8 de marzo, Día Internacional da Muller: un día para reivindicar, loitar, agradecer e ler

Komic Librería: 8 de marzo


Nestes últimos anos estamos a ter a sorte de poder asistir a un fenómeno que agradecemos enormemente: o progresivo aumento do protagonismo da muller no universo da banda deseñada. Como xa temos comentado en máis dunha ocasión para nós, como libreiros e, sobre todo, como persoas, é tremendamente satisfactorio ver como o número de obras realizadas por autoras medra e medra de xeito imparable. Tremendamente satisfactorio porque é de xustiza, porque aporta novos puntos de vista, porque provoca un efecto dominó (crece tamén o número de lectoras ou a visibilidade social das artistas) e porque significa proseguir no camiño cara a igualdade.

E si, queda moito, moito, por facer, pero se comparamos a situación actual coa de hai dez, quince, ou vinte anos atrás, resulta imposible non ser consciente desta revolución. E facelo cun sorriso e con ganas de seguir aportando os nosos pequenos grans de area nesta tarefa que temos que levar a cabo entre todas e todos.

Así que hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, queremos compartir convosco unha pequena mostra disto que vimos de comentar e falarvos de dez nomes, dez autoras, que nos últimos meses achegaron obras moi diversas, de estilos e temáticas variadas, que nos conquistaron completamente. Lembrámosvos así mesmo outros artigos semellantes que fixemos en anos anteriores e que podedes consultar aquí, no apartado «Mulleres e viñetas». E, sen máis, aquí vos deixamos coas autoras:


Ana Moreiras

Komic Librería: 8 de marzo

Autodidacta e entusiasta a partes iguais, Ana sorprendeu hai uns meses con Madialeva, un estupendo relato en galego ambientado nunha vila luguesa que reivindica o papel das mulleres de hoxe, onte e mañá. Os exemplares que inicialmente autoeditara a autora esgotáronse en pouco tempo, e agora volve estar dispoñible publicado por Aira Editorial.


Maris Wicks

Komic Librería: 8 de marzo

Esta ilustradora e historietista estadounidense é un grandísimo exemplo da bd divulgativa para tódalas idades. Da súa man (en solitario ou acompañada do guionista Jim Ottaviani) chegaron títulos tan recomendables e divertidos para aprender como El teatro del cuerpo humano, Astronautas (Mujeres en la última frontera) ou Primates (sobre o traballo das primatólogas Dian Fossey, Jane Goodall e Biruté Galdikas), todas elas publicadas por Astronave.


Rosemary Valero-O’Connell

Komic Librería: 8 de marzo

Malia a súa mocidade a carreira desta norteamericana-aragonesa vai a fume de carozo e xa conta cunha experiencia importante que lle valeu, por exemplo, dúas nominacións aos premios Eisner. Abraiounos co seu excelente traballo gráfico na novela gráfica Laura Dean me ha vuelto a dejar (editada por La Cúpula con guión doutra autora fundamental: Mariko Tamaki), e hai pouco presentaba No te vayas sin mí (Astiberri), tres poéticos relatos curtos cheos de fantasía onde amosa o seu estilo en todo o seu esplendor.


Chloé Wary

Komic Librería: 8 de marzo

Outra novísima autora francesa que vén de facer a súa presentación no mercado en castelán con Temporada de Rosas (Astiberri), unha historia de realismo social sobre unha adolescente que vive na periferia parisina e xoga nun equipo de fútbol. Aquí podedes ler máis sobre esta obra.


Aroha Travé

Komic Librería: 8 de marzo

Dende Terrassa chega esta artista que nos deixou coa boca aberta con Carne de cañón (La Cúpula), un cómic herdeiro do underground, divertido, ácedo e sorprendente, que nos conta as pequenas aventuras de tres irmáns nunha barriada dos arrabaldos.


Anémona de Río

Komic Librería: 8 de marzo

Tras este nome artístico agóchase a viguesa Aldara Álvarez García, formada no Garaxe Hermético e que nos conquistara con Tam, a obra coa que debutou. Co seu estilo, moi achegado á corrente kawaii (un tipo de ilustración xaponesa que podemos traducir como «curriña») presentou hai uns meses o seu segundo álbum, A proba de auga, unha agradable viaxe polo interior do corpo humano protagonizada por unha pinga de auga moi especial.


Nùria Tamarit

Komic Librería: 8 de marzo

Xa hai anos que nos declaramos fans desta moza de Vila-real que garda unha gran conexión con Galicia. Con Duerme pueblo, realizada a catro mans xunto a Xulia Vicente, e con Avery's Blues, con guión de Angux, amosou o seu enorme talento, algo que queda máis que confirmado coa súa última obra, Dúas moedas (editada en galego por Retranca e en castelán por La Cúpula).


Irene Márquez

Komic Librería: 8 de marzo

Dende as páxinas de El Jueves esta autora foi amosando unha mestría innata á hora de facer humorismo gráfico. O seu é un humor negro, macabro, politicamente incorrecto e ao mesmo tempo divertidísimo e xenial, como puidemos comprobar coa publicación de Esto no está bien (Autsaider).


Ana Galvañ

Komic Librería: 8 de marzo

Posuidora dun estilo moi recoñecible e fascinante, tanto narrativa como graficamente, esta ilustradora murciana conta cunha carreira que non deixa de ir a máis, como demostra no seu último e magnífico traballo, Tarde en McBurger's (Apa-Apa).


Tillie Walden

Komic Librería: 8 de marzo

Outro exemplo máis de autora cun estilo propio moi definido e que, a piques de chegar aos vintecinco anos, conta xa cunha obra extensísima. Debutou co relato biográfico Piruetas, asombrounos cos dous volumes da space-opera En un rayo de sol e, hai uns meses, chegaba a metafórica historia de ¿Me estás escuchando?. Falamos, sen dúbida, dunha das figuras clave na última década da novena arte.