Recomendacións para Papá Noel: os nosos cómics internacionais preferidos do 2020

Komic Librería: cómics recomendados


Proseguimos co noso repaso aos títulos que máis nos gustaron neste 2020. Desta volta contestamos unha carta que chegou dende, nin máis nin menos, a afastada Laponia finesa. O seu remitente, como podedes imaxinar, é un entrañable cabaleiro de barba branca e traxe vermello que, como adoita facer cada Nadal, pregunta polas obras de autoría internacional que máis salientamos. Aquí vos deixamos a nosa resposta, os dez títulos que escollemos:


La saga de Grimr

La saga de Grimr
Jérémie Moreau
Norma

Malia levar xa varios meses esgotada a súa edición non podemos esquecer o álbum que máis nos gustou este ano, a épica historia dun orfo dotado dunha forza sobrehumana na Islandia do século XVIII que xa vos comentamos aquí.


El beso número ocho

El beso número ocho
Colleen Af Venable / Ellen T. Crenshaw
La Cúpula

Foi para nós unha auténtica sorpresa deixarnos atrapar por este relato sobre a importancia de aceptarnos a nós mesmos, e aos demais, tal e como somos. Podedes ler tamén o artigo que sobre esta obra fixemos hai uns meses.


Tributo a la tierra

Tributo a la tierra
Joe Sacco
Reservoir Books

Sacco é, se cadra, o autor máis relevante no xénero de xornalismo gráfico, polo que recibir unha nova obra saída das súas mans sempre é un acontecemento. Con este título convídanos a acompañalo nunha viaxe sobre a realidade das tribos indíxenas do Canadá e a explotación dos recursos que sofren as súas terras.


Rencor apache

Rencor apache
Joann Sfar / Christophe Blain
Norma

O agardado regreso do tenente Blueberry, o vaqueiro máis famoso da historia do cómic, unha reinvención a mans de dous dos nomes máis importantes da bd francesa das últimas décadas, que deixan a súa pegada ao tempo que respectan a esencia do personaxe.


Catorce de julio

Catorce de julio
Bastian Vivès / Martin Quenehen
Diábolo

Un atípico thriller contemporáneo ambientado nunha vila do rural francés, un relato sorprendente onde o que non se conta é case tan importante coma o narrado.



Preferencias del sistema

Preferencias del sistema
Ugo Bienvenu
Ponent Mon

Outro título que nos sorprendeu enormemente, un relato de ciencia-ficción ambientado nun futuro próximo que plantexa dilemas máis que interesantes sobre o noso xeito de vida e cara onde nos diriximos como sociedade.


La soledad del dibujante

La soledad del dibujante
Adrian Tomine
Sapristi

Tomine, autor prestixioso e ilustrador recoñecido, desenvolve neste caderno unha serie de anécdotas sobre o día a día dun historietista, tratadas cunha deliciosa e divertidísima ironía.



Miss Davis

Miss Davis
Sybille Titeux de la Croix / Amazing Ameziane
Flow Press

Cunha agradecida frescura gráfica e unha abondosa documentación as autoras convídannos a descubrir a vida e a loita de Angela Davis, a revolucionaria filósofa e activista afroamericana.


Mermaid Project

Mermaid Project
Leo / Corine Jamar / Fred Simon
ECC

Unha nova obra saída da imaxinación do autor de Los mundos de Aldebarán, que neste caso presenta un título cheo de intriga situado nun futuro non moi lonxe e protagonizado por unha intrépida policía francesa que terá que viaxar aos Estados Unidos na procura de respostas para o misterioso caso que ten entre mans.


Verdad

Verdad
Lorena Canottiere
Liana

Protagonizada por unha moza anarquista italiana que se alista nas Brigadas Internacionais para loitar na Guerra Civil española esta obra, delicada, fermosa, poética, é un canto á liberdade e á súa procura e defensa.