Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de marzo de 2013

Komic Librería: destacados mes de marzo


Faltan poucos días para que comece o 31 Salón Internacional del Cómic de Barcelona, o festival máis importante de banda deseñada a nivel estatal, e un dos momentos do ano que amorean un maior número de novidades editoriais. Algunhas irán chegando nos vindeiros días a Komic Librería, mentras que outras xa están a disposición do público, e moitas forman parte das obras aparecidas en marzo que salientamos no noso habitual resumo mensual.

Komic Librería: Os días do cometa, O fillo da furia

A nova obra do dúo lugués formado por Manolo López Poy e Miguel Fernández, Os días do cometa (Demo), presentada el pasado viernes 22 de marzo en Komic Librería, é por méritos propios unha das que máis gustaron nas últimas semanas: a violenta e apaixonante historia de vinganza ambientada no rural galego a mediados dos oitenta está a chamar a atención dun público moi diverso, non só d@s fanátic@s do xénero negro. Lembrámosvos así mesmo que a súa saída coincide coa reedición do seu primeiro traballo, O fillo da furia.

Komic Librería: Ramiro Integral 2, Atajos

Salientamos tamén o segundo tomo integral das aventuras de Ramiro (Ponent Mon), realizado por Willian Vance, unha serie de corte clásico ambientada no medievo ibérico e que está a facer as delicias d@s afeccionad@s ao xénero histórico. E de clásico, pero neste caso do xénero underground, podemos catalogar a Martí, que despois de varios anos de silencio volve á primeira liña con Atajos (La Cúpula), escolma de pequenos relatos escuros e desacougantes.

Komic Librería: La peor banda del mundo, los años Sputnik

Astiberri rescata obras de dous dos autores europeos máis persoais e interesantes, e aos que en Komic Librería temos especil agarimo, coma son o portugués Jose Carlos Fernandes e o francés Baru. Do primeiro reedita La peor banda del mundo, as surrealistas e borgianas peripecias dunha banda de jazz que, tras trinta anos de ensaios, aínda non conseguíu tocar en directo, que xa fora publicada por Devir hai bastantes anos en seis tomiños (dos cales este exemplar recompila os tres primeiros), e que era imposible de atopar hoxe en día. E do noso aprezado Baru publica Los años Sputnik, un integral que reúne catro tomos publicados en Francia entre 1999 e 2003, e nos que fai a crónica dunha pequena vila obreira a finais dos anos cincuenta, vista dende a perspectiva dun neno.

Komic Librería: La cuerda del laud

Outro debuxante moi persoal, cun marabilloso e cativador estilo propio, é Jim Woodring, do cal os amigos de Fulgencio Pimentel teñen a ben achegarnos nunha espectacular edición La cuerda del laud, o terceiro volume que a editorial rioxana publica das aventuras de Frank, o personaxe máis característico do autor norteamericano. Unha fascinante obra de arte en todos os sentidos.

Komic Librería: Rosa y Javier, En las montañas de la locura

Temos tamén o pracer de salientar unha obra debutante, Rosa y Javier, unha dura e tenra historia de superación na que Rosa tenta sacar das drogas e recuperar ao seu fillo Javier. Con guión de Paco Hernández e debuxo de José Ángel Ares, un dos nosos komiqueiros habituais, e a quen queremos felicitar pola boa acollida desta novela gráfica. Noraboa, José Ángel!

Outra obra que está a gustar moito é a adaptación do relato de H.P. Lovecraft En las montañas de la locura (Sins Entido) que nos presenta Ian Culbard, o debuxante das aventuras de Sherlock Holmes que está a publicar Norma Editorial.

Komic Librería: Los Muertos Vivientes 17, American Vampire 5

E, por suposto, hai que falar do último e agardadísimo número dunha das series de moda: Los Muertos Vivientes (Planeta), a bd na que se basea a televisiva The Walking Dead, e que na súa edición española chegou xa ao seu tomo dezasete, un dos máis duros e ao mesmo tempo máis interesantes publicados ata o de agora. Semella que Robert Kirkman, creador e guionista das peripecias do grupo de supervivintes que comanda Rick Grimes, ten corda para rato. E nós, e os numerosos seguidores da serie, encantados. Como o estarán os lectores da vampírica saga American Vampire (ECC), de Scott Snyder e Rafael Albuquerque, e que no seu quinto tomo pecha con mestría moitos dos fíos argumentais abertos en capítulos anteriores.

Komic Librería: Supercómic
Con Santiago García exercendo de coordinador chega un interesantísimo ensaio sobre a banda deseñada: Supercómic (mutaciones de la novela gráfica contemporánea), que reúne artigos sobre a novena arte escritos por xente tan diversa como Eddie Campbell, Pepo Pérez ou Óscar Palmer. Ademais, o tomo publicado por Errata Naturae inclúe unha historia inédita debuxada a catro mans por Max e Mireia Pérez, na que reflexionan sobre a creación artística.

Komic Librería: Los niños del otro lado 2, La saga de Atlas & Axis 2

E para rematar temos que falar do segundo volume dunha das bandas deseñadas orientadas cara o público xuvenil que máis gustaron non últimos tempos: obra de Nykko e Bannister, Los niños del otro lado (Dibbuks) conta o que lles acontece a catro rapaces cando atopan unha porta cara un mundo fantástico, e podemos seguir as súas aventuras nesta continuación. E outra segunda parte que nos achega a editorial madrileña é a da obra do mallorquín Pau, La saga de Atlas & Axis, unha imaxinativa e fantástica historia protagonizada por dous cans moi aventureiros.

Komic Librería: Sherman 3, La Gran Odalisca, The Spirit 1

Pois nada máis, agardamos expectantes moitas das novidades que recibiremos nos vindeiros días e das que vos falaremos con máis detalle proximamente, coma son o terceiro e derradeiro volume de Sherman (Norma), a nova e sorprendente obra de Bastian Vivés, La gran odalisca (Diábolo), ou o tomo de The Spirit (Panini) que recolle as versións que do personaxe de Will Eisner fixeron artistas coma Alan Moore, Neil Gaiman ou Paul Chadwick.

Isto é todo, que aproveite e ata o vindeiro mes!