Recomendacións para o Apalpador: os nosos cómics galegos preferidos do 2019

Cómics recomendados por Komic Librería


Como vén sendo habitual nestes últimos anos, ao achegarse as datas do nadal recibimos en Komic Librería varias peticións de lecturas recomendadas para acertar plenamente cos agasallos, recomendacións que compartimos convosco por se vos puideran ser de utilidade. E comezamos co noso benquerido Apalpador, que pregunta polo máis xeitoso aparecido neste 2019 na banda deseñada galega, e o certo é que non foi un mal ano para as nosas viñetas.

O panorama comiqueiro galego segue a ser máis cativo do que desexariamos, pero nestes últimos meses tivemos algunhas boas novas, como a posibilidade de ler en galego a un dos autores máis exitosos a nivel internacional, o ourensán David Rubín, ou a aparición de obras moi interesantes con temáticas e estilos moi variados:


O salón de té do Oso Malaio

O salón de té do Oso Malaio
David Rubín
Demo Editorial /Komic Librería

Ler recensión >

A edición en galego da segunda obra deste autor fundamental, publicada orixinariamente en 2007. Oito relatos onde podemos aprezar as claves recorrentes na carreira de David Rubín.


Canción para afundir flores no mar

Canción para afundir flores no mar
Óliver Añón
Deputación da Coruña

Ler recensión >

Unha fermosa e poética colección de escenas nas que vemos pasar a vida do protagonista.


Grandarroiba

Grandarroiba
Cristian F. Caruncho
Demo Editorial

A primeira obra longa deste prometedor e talentoso autor, que presenta aquí unha historia de redención ambientada no rural galego.



O Bichero #9

O Bichero #9
Luís Davila
Autoeditado

Ler recensión >

Unha nova escolma das populares tiras gráficas onde este ilustrador plasma con humor e mestría a actualidade peneirada pola idiosincrasia galega.


Micro Algas

Micro Algas, o mundo oculto
Xulia Pisón
Universidade da Coruña

Ler recensión >

Unha obra divulgativa sobre estes microorganismos plantexada como unha atractiva aventura xuvenil chea de acción.


Tanta paz leves

Tanta paz leves
Tomás Guerrero
Demo Editorial

Ler recensión >

Unha soberbia historia sobre as consecuencias da guerra e as feridas abertas que todo conflito deixa.


Unha mestra en apuros

Unha mestra en apuros, sálvese quen poida
Pilar Serrano / Jorge Campos
Bululú

Ler recensión >

As divertidas aventuras dunha mestra de educación infantil.


Fariña

Fariña
Luís Bustos
Xerais

A magnífica adaptación ao cómic do coñecido libro de Nacho Carretero sobre o narcotráfico galego.




Pinturas de guerra

Pinturas de guerra
Ángel de la Calle
Retranca

Un denso relato ambientado no París de comezos dos oitenta onde se mesturan intrigas, arte e a sombra da represión nas ditaduras latinoamericanas da época. Un excelente thriller de fondo peso existencialista e intelectual que mereceu o premio á mellor obra española no Salón do Cómic de Barcelona.


Humanos, a roya é um rio

Humanos, a roya é um rio
Troubs / Baudoin
Figurandorecuerdo(s))

Dous dos autores franceses máis persoais unen as súas forzas para nos relatar de xeito comprometido distintas experiencias migratorias na Europa dos nosos días. Un fermoso alegato a favor da humanidade e contra as fronteiras.


Cómics recomendados por Komic Librería

Amais disto falámoslle ao Apalpador, por suposto, de obras feitas por autores e autoras de aquí pero publicadas en castelán, como Ether #2: Los gólems de cobre (Astiberri), do propio Rubín debuxando os guións de Matt Kindt, a fermosa conclusión de Mirror (Astiberri), de Emma Ríos e Hwei Lin, ou a terceira entrega de La espada de San Eufrasio (Diábolo), o emocionante relato ambientado nas terras luguesas do século XV que nos propoñen Manolo López Poy e Miguel Fernández.

Cómics recomendados por Komic Librería

Tampouco esquecemos comentarlle que grandes clásicos para tódalas idades como Astérix ou Tintín foron publicados en galego, o mítico guerreiro galo coa súa última aventura A filla de Vercinxetórix (Xerais/Salvat), e o intrépido reporteiro belga, despois de moitos anos sen estar dispoñible na nosa lingua, coa aparición da nova edición de As xoias da Castafiore (Zephyrum).

Cómics recomendados por Komic Librería

A eles únense clásicos máis modernos pero perfectos para os primeiros lectores como Astro-Rato e Lampadiña, que regresan co seu terceiro volume Patacátor cocido! (El Patito), ou Súper Pataca, o tubérculo mutante que fai as delicias dos máis pequenos cos nove tomos dos que consta a súa colección polo de agora.

Cómics recomendados por Komic Librería

Para rematar non deixamos de recomendarlle o excelente ensaio de Xulio Carballo sobre a bd galega dos anos setenta: Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979).

Así que xa vedes, se o que vos pide o corpo é agasallar con banda deseñada galega tedes onde elixir. E se o que desexades é que vola regalen a vós, tamén (se fostes bos durante este ano, claro).