Cómics protagonizados por persoal sanitario

Sana, sanita, diario de un enfermero de pediatría


Despois de pouco máis dun mes dende que volvimos abrir as nosas portas, querémosvos agradecer enormemente tanto a vosa fidelidade como as numerosas mostras de apoio recibidas ao longo destas semanas. Paseniñamente regresamos ao funcionamento cotián da librería, e iso implica, por suposto, reactivar a nosa páxina e os seus contidos. Unha das primeiras cousas que debemos facer, témolo claro, é estender o noso agradecemento a todas aquelas persoas que seguiron a traballar durante esta pandemia para que as nosas necesidades máis importantes continuaran a estar cubertas.

Dentro destes distintos colectivos de traballadores e traballadoras queremos ter un detalle especial con todo o persoal sanitario pola súa entrega e dispoñibilidade, malia todas as dificultades. E pensamos que un humilde pero bo xeito de amosarvos o que valoramos e agradecemos o voso traballo, é presentarvos esta pequena selección de bandas deseñadas onde aqueles que vos adicades a coidar da nosa saúde tedes un especial protagonismo. Así pois, e agardando que vos guste este artigo, aquí vos deixamos cos doce títulos elixidos:


El fotógrafo

El fotógrafo
Guibert / Lefèvre / Lemercier
Astiberri

Este magnífico relato conxuga fotografía e ilustración á hora de nos converter en testemuños privilexiados dunha misión humanitaria de MSF (Médicos sen Fronteiras) en Afganistán no ano 1986. Un documento imprescindible que retrata de primeira man a importante labor desta expedición en plena guerra entre muxahidíns e rusos.


Dr. Uriel

Dr. Uriel
Sento
Astiberri

Cunha delicadeza e un agarimo notables o veterano historietista valenciano recrea a historia do seu sogro, un médico que comezou a exercer pouco antes do estouro da Guerra Civil, centrándose en como viviu e sobreviviu durante a contenda.


Valerosas #1

Valerosas #1
Pénélope Bagieu
Dibbuks

No primeiro volume deste fabuloso catálogo de mulleres valerosas atopamos a biografía de Agnodice, unha ateniense que no século IV a.C. desafiou a prohibición que impedía a práctica médica á poboación feminina para se converter nunha relevante xinecóloga.


Monster

Monster
Naoki Urasawa
Planeta

Na Alemaña dos anos oitenta Kenzo Tenma, un prestixioso médico xaponés, vaise ver metido nunha complexa e ensarillada trama de asasinatos e intrigas políticas nesta atractiva serie de manga.


Essex County

Essex County
Jeff Lemire
Astiberri

Este tomo recolle enteira a magnífica triloxía coa cal se deu a coñecer por estas terras Jeff Lemire, un dos nomes fundamentais do cómic norteamericano contemporáneo. Unha das súas partes está protagonizada por unha conmovedora enfermeira rural que serve ademais como fío de conexión entre as distintas tramas da obra.


Titoán

Titoán
Inácio / Iván Suárez
Demo Editorial

Poucos médicos teñen tanta sona na literatura galega como Castelao, precisamente por non exercer a súa carreira e decantarse polas artes e a política. Non obstante, nas páxinas deste álbum –o primeiro da serie que recrea a súa biografía gráfica- atopamos un dos poucos momentos nos que aplicou a súa formación en medicina, botando unha man na pandemia de gripe española do 1918.


La mujer rebelde

La mujer rebelde
Peter Bagge
La Cúpula

Co seu habitual estilo dinámico Bagge conta a historia de Margaret Sanger, unha enfermeira que a comezos do século XX se converteu nunha das principais activistas polo control da natalidade e a planificación familiar nunha época cun emprego rudimentario dos anticonceptivos e cunha mortandade altísima asociada aos embarazos.


El club de las batas blancas, crónicas de urgencias

El club de las batas blancas, crónicas de urgencias
Yo, Doctor
Plan B

Este libro relata, cun marcado aire humorístico, as historias e anécdotas dun grupo de médicos residentes que se reúnen todas as semanas para compartir as súas experiencias.


Ambulancia 13

Ambulancia 13
Cothias / Ordas / Mournier
Yermo

Unha obra histórica protagonizada por un cirurxán que vén de rematar a carreira para incorporarse a un equipo médico situado na fronte durante a Primeira Guerra Mundial. Ademais de ver como os horrores do conflito achegan ao mozo realidades descoñecidas atopamos nesta obra unha nova perspectiva dentro do xénero bélico.


Sana, sanita, diario de un enfermero de pediatría

Sana, sanita, diario de un enfermero de pediatría
Armando Bastida / Raquel Gu
Grijalbo

A experiencia dun enfermeiro de pediatría nun centro de saúde, contada con amabilidade pero tamén con espírito crítico.


Sopa fría

Sopa fría
Charles Masson
Diábolo

No medio do inverno un vagabundo foxe do centro de acollida onde residía por mor dunha sopa fría servida por unha enfermeira, algo que el considera un insulto. Baseándose nunha historia real Masson, de profesión médico, recolle no seu relato moitas anécdotas vividas no seu traballo.


Black Jack

Black Jack
Osamu Tezuka
Planeta

Tezuka, considerado o mangaka máis importante da historia, foi estudante de medicina pero, ao igual que Castelao, non chegou a exercer. Nesta serie tivo a intención de representar ao médico que lle tería gustado ser pero nunca foi, a través dun misterioso cirurxán que é todo un xenio do bisturí pero que practica as súas operación de xeito ilegal e cobrando unhas sumas desorbitadas. En cada un dos capítulos autoconclusivos descubrimos un novo caso ao tempo que un dilema médico distinto.