Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de novembro de 2012

Komic Librería: Ardalén


Facemos o noso tradicional resumo das novidades máis destacadas, ao noso ver, deste mes de novembro que vén de rematar.

Komic Librería: Ardalén + El Cazador Cazado

Sen dúbida a obra que acadou maior aceptación entre o público da librería foi a agardadísima Ardalén, publicada simultaneamente por El Patito en galego e por Norma en castelán. Tras varios anos a agardar por algo novo de Miguelanxo Prado o autor coruñés, auténtico tótem da BD galega, sorprende cun tomo de 256 páxinas onde reflexiona sobre os recordos e os mecanismos da memoria co seu persoal e pictórico estilo.

Outros pesos pesados da historieta europea, Moebius, Boucq e Hermann, chegaron á nosa librería da man de Norma editorial. En El Cazador Cazado, Moebius convídanos a acompañar de novo ao Maior Grubert nas oníricas terras do Garaxe Hermético, no que foi un dos seus últimos traballos.

Komic Librería: Coronel Amos + Ojo del Cielo

François Boucq pon o debuxo e Didier Alcante o guión en Coronel Amos no cuarto (e claramente máis redondo ata o momento) tomo de XIII Mistery, a serie sobre o universo da obra de Van Hamme e Vance.

Pola súa banda Hermann, un dos máximos expoñentes da BD histórica, achéganos unha nova aventura protagonizada por un dos descendentes do cabaleiro Aymar de Bois-Maury, desta volta situándoo en América durante a conquista española en Ojo del Cielo, o décimo quinto tomo da saga de Bois-Maury.

Komic Librería: Ramiro Integral + Ringo Integral

E seguimos con clásicos da BD europea, novos integrais de William Vance editados por Ponent Mon: un de ambientación medieval, Ramiro (realizada en colaboración con Jacques Stoquart e xa reseñado na nosa páxina) e Ringo, un western que fará as delicias d@s afeccionad@s ao xénero.

Komic Librería: Shigeru Mizuki Autobiografía 2 + Ahora que aún me acuerdo

E seguimos con máis autores consagrados, neste caso narrando as súas memorias: o xaponés Shigeru Mizuki, un autor que é un mito no seu país e que nos últimos anos imos descubrindo da man de Astiberri, vai xa polo segundo tomo (de seis) da súa Autobiografía, onde segue a narrar a súa apaixonante vida.

Nunha onda totalmente distinta, pero tamén moi interesante, salientamos Ahora que aún me acuerdo de todo (o casi)…, de Romeu, o creador de Miguelito (que publicou en El País durante 33 anos).

Komic Librería: Colección Jaimito de Caramba

Moi boa acollida tiveron os novos números da colección Jaimito editados por ¡Caramba!, o proxecto editorial de Manuel Bartual e Alba Diethelm que non deixa de sorprender. Tras Ser un hombre: cómo y por qué, de Albert Monteys, e Infame, de Néstor F., chegaron ás nosas mans o desacougante e hipnótico La muerte en los ojos, de David Sánchez, e o xenialmente paródico Cosmic Dragon, de Carlos Vermut.

Komic Librería: Puntos de experiencia + Marieta

Outra obra de autores nacionais que chamou a nosa atención foi Puntos de experiencia (Dibbuks), unha historieta na que Josep Busquet e Pere Mejan contan como é xogar ao rol cando os corenta non quedan lonxe.

Por último, pero non menos importante, destacamos unha deliciosa novidade de Dibbuks, orientada cara o público infantil, pero cunha lectura que os adultos tamén podemos gozar. Titúlase Marieta. Los recuerdos de Naneta #1: La vida en el campo, e son as lembranzas de infancia dunha entrañable velliña.

E isto foi todo, simplemente recomendaros que vos supervitaminedes e supermineralizedes ben, porque as novidades de decembro, que veñen de arribar á librería, son moi, moi apetecibles, xa vos contaremos...