Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de abril de 2013, Parte 1

Komic Librería: Guía del mal padre


Pois ben cargado de gorentosas novidades estivo o mes de abril. Entre as habituais de cada mes e as correspondentes ao Salón do Cómic de Barcelona suman un número considerable, polo que decidimos partir en dous o noso tradicional resumo mensual. Adiantámosvos hoxe parte delas, e mañá remataremos o noso repaso do máis salientable, ao noso ver, destas últimas semanas.

Komic Librería: Guía del mal padre - Darth Vader e Hijo

Auténtico furor causaron dous títulos con algunha coincidencia entre si: os dous son humorísticos, protagonizados por unha figura paterna e de seguro sorprenderán aos seguidores dos seus respectivos autores. Falamos de Guy Delisle, que nos achega Guía del mal padre (Astiberri), e de Jeffrey Brown e o seu Darth Vader e hijo (Planeta).

O autor de Pyongyang muda o seu rexistro habitual e con grandes doses de humor mostra escenas da súa vida cotiá cos seus fillos nas que se autoretrata coma un pai bastante irresponsable. O americano Jeffrey Brown, pola súa banda, abandona tamén as súas características historias autobiográficas para facer un divertido e fermoso libriño que gustará especialmente aos fans de Star Wars, xa que presenta a Darth Vader e a Luke Skywalker tendo unha relación paterno-filial que nunca viramos nas películas...

Komic Librería: Macanudo, Volumen 8 - Ni puta gracia

Outras obras recomendables se vos apetece rir e sorrir serían o oitavo volume de Macanudo, as tiras do arxentino Liniers que cativan a un gran número d@s komiqueir@s habituais, e unha agradecida volta, a do alemán Joscha Sauer e o cuarto tomo compilatorio de Ni puta gracia (ECC), onde volveremos atopar os seus brillantes gags protagonizados por, entroutros personaxes delirantes, lemmings, pallasos, dinosauros ou yetis.

Komic Librería: Gorazde - Palestina

Este mes de abril chegou tamén unha importante nova para a banda deseñada galega, coa publicación na nosa lingua de dous títulos imprescindibles, claros expoñentes do xornalismo documental en viñetas: Palestina e Gorazde, zona segura, de Joe Sacco, ámbolos dous editados por Rinoceronte, editora á que agradecemos o esforzo que está a facer por publicar en galego obras canónicas da bd internacional.

Komic Librería: Grandes verdades de la humanidad - El fuegoKomic Librería: Humor amarillo - Final de Liga

Tamén con moito voluntarismo aterraron nos nosos andeis as dúas últimas obras editadas pola independente e sempre sorprendente ¡Caramba!: Grandes verdades de la humanidad, de Carlos de Diego, e El fuego, de Miguel B. Núñez, ademais de dúas xeniais series de láminas ilustradas por Néstor F., que recrea aos personaxes do mítico programa de TV Humor amarillo, e por Albert Monteys, que aporta a súa particular visión dos personaxes clásicos da Liga da Xustiza en Final de Liga.

Komic Librería: Alter y Walter o La Verdad Invisible - La colmena

Outra recente e inqueda editora, Entrecómics, achéganos un magnífico e surrealista relato, Alter y Walter o La Verdad Invisible, de Pep Brocal. Unha historia redonda e kafkiana, coma outra das novidades destacadas, La colmena (Reservoir Books), a agardada segunda parte da triloxía que Charles Burns comezou con Tóxico e na que o autor de Agujero negro vólvenos a conquistar co seu enigmático e onírico universo.

Komic Librería: La cuerda del laúd

E outro dos autores contemporáneos máis interesantes e persoais, Jim Woodring, comparte connosco unha nova entrega das abraiantes aventuras do seu personaxe Frank en La cuerda del laúd, de novo editado de maneira exquisita por Fulgencio Pimentel.

Komic Librería: Creepy presenta Richard Corben - Spirit, las nuevas aventuras

Para rematar esta primeira parte do noso resumo de novidades falaremos de varios retornos ilustres, coma o do clásico Richard Corben, de quen Planeta vén de publicar Creepy presenta Richard Corben, unha escolma dos seus terroríficos traballos nas revistas Creepy y Eerie, ou o de Spirit, o aventureiro creado por Will Eisner que volve nun tomo (Spirit, las nuevas aventuras, Panini) no que están recollidas as historias que autores da talla de Alan Moore, Neil Gaiman ou Dave Gibbons fixeron sobre o detective enmascarado.

Komic Librería: Hombre

E non serán pouc@s os que agradezan a nova edición que EDT fai de Hombre, a apocalíptica obra mestra guionizada por Antonio Segura e debuxada por José Ortiz, un clásico do cómic español polo que non pasan os anos.

Pois isto foi todo por hoxe, agardámosvos mañá coa segunda parte das nosas novidades destacadas. Boas lecturas a tod@s!