Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de xaneiro de 2013

Komic Librería: Novedades


Comezou con forza o 2013 en Komic Librería, con moitas novidades interesantes, algunhas delas protagonizadas por algúns dos nosos autores preferidos. Como é habitual, facemos un pequeno resumo do máis salientable, non sen antes recordarvos a publicación de The Long Tomorrow, de Moebius, que xa anunciamos na web.

Komic Librería: Métal Hurlant - Century 2009

Volve aos nosos andeis Alan Moore, acompañado desta volta por Kevin O’Neill, para poñer punto e final ao terceiro volume de La Liga de los Hombres Extraordinarios con Century: 2009 (Planeta) que, tras 1910 e 1969, pecha as sorprendentes aventuras do literario supergrupo.

Komic Librería: El Rayo Mortal - Gilipolleces

Outro peso pesado, Daniel Clowes, preséntanos a súa particular versión superheroica con El Rayo Mortal (Random House Mondadori), unha desacougante novela gráfica sobre un rapaz con superpoderes activados pola nicotina. Tamén regresa Peter Bagge, desta volta cunha escolma de historias curtas titulada Gilipolleces (La Cúpula), onde podemos aprezar as primeiras historietas deste autor de culto.

Komic Librería: La Isla de los Cien Mil Muertos - Paul en Quebec

O noruegués Jason, un artista persoal e inclasificable, achéganos a súa obra La Isla de los Cien Mil Muertos (Astiberri). Desta volta cun guión alleo, pero adaptado ao seu persoal estilo como unha luva, cóntanos unha historia de piratas e verdugos que fará as delicias dos seus afeccionad@s. Outro autor cun estilo propio e con moitos seguidores é Michel Rabagliati, que en Paul en Quebec (Astiberri) reflexiona sobre a morte, a perda dun ser querido e a indepencia do Quebec.

Komic Librería: Magasin Général 7, Charlestón - Castilla Drive

Precisamente alí está situada unha das series que máis nos están a gustar nos últimos tempos, Magasin Général (Norma), a obra feita a catro mans por Régis Loisel e Jean-Louis Tripp, e da que vén de saír o seu sétimo volume: Charlestón.

Komic Librería: La Banda de los Postizos - La loca del laberinto

O xénero negro goza de boa saúde nestos últimos tempos, e boa mostra disto son Castilla Drive (La Cúpula), unha sobria e claustrofóbica historia escrita e debuxada por Anthony Pastor, La Banda de los Postizos e La loca del laberinto, ámbalas dúas editadas por Norma Editorial e xa comentadas na nosa páxina web.

Komic Librería: Enemigo - Autobiografia. Libro 3

Cómpre falar, por suposto, do noso benquerido Jiro Taniguchi, de quen Ponent Mon publica Enemigo, unha obra antiga pero inédita en español, chea de acción e situada nunha hipotética república sudamericana. E tamén dende Xapón chega o terceiro volume da Autobiografía (Astiberri) de Shigeru Mizuki, o nonaxenario mangaka que segue a enfeitizarnos coa historia da súa vida, esta vez centrándose na súa experiencia como soldado na Segunda Guerra Mundial.

Komic Librería: Naruto 61

Non podemos deixar de falar das novidades máis recomendables para o público infantil e xuvenil, e aí, está clarísimo, un dos reis é Naruto e o seu número 61, o primeiro editado por Planeta de Agostini, onde prosigue a andaina deste ninja que ten fascinado a medio mundo.

Komic Librería: Una Asombrosa Aventura de Jules - Marco Antonio

A nós gustóunos especialmente o segundo tomo de Una asombrosa aventura de Jules (Ponent Mon), a serie de Émile Bravo da que xa fixemos a recensión do primeiro, e a reedición en formato integral de Marco Antonio (EDT), de Mique Beltrán, e que moit@s lembraredes das páxinas de El Pequeño País.

Komic Librería: Marcopola, a illa remeira

Tamén a edición en galego que Xerais fai de Marcopola, a illa remeira, de Jacobo Fernández, que na súa versión en castelán leva moito tempo sendo unha das obras preferidas para os maís cativos.

Komic Librería: Os Lobos de Moeche - A Torre dos Mouros

E para rematar, lembrar a segunda edición de Os Lobos de Moeche, de Manel Cráneo, que vén complementada por unha obriña sobre A Torre dos Mouros, a fortificación recentemente descoberta preto de Lira.

E isto foi todo, coma sempre algo quedará no tinteiro, pero agardamos que este resumo vos sexa de utilidade.