Día do Libro 2022
SELECCIÓN DE CÓMICS PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO 2022
Este vindeiro sábado 23 de abril festexamos, coma tódolos anos, a existencia do libro, o fermoso e máxico artefacto que é a razón da nosa existencia como libreiros.
Como podedes imaxinar é unha data ben sinalada e querida para nós e, como en anos anteriores, queremos compartir convosco unha pequena selección de títulos aparecidos nos últimos meses, moi axeitados para celebrar este día e entre os que podedes atopar adaptacións de obras literarias, relatos biográficos sobre autoras e autores e, por último, álbumes onde o libro ten unha relevancia especial.
De seguido vos deixamos os dez cómics que escollimos, agardando que estas suxestións vos sexan de utilidade e desexándovos un moi feliz Día do Libro. Aproveitamos para vos lembrar que durante ese día as compras de libros terán un 10% de desconto, polo que pode ser unha oportunidade estupenda para que nos fagades unha visita. Agardámosvos!
VERNON SUBUTEX, PRIMERA PARTE de Luz e Virginie Despentes (Salamandra Graphic): Un dos títulos máis impresionantes dos últimos meses (e anos). A magnífica adaptación da primeira novela da triloxía na cal Virginie Despentes satiriza de xeito despiadado a decadencia da sociedade do benestar a través do seu protagonista, ex-propietario dunha mítica tenda de discos, e o seu particular descenso aos infernos.
LE PONT DES ARTS, de Catherine Meurisse (Impedimenta): No novo libro da autora de Los grandes espacios, La comedia literaria ou La levedad a pintura e a literatura danse a man a través de diversos exemplos de amizades entre recoñecidos escritores e pintores salientables, todo narrado co particular estilo dinámico e divertido de Catherine Meurisse.
CALPURNIA (volumes 1 e 2), de Daphné Collignon (Libre Albedrío): En dous tomos dirixidos cara o público xuvenil a autora adapta coidadosamente a novela de Jacqueline Kelly sobre unha rapaza entusiasmada coa natureza e o seu estudo no comezo do século XX.
VALLE-INCLÁN, de Manolo López-Poy y Kepa de Orbe (Cascaborra): Un achegamento á fascinante figura do escritor galego, creador do esperpento e un dos máximos expoñentes do modernismo. A súa vida bohemia e esaxerada atópase representada con imaxinación nesta documentada biografía.
O VOO DA CURUXA. UNHA TARDE NO PAZO DE MEIRÁS CON DONA EMILIA, de Inacio y Iván Suárez (Demo): A parella creadora, responsable dos catro tomos onde levaron á banda deseñada a vida e obra de Castelao, céntrase desta volta na figura de Emilia Pardo Bazán nun relato que abala entre o real e o literario a partir das horas que a escritora pasou, no final da súa vida, co cineasta Eduardo Zamacois, no único rexistro cinematográfico que se conserva dela.
EX LIBRIS, de Matt Madden (Salamandra Graphic): O protagonista desta historia aparece, sen saber moi ben como ou porqué, nun cuarto cheo de libros. Así comeza este fascinante relato metaficticio, lúdico e experimental, no cal Matt Madden segue o ronsel de escritores como Borges, Italo Calvino ou Cortázar.
NADA, de Claudio Stassi (Planeta): atreverse con La ciudad de los prodigios, de Eduardo Mendoza, o historietista italiano afincado en Barcelona regresa á Cidade Condal da primeira metade do século XX trasladando ás viñetas con acerto e agarimo a excepcional novela existencialista de Carmen Laforet.
R.U.R., ROSSUM´S UNIVERSAL ROBOTS de Katerina Cupová y Karel Čapek (La Cúpula): Esta ilustradora checa adapta con atrevemento unha obra teatral de ciencia-ficción do ano 1920, un deses fascinantes casos que, máis de cen anos despois, segue a ter vixencia e relevancia como relato sobre a intelixencia artificial e a alma das máquinas.
THE BOOK TOUR, de Andi Watson (Nuevo Nueve): Nesta novela gráfica acompañamos a un escritor na xira de promoción do seu último libro, unha viaxe delirante que deriva cara un pesadelo de aires kafkianos.
EL MUNDILLO LITERARIO, Nesta compilación de relatos curtos, tiras gráficas e viñetas humorísticas a artista inglesa explora cunha retranca deliciosa o universo que rodea o libro. Escritores, editores, libreiros, lectores…aparecemos retratados coa elegante ironía que caracteriza á autora de Tamara Drewe.
Finalmente, aquí vos deixamos unha ligazón onde poderedes atopar os artigos que, co gallo desta data, escribimos en anos anteriores.