Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de outubro de 2012

Vapor


Mentres comezamos a dixerir as numerosas e interesantes novidades de novembro, aproveitamos para falarvos do máis salientable que, ao noso ver, nos deixou o mes de outubro.

Ramiro, Vapor

Quizais unha das obras máis rechamantes foi a edición integral de Ramiro, outra das obras de William Vance (debuxante de XIII) que permanecían inéditas e que Ponent Mon está a recuperar. Desta volta trátase dun cómic de época moi ben documentado, unha historia de aventuras ambientada no medievo ibérico e que, como curiosidade, remata na nosa cidade, Santiago de Compostela, cos protagonistas diante do Pórtico da Gloria nunha catedral ben distinta da actual.

Outro clásico, pero dun estilo completamente distinto, que volveu aos nosos andeis con gran aceptación entre o público foi Max, un dos pioneiros do underground patrio. Seis anos tiveron que pasar dende a publicación de Bardín (Premio Nacional de Cómic 2007) para poder volver a gozar coa obra do ilustrador barcelonés en Vapor (La Cúpula). Nela fai unha crítica da sociedade actual, afogada na banalidade, cando o protagonista, Nicodemo, decide fuxir dela e marcharse ao deserto.

El polvo de los antepasados, El Cavalier - El Sr. Thompson

Outras obras da editorial catalana que chamaron a nosa atención foron El polvo de los antepasados, de Félix Pestemer, unha homenaxe aos pintores muralistas mexicanos, e El Cavalier - El Sr. Thompson, de Rich Tommaso, da que xa falamos nesta página.

Sherman, Parker

Gustounos a segunda parte de Sherman (Norma), unha historia de corrupción política, segredos e vinganza na Nova York dos anos 40 con guión de Desberg e debuxo de Griffo, e o terceiro volume de Parker (Astiberri), a traslación á bd das novelas de Richard Stark que fai Darwyn Cooke co seu particular estilo.

Atar Gull, Olympe de Gouges

E tamén Atar Gull (Dibbuks), onde Fabien Nury e Brüno adaptan unha novela do escritor francés Eugène Sue, e contan a dura historia dun escravo nos primeiros anos do século XIX, dende que é capturado en África ata a súa vida en Xamaica.

Destacamos así mesmo Olympe de Gouges (Sins Entido), onde o equipo creativo responsable da bd sobre a vida de Kiki de Montparnasse (Catel e Bocquet) plasman a vida da escritora, dramaturga, panfletista e política francesa que foi unha das pioneiras do feminismo e da loita pola igualdade.

Novia ante la estación, Hokusai
Cómpre falar tamén de dúas novidades xaponesas que, ademais dos novos números das series manga máis vendidas, atoparon unha boa resposta entre os lectores e lectoras. Por unha banda, Novia ante la estación (EDT), a última obra de Shintaro Kago, onde recompilan 14 relatos curtos dun autor desacougante e perverso, pero que algúns consideran un xenio. E pola outra, Hokusai (EDT), de Shotaro Ishinomori, a biografía do famoso artista nipón que namorou aos impresionistas europeos.

Kick-Ass 2, Asalto a la mansión

Dentro da bd superheroica americana sobresae claramente a segunda parte de Kick-Ass (Panini), a violenta e comercial historia de Mark Millar e John Romita Jr. onde un rapaz normal e corrente decide poñerse un disfrace e loitar contra o crime.

E, dentro da reedición de obras clásicas, como non falar de Asalto a la mansión, a mítica aventura de Los Vengadores onde Roger Stern e John Buscema revolucionaron a historia do popular supergrupo.

Holy Terror

Iso si, debemos facer mención ao fiasco de Holy Terror (Norma), a última e decepcionante obra de Frank Miller, na que sitúa a un heroe moi semellante a Batman (The Fixer) contra Al-Quaeda e que, grazas ao seu caracter baleiro e pseudofascista, pasou sen pena nin gloria entre as novidades deste mes.

Yakari, Astro-Ratón y Bombillita

E por último, pero non menos importante, dúas novidades que deixaron encantados aos nosos pequenos lectores: o tomo 11 de Yakari (Norma), e o segundo de Astro-Ratón y Bombillita (Bang). Este último xa foi reseñado na nosa páxina web, e o comentario sobre o primeiro aparecerá nos vindeiros días.

Imos rematando xa, pero non sen avisaros que vaiades collendo forzas porque novembro si que está a ser un mes potente en cuestión de novidades, das que vos iremos falando nas próximas semanas.