Recomendacións para os Reis Magos (II): os nosos cómics infantís e xuvenís preferidos de 2019
Con esta selección rematamos o repaso que fixemos do máis salientable, ao noso ver, entre as obras aparecidas en 2019. Tras as recomendacións de cómics en galego, cómics internacionais e cómics españois, concluímos con outra petición dos Reis Magos, que preguntan polas bandas deseñadas máis xeitosas para agasallar aos máis cativos da casa. E o certo é que, de novo, foi difícil escoller entre tantos libros bos publicados nestes últimos doce meses.
Doce meses que viron aparecer novos títulos de series xa emblemáticas —Astro Ratón y Bombillita, Astérix, Frnck, El castillo de las estrellas, Súper Patata, Los niños de la resistencia, Zorglub, etc.—, así como a agradecida publicación de varias destas coleccións en galego —Súper Pataca, Astro Rato e Lampadiña o Tintín—. Tamén chegou o último traballo de Miguelanxo Prado, un fermosísimo libro ilustrado con mensaxe titulado Amani (Retranca), e protagonizado por un hipopótamo moi especial. E dentro das novas obras, as dez que máis nos gustaron en Komic Librería son as seguintes:
La esperanza pese a todo, una aventura de Spirou
Émile Bravo
Dibbuks
Unha década despois de fascinarnos con Diario de un ingenuo o autor francés continúa a abraiarnos coa súa persoal visión do mítico personaxe da bd franco-belga, humanizando de xeito moi realista ao botóns aventureiro e as súas orixes. Neste álbum, comezo dunha tetraloxía, atopámolo nunha Bruxelas sometida baixo a ocupación nazi durante a Segunda Guerra Mundial.
¡Que empiece el espectáculo!
Wilfrid Lupano / Stéphane Fert
Juventud
Non o podemos negar, Wilfrid Lupano pasou nos últimos anos a ser un dos nosos guionistas de referencia grazas a obras tan divertidas e emotivas como El mono de Hartlepool, Un océano de amor ou Los viejos hornos, todas elas dirixidas cara o público adulto. Desta volta sorpréndenos cunha historia feita para os máis cativos, unha clara metáfora sobre a opresión e a liberdade fermosamente ilustrada por Stéphane Fert.
Érase una vez dos princesas
Katie O’Neill
Brúfalo - La Cúpula
Esta autora está a dar moito que falar nos últimos tempos, e este mesmo ano foron editadas dúas das dúas obras, Bahía Acuicornio e este relato no que presenta unha preciosa reviravolta dos contos de fadas e princesas clásicos.
Y entonces nos perdimos
Ryan Andrews
Astronave
Un grupo de nenos lánzase a seguir en bici o curso dun río na procura de estrelas nunha viaxe abraiante e sorprendente na que ata chegan a coñecer un oso que fala.
Bolívar
Sean Rubin
ECC
Nunha cidade tan grande e poboada coma Nova York semella ben doado desaparecer entre a multitude e non chamar a atención, por iso Bolívar, o derradeiro dinosauro, decidiu vivir alí. Ninguén se decata da súa condición de gran reptil agás a súa veciña Sybil, e xuntos vivirán unha entrañable e emocionante aventura nesta imaxinativa historia.
El camino perdido
Amélie Flechais
Kraken
Tres nenos que están nun campamento pérdense durante a procura dun tesouro nunha viaxe fantástica que os levará a coñecer seres incribles e visitar lugares inimaxinables. Unha aventura fabulosa que ilustra cun gusto exquisito Amélie Flechais.
El pavoroso miedo de Epifanía Susto
Gauthier / Lefèvre
Astronave
Nesta fermosa fábula vemos a Epifanía, unha nena de oito anos, enfrontarse aos seus medos. Unha historia de superación sobre ir medrando, construída como unha intriga fantástica cun debuxo coidado e agradable.
Los diarios de Cereza y Valentín
Chamblain / Neyret
Alfaguara
A sexta entrega desta popular serie para os pequenos lectores e lectoras agocha unha sorpresa, e é que nesta nova aventura Cereza investiga outro caso misterioso, pero xunto ao seu irmán Valentín.
Hicotea
Lorena Álvarez
Astiberri
Nunha excursión do colexio Sandy entra nunha dimensión máxica que está no caparazón da tartaruga Hicotea… Unha nova e marabillosa aventura xurdida da imaxinación da colombiana Lorena Álvarez.
Lucky Luke. Un cowboy en París
Achdé / Jul
Kraken
Como moitos saberedes a famosa Estatua da Liberdade foi un agasallo do goberno francés ao estadounidense en sinal de amizade. Nesta atípica aventura o vaqueiro que dispara máis rápido cá súa sombra viaxa, acompañado do seu inseparable Jolly Jumper, ata a cidade parisina para garantir a seguridade do traslado do monumento.