AS ÚLTIMAS NOVIDADES NA BD GALEGA

Arrepío

Como vén sendo habitual as datas veraniegas, en especial a celebración de Viñetas desde o Atlántico na Coruña, veñen acompañadas dalgunhas importantes novidades na banda deseñada galega. Aquí vos deixamos as correspondentes a este ano:

Os escachapedras Os escachapedras, de Marilar Aleixandre e Fran Bueno (Demo): - A intrépida editora coruñesa inaugura a súa colección de bd infantil Demo Pequeno recuperando unha das series máis lembradas da histórica publicación Golfiño, as divertidas aventuras dun grupo de nenos acompañados polo seu gato Rabelo que, malia os vinte anos transcorridos dende a súa aparición, seguen a ser unha lectura máis que recomendable para os primeiros lectores e lectoras.

Cósmico, o bombeiro galáctico Cósmico, o bombeiro galáctico, de Fon (Xerais): - Un divertidísimo e imaxinativo relato destinado aos lectores máis cativos onde Fon, autor doutras obras infantís tan salientables como Curuxa ou Gazafellos, volve empregar o seu talento e o seu humor para nos presentar unha historia chea de chispa na que engade tamén unha mensaxe ecoloxista sobre a necesidade de coidar a natureza.

Roxín Roxal: a daga do conde Roxín Roxal: a daga do conde, de Manel Cráneo e Brais Fierro (Demo): - Inspirándose na famosa lenda das terras de Eume os autores reconstrúen o amor imposible entre Roxín, doncel de Don Nuno, señor dos Andrade, e Tareixa, a filla deste último. Un relato onde a aventura e o misterio son mesturados sabiamente co aquel romántico e tráxico da lenda e que ben podería ser o inicio dunha saga de aventuras protagonizada por este afouto personaxe.

The Drop The Drop, de Xulia Pisón (autoeditado): - Xulia, unha das nosas autoras preferidas, autoedita esta sorprendente proposta, un convite a unha onírica viaxe marabillosa en 3D que aceptamos encantados e que vos recomendamos cos ollos pechados (ou, mellor dito, ben abertos, que hai moito que ver neste libriño!!!).

As ruínas de Lisboa As ruínas de Lisboa, de Esteban Souto (Aira): - Con esta obra dámoslle a benvida a Esteban Souto, ilustrador vigués que fai o seu debut na banda deseñada con este relato no que unha parella de mozos, acompañados duns amigos, baixan ata Lisboa nunha viaxe que porá a proba a súa relación.


Altar Mutante Altar Mutante #11, vv.aa. (autoeditado): - Unha das moitas cousas que nos encantan de agosto é devorar a nose dose anual de Altar Mutante, o fanzine de terror e ciencia-ficción por antonomasia. Undécima entrega a deste ano, que chega, coma sempre, chea de historias de calidade da man de diversos autores e autoras que vos porán a pel de galiña.

Arrepío Arrepío, vv.aa. (Demo): - Como xa fixera no álbum Lícor café Demo reúne neste volume a trece autoras e autores da bd galega contemporánea, desta volta arredor do xénero de terror, polo que temos trece arrepiantes relatiños curtos de estilos moi variados ambientados en trece lugares distintos da nosa xeografía.

A conta atrás A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi San Julián (ECC): - Catorce anos despois da aparición da primeira parte deste título, e cando moitos e moitas tiñamos case perdida a esperanza de ver rematada esta obra, aparece este tomo integral no que por fin podemos aprezar na súa totalidade esta crónica sobre o desastre do Prestige, unha ficción histórica que presenta, dende distintos puntos de vista, a enorme traxedia que vivimos hai vinte anos.