Recomendacións para o Apalpador: os nosos cómics galegos preferidos do 2020

Komic Librería: cómics recomendados


Un ano máis, e sen que a ánomala situación pandémica mude esta «tradición», comezamos a recibir en Komic Librería diversas peticións para acertar plenamente á hora de agasallar banda deseñada. Como cada Nadal, compartimos convosco estas escollas por se vos puidesen ser de utilidade. Comezamos co agarimoso Apalpador que, coma sempre, pregunta polas novidades máis salientables deste 2020 na bd galega (ou en galego), e aquí vos deixamos a nosa resposta:


Benquerido Apalpador:

Pois malia ser un ano estraño e atípico non podemos estar descontentos no eido da banda deseñada galega, xa que ao longo de 2020 apareceron numerosos títulos interesantes e moi, moi variados. Temáticas e xéneros moi diversos (como poderás comprobar de seguido na nosa selección de dez títulos) con estilos gráficos tamén moi distintos, o que nos abre posibilidades para case calquera tipo de lector ou lectora.

Acontecementos como un novo título dun autor da relevancia de Miguelanxo Prado, ou a recuperación por parte da Editorial Elvira e Fosfatina dun tesouro do pasado coma o Esquizoide de Antón Patiño, títulos retranqueiros sobre virus e pandemias (Corona-bios), obras procedentes doutras literaturas (A consulta, os derradeiros días de Santi Brouard), novas entregas de series como Astérix (O menhir de ouro), Tintín (Obxectivo a Lúa e Camiñantes na Lúa), Súper Pataca ou o décimo Bichero de Luís Davila, por non falar da boa colleita que vivimos neste ano nas obras dirixidas cara o público infantil e xuvenil (das que varias delas aparecerán nos vindeiros días na nosa selección de títulos para estas idades, así que permanece atento para non perdelas).

E aínda que estean editados en castelán, non podemos rematar sen falar de dous nomes fundamentais da viñeta galega: David Rubín, que este ano concluíu dúas das series que realiza para o mercado norteamericano (Ether e Rumble) e Emma Ríos, que non só puido ver publicado o terceiro volume de Bella Muerte, senón que ademais foi recoñecida co premio Eisner á mellor portada.

Finalmente, aquí che deixamos as dez obras que seleccionamos como as máis importantes deste ano:


O pacto do letargo

O pacto do letargo
Miguelanxo Prado
Retranca

O excelente e característico debuxo de Miguelanxo regresa con este relato de intriga, fantasía e misterios arqueolóxicos onde a necesidade do equilibrio entre nós e a natureza está ben presente.


A caza

A caza
Alberto Vázquez
Deputación da Coruña

Cun aquel experimental no gráfico e metafórico no narrativo esta obra, que foi merecente do Premio Castelao no 2019, achégase á historia dun home primitivo que vai á caza dun animal.


As pombas de Carboeiro

As pombas de Carboeiro
Inácio / Iván Suárez
Demo Editorial

A comezos do século XIX unha tropa do exército napoleónico chega ata o mosteiro de Carboeiro, onde se atopa retido un frade que lles vai contar unha lenda medieval que ten que ver coas pombas que alí habitan.


Wolfram

Wolfram
Alberto Varela Ferreiro
Xerais

A través dunha curiosa parella de espías na Galicia de finais dos anos trinta e comezos dos corenta esta obra vainos mergullar na relevancia da nosa terra durante a Segunda Guerra Mundial por mor do volframio, un metal importantísimo na fabricación de armas e ferramentas.


Bo tempo

Bo tempo
Alberto Diaz
Demo Editorial

O autor, un ilustrador experimentado, pega o chimpo ata a banda deseñada para nos contar, valéndose das súas propias lembrazas e dunha abondosa documentación, a vida en Madrid do pintor Reimundo Patiño, ofrecéndonos unha ocasión única para (re)descubrir esta figura fundamental da arte galega.


Madialeva

Madialeva
Ana Moreiras
Autoeditado

Recentemente reeditado por Aira das Letras, este libro foi unha das grandes e agradecidas sorpresas do curso. Realizado por unha autora entusiasta e autodidacta as súas páxinas lévannos ata unha vila da provincia de Lugo, onde imos descubrir —cun importante protagonismo feminino— unha chea de pequenas historias do pasado que son as que conforman o presente.


O derradeiro libro de Emma Olsen

O derradeiro libro de Emma Olsen
Pablo Prado
Galaxia

Non é mala carta de presentación esta obra coa cal damos a benvida a Pablo Prado, un prometedor artista que realizou un sorprendente traballo á hora de adaptar á bd a exitosa novela de Berta Dávila.


Elisa e Marcela

Elisa e Marcela
Xulia Vicente
Consello da Cultura Galega

Neste pequeno (en extensión) tebeo a historietista de Cariño amosa todo o seu enorme talento para narrarnos unha fermosa historia de amor e liberdade, a de dúas mellores que desafiaron ao seu tempo para poder estar xuntas.


Coraçom de terra

Coraçom de terra
Xico Paradelo / Irene Veiga / Iván Suárez
Demo Editorial / Através

Sen dúbida unha das homenaxes máis agarimosas que o escritor e intelectual Ricardo Carvalho Calero recibiu co gallo do Día das Letras 2020 foi esta biografía gráfica que nos achega á súa vida e obra.


Dúas moedas

Dúas moedas
Núria Tamarit
Retranca

Unha excelente nova ver editada na nosa lingua esta estupenda historia chea de cor. Unha experiencia autobiográfica que comparte connosco esta autora valenciana, a descoberta doutros xeitos de vivir nunha viaxe de cooperación en Senegal.