Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de maio de 2013

Komic Librería: Panorama


O tempo pasa voando e, case sen tempo de gozar coas numerosísimas publicacións interesantes que tivemos en abril, vén de rematar maio, outro mes que pasa deixando todo un ronsel de novidades apetecibles que vos comentamos de seguido no tradicional resumo mensual de Komic Librería.

Komic Librería: Castelao. Máis alá!, Marcopola 2. Os piratas da lúa

Sempre sentimos unha gran satisfacción cando chegan boas obras a Komic Librería, e aínda máis se temos a sorte de estar involucrados na súa xestación, como é o caso da nova e agardada entrega da biografía gráfica de Castelao. Máis alá!, onde Inacio e Iván Suárez continúan a contarnos a vida deste gran persoeiro da cultura e da política. Neste terceiro tomo, coeditado por Demo Editorial e Komic Librería, coñeceremos un chisco máis á percepción artística do noso rianxeiro protagonista, nun álbum ambientado en París e xa comentado nesta mesma páxina.

Outra novidade moi agardada dentro da banda deseñada galega, e que abofé será moi ben recibida por cativos e cativas, é Os piratas da lúa, o segundo volume das aventuras de Marcopola, a illa remeira, a creación de Jacobo Fernández Serrano que publica Xerais.

Komic Librería: Thomas Noland Integral, El Último Cátaro 3 - El Juicio de Dios

Un dos xéneros comiqueiros máis populares é o de aventuras, e os seus adeptos están de noraboa, pois Ponent Mon vén de editar Thomas Noland, de Pecqueur e Franz, un clásico da bd europea que narra a emocionante saga da familia Noland ao longo de máis dun século. Así mesmo máis dun recibirá con ledicia a nova da publicación do terceiro tomo de El último cátaro (12bis), titulado El Juicio de Dios e onde Delalandre e Lambert continúan coas andainas de Escartille, o trovador cátaro.

Komic Librería: División Azul

Salientamos tamén tres títulos de corte bélico moi distintos entre si: o galego Fran Jaraba presenta División Azul (De Ponent), unha complexa trama de espionaxe e amor co pano de fondo da Segunda Guerra Mundial, e na que a nosa cidade ten un papel importantísimo.

Komic Librería: El piloto del Edelweiss, El aliento del Wendigo

En El piloto del Edelweiss (Norma) Yann e Higault comezan unha nova serie sobre pilotos ambientada en 1917, co seu espectacular e documentadísimo debuxo como principal reclamo. E por último, El aliento del Wendigo (Norma), unha terrorífica historia situada tamén na Primeira Gran Guerra e na que Charles Adlard (o debuxante de Muertos Vivientes) pon imaxes ao texto de Mathieu Missoffe.

Komic Librería: El cuarto de Lautréamont, Rembrandt

Dentro da bd europea cómpre falar de El cuarto de Lautréamont (Sins Entido), unha surrealista historia ambientada no bohemio París de finais do XIX que chega ata nós da man de Edith e Corcal. Outra obra que chamou a nosa atención foi Rembrandt (primorosamente editada por Norma), onde o holandés Typex rende unha fermosa homenaxe ao seu famoso paisano.

Komic Librería: Thoreau. La vida sublime

E outra biografía interesante é a que nos achegan Maximilien Le Roy e A. Dan, que en Thoreau. La vida sublime (Impedimenta) recrean a vida do filósofo e escritor norteamericano, considerado o pai da desobediencia civil.

Komic Librería: Hamlet, Los 6 viajes de Lone Sloane

Resultan tamén moi apetecibles dúas espectaculares reedicións: Hamlet (001), na que Gianni di Luca adapta o clásico de Shakespeare, e Los 6 viajes de Lone Sloane (EDT), de Phillipe Druillet, unha das obras máis rompedoras e imaxinativas da ciencia-ficción europea.

Komic Librería: El garaje hermético, El mono de Hartlepool

Por último, lembraros a nova edición do clásico de Moebius El garaje hermético (Norma), e a magnífica e abraiante historia de El mono de Hartlepool (Dibbuks), que xa comentamos aquí.

Komic Librería: Fatale, Cuento de arena

Dende a outra beira do Atlántico chega o primeiro tomo da nova obra de Ed Brubaker e Sean Philips, un noir con tintes sobrenaturais titulado Fatale. La muerte me persigue (Panini), do que xa falamos aquí. E un sorprendente título que vén de gañar numerosos premios nos Estados Unidos, no que Ramón K. Pérez plasma nas viñetas un guión cinematográfico perdido de Jim Henson, unha historia onírica e visualmente impactante publicada por Norma nunha edición estupenda: Cuento de arena.

Komic Librería: Buen perro

Tamén salientamos Buen perro (La Cúpula), unha metáfora da experiencia humana a través das vivencias dun can da rúa, na que é a primeira obra de Graham Chaffee publicada en español.

Komic Librería: Videojuegos, Conspiraciones

E a nivel nacional resulta imposible non falar dos dous primeiros números da colección Leyendas Urbanas editados por Astiberri: Videojuegos, de David Sánchez, e Conspiraciones, de Jose Domingo, onde estes dous autores revisan e aportan a súa visión de, respectivamente, o control mental a través dos videoxogos e as sociedades secretas.

Komic Librería: Huracán de sensatez, Panorama

Un dos nosos autores preferidos, Paco Alcázar, achéganos unha compilación de historias e ilustracións publicadas en distintos medios durante a última década en Huracán de sensatez (Diábolo). Estes tres autores están presentes na moi interesante escolma Panorama. La novela gráfica española hoy (Astiberri), unha antoloxía de historias inéditas de trinta autores contemporáneos de estilos diversos e variados.

Komic Librería: ¿Y si nos quitan lo bailao?

Tamén debemos subliñar a última marabilla editada polos amiguetes de Autsaider Cómics, ¿Y si nos quitan lo bailao?, a intelixente labazada gráfica chea de consciencia social que propón LeRaúl.

Komic Librería: El Capital

Para rematar comentámosvos que, dende hai un tempo, a editorial Herder, especializada en libros de temática filosófica e espiritual, está a publicar clásicos literarios do pensamento en formato manga, cunha notable aceptación entre o público. A estes variados títulos, que van dende El príncipe de Maquiavelo a Así habló Zaratustra de Nietzsche, uníuse con moitísimo éxito este mes a adaptación de El Capital, de Karl Marx, demostrando, unha vez máis, que a novena arte é moito máis versátil do que semella a primeira vista.

E nada máis: ata aquí chegamos, pode que non estean todas as que son, pero son todas as que están. Agardamos que vos fora de utilidade este pequeno repaso, e ata o mes que vén, que xa comezan a chegar as novidades de xuño, capitaneadas pola nova edición do Watchmen (ECC), a obra mestra de Alan Moore e Dave Gibbons. Bo mes e boas lecturas para tod@s!