A adega Mar de Envero une viticultura e ilustración na etiqueta de «Volandia», o seu novo viño

Martín Romero - Volandia - Mar de Envero


O ilustrador coruñés Martín Romero foi o encargado de crear a ilustración para a etiqueta de «Volandia», o novo viño da adega Mar de Envero, un monovarietal de mencía con crianza e denominación de orixe Ribeira Sacra.

O enólogo da adega, Manyo Moreira, é un incondicional dos cómics que, desde sempre, tivo a ilusión de vestir un dos seus viños cunha etiqueta ilustrada. A gran oportunidade xurdiu mentres perfilaba a elaboración de «Volandia», ao ver que unha ilustración axudaría a transmitir o particular carácter e esencia deste viño.

Martín Romero - Volandia - Mar de Envero

Manyo sempre mostrou a súa predilección por traballar con profesionais galegos polo que, ao descubrir a obra gráfica de Martín Romero (Xión, A Coruña, 1981), tivo claro que sería a persoa idónea para dar forma á súa idea. Martín iniciou a súa carreira en fanzines e publicacións alternativas, desenvolvendo un estilo definido por unha hipnótica estrañeza, moi presente nos seus cómics Las fabulosas crónicas del ratón taciturno (2011), Episodios Lunares (2015) e La deuda (2017). Ademais, o seu cómic Uxío acaba de proclamarse gañador na categoría infantil e xuvenil da XIV edición dos Premios Castelao de Banda Deseñada, organizados pola Deputación da Coruña.

Martín Romero - Volandia - Mar de Envero

A idea orixinal da ilustración procede dun relato breve escrito polo propio Manyo. Nel, un mozo desenvolve un dispositivo voador que lle permite sortear as pendentes da Ribeira Sacra, superando os obstáculos que lle impedían traballar a vide, transportar as uvas e elaborar o viño. A modo de colofón para a historia, o enólogo desenvolveu un bosquexo do fantástico aparello sucando o ceo entre bancales. Martín Romero traballou a partir desta referencia, materializando a ilustración final co seu propio estilo. Como curiosidade, a de «Volandia» foi a primeira etiqueta realizada por este autor.

Martín Romero - Volandia - Mar de Envero

O acabado da etiqueta, sinxelo e austero, realza o traballo artesanal tanto do ilustrador como de todas as persoas implicadas na elaboración do viño. As notas ocres, presentes na ilustración e a cápsula da botella, denotan paso do tempo, reflectindo a capacidade deste viño para, polas características da uva e a súa elaboración, envellecer e manterse en óptimas condicións durante anos.

Se queredes probar o novo «Volandia» da adega Mar de Envero, e tamén apreciar o gran traballo do ilustrador Martín Romero, tédelo xa á vosa disposición na tenda online Vinissimus, en A Trastenda de Xabi e Vide, Vide! (Santiago de Compostela), ou en Vinos Arana (Rúa Galera 41, A Coruña).