ano pasado compartimos convosco as obras feitas por mulleres que máis nos gustaran, algo que repetimos nesta ocasión. Podedes imaxinar o gratificante que resulta que cada ano, ao aumentar as obras feitas por autoras, esta tarefa de escoller e seleccionar sexa máis difícil. Presentámosvos hoxe a ducia de títulos que máis nos gustaron nos últimos meses, doce libros de temáticas e estilos moi variados que vos recomendamos cos ollos pechados e cos cales continuamos a celebración do Día da Muller agardando que vos resulte de interese:


Lo que más me gusta son los monstruos

Lo que más me gusta son los monstruos
Emil Ferris
Reservoir Books

Non é habitual que alguén debute no mundo do cómic con 55 anos, e moito menos que a súa presentación cause todo un terremoto na novena arte, cun impacto inédito entre a crítica e o público. Todo isto, e moito máis, é o que acadou Emil Ferris con este libro, unha fascinante obra mestra cunhas ilustracións espectaculares protagonizada por Karen, unha nena de dez anos no Chicago de finais dos sesenta amante da ciencia-ficción e con espírito detectivesco.


En un rayo de sol (Primera parte)

En un rayo de sol (Primera parte)
Tillie Walden
La Cúpula

Esta historietista estadounidense, que conseguiu un grande éxito co seu primeiro álbum (Piruetas), confirma o seu carácter único e xenial con este título, unha marabillosa primeira entrega chea de sensibilidade. Unha fermosa e emocionante historia de amor indescriptible que é dende xa unha das nosas lecturas preferidas neste 2019.


Desastre

Desastre
Mamen Moreu
Astiberri

Unha das nosas autoras preferidas mostra a súa madurez artística nesta historia protagonizada por unha muller de 35 anos e as súas dificultades para sobrevivir á idade adulta contemporánea, todo contado con humor, frescura e o seu trazo persoal.


Marie Curie

Marie Curie
Alice Milani
Nórdica

Non só foi unha das mentes científicas máis importantes do século XX, senón que foi unha muller que desafiou os preceptos e convencións da época axudando a loitar polos dereitos das mulleres. Recibimos agora a fermosa e pictórica biografía gráfica desta figura fundamental realizada por unha prometedora autora italiana.


Micro algas, el mundo oculto

Micro algas, el mundo oculto
Xulia Pisón
Universidade da Coruña

Declarámonos moi fans de Xulia Pisón (quen, por certo, estará en Komic Librería o vindeiro venres 22 de marzo), unha rapaza decidida a deixarnos coa boca aberta con cada traballo que realiza, desta volta cunha obra didáctica e divulgativa que ela consegue transformar nun dinámico relato de acción debuxado magnificamente.


Louis entre fantasmas

Louis entre fantasmas
Fanny Britt / Isabelle Arsenault
Salamandra Graphic

Unha poética narración ilustrada con fermosura que mestura problemas adultos como a depresión ou o alcoholismo con momentos máxicos da adolescencia como pode ser o primeiro amor. O noso protagonista deberá demostrar a súa afouteza para vencer aos seus pantasmas e aos da súa familia.


Bárbara Maravilla

Bárbara Maravilla
Marta Alonso Berná
Astiberri

Posiblemente unha das obras máis inclasificables e sorprendentes que atopamos en moito tempo, unha divertida e surrealista sucesión de acontecementos abraiantes protagonizados por unha gris muller de mediana idade que mudará a súa existencia dun día para outro nunha delirante espiral que a autora aproveita para parodiar moitos dos absurdos da nosa sociedade.


Intensa

Intensa
Sole Otero
Astiberri

Cunha aloucada extraterrestre como personaxe principal a arxentina Sole Otero aproveita para reflexionar sobre as relacións de parella, o amor ou a comunicación. Un título moi divertido e sorprendente.


Encuentros cercanos

Encuentros cercanos
Anabel Colazo
La Cúpula

Unha obra que nos chamou, e moito, a atención hai uns meses, como xa vos comentamos na recensión que a esta obra lle adicamos e que trata o tema dos contactos con extraterrestres dun xeito moi peculiar e interesante.


Los sentimientos del príncipe Carlos

Los sentimientos del príncipe Carlos
Liv Strömquist
Reservoir Books

Esta autora, unha rapaza sueca que non se fai precisamente a ídem, e que xa nos conquistara co seu ensaio gráfico El fruto prohibido (onde exploraba a historia da sexualidade feminina con abondosa documentación, humor e espírito crítico), regresa agora para expoñer a súa crítica a determinados estereotipos presentes nas relacións entre homes e mulleres. Unha poderosa labazada ao heteropatriarcado nun libro para aprender, reflexionar e aprender aínda máis.


Cuéntalo

Cuéntalo
Laurie Halse Anderson / Emily Carroll
La Cúpula

Neste conmovedor relato, adaptación dunha obra literaria, asistimos á dobre condición de vítima coa que vive a nosa protagonista, unha estudante de instituto. Ao feito de ter sufrido un acto infame e terrible súmaselle a marxinación que recibe por parte dos seus compañeiros e compañeiras, nun aillamento case insoportable. Unha historia dura pero moi necesaria.


Divas de diván

Divas de diván
Laura Pacheco / Carmen Pacheco
¡Caramba!

Laura e Carmen Pacheco demostran unha vez máis que forman un excelente e fraternal tándem creativo cun fino sentido do humor nesta divertidísima parodia da figura da diva.