Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en decembro de 2013

Top 10 Komic Librería


Pois xa rematou o Nadal e, tras as visitas do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos, das enchentas nas paparotas, das reunións familiares, de case afogar coas uvas e dos propósitos de Aninovo voltamos á normalidade, así que aquí vos deixamos o noso tradicional e particular Top 10 das obras editadas durante o pasado mes de decembro, ¿ou pensabades que nos iamos esquecer?


10

Komic Librería: Capitán Trueno FacsímilEl Capitán Trueno (Edición Facsimilar)
Víctor Mora / Ambrós
Ediciones B

Enésima reedición do clásico da bd española, cun novo formato que reproduce de maneira facsimilar as primeiras entregas deste afouto aventureiro medieval.


09

Komic Librería: Ralph Azham 2Ralph Azham #2: La muerte al principio del camino
Lewis Trondheim
Norma Editorial

Segunda entrega da divertida e imaxinativa saga creada por Trondheim onde seguimos os pasos de Ralph Azham, un mozo con poderes especiais pero marxinado pola súa comunidade que decide procurarse a si mesmo.


08

Komic Librería: Sacoponcho 1Sacoponcho #1
Colectivo Fume de Carozo
Autoeditado

Seguindo o ronsel de publicacións tan importantes como BD Banda ou Barsowia chega este fanzine das mans de catro dos novos talentos do colectivo de banda deseñada Fume de Carozo: Xulia Vicente, Uxía Larrosa, Luís Yang e Paloma Tarrío. Un voluntarioso e moi prometedor comezo para unha publicación á que lle desexamos a mellor das fortunas.


07

Komic Librería: La travesía del LouvreLa travesía del Louvre
David Prudhomme
001 Ediciones

O autor de Rebétiko realiza un persoal e imaxinativo percorrido polo famoso museo parisino, fixándose nas impresionantes obras alí expostas e nos numerosos visitantes que cada día recibe, todo isto co seu fermoso e elegante estilo.


06

Komic Librería: JLA - Tierra 2JLA: Tierra 2
Grant Morrison / Frank Quitely
ECC Ediciones

Batman, Flash, Superman, Wonder Woman, Green Lantern... os grandes heroes da Liga da Xustiza terán que facerlle fronte aos seus propios reversos escuros, procedentes da Terra 2, un mundo cuspidiño ao noso pero ao revés, nesta espectacular aventura que nos achega o equipo responsable de We3 ou de All-Star Superman.


05

Komic Librería: PotlatchPotlatch
Marcos Prior / Danide
Norma Editorial

Este dúo creativo volve demostrar a súa tremenda orixinalidade con este divertido e irónico relato protagonizado por Máximo, un mozo que, debido a unha estraña enfermidade, lembra todo o que fixo na súa vida con exactitude e que un bo día decide cambiar o seu rumbo por completo.


04

Komic Librería: La Nao de BrownEl Nao de Brown
Glyn Dillon
Norma Editorial

Unha auténtica delicia a nivel gráfico protagonizada por unha rapaza que sofre un trastorno obsesivo-compulsivo e que nos vai contar a súa historia dun xeito próximo e sorprendente.


03

Komic Librería: El sabueso 1El sabueso #1: St. Mary's Ribbon
Jiro Taniguchi
Ponent Mon

Un dos nosos autores predilectos, o xaponés Taniguchi, vólvenos a sorprender coa historia dun solitario e honesto detective especializado en atopar cans perdidos.


02

Komic Librería: A fraga MilmañasA fraga Milmañas
Carlos Amil / Manel Cráneo
Demo Editorial

Moito humor e orixinalidade a esgallas nesta tomiño que compila as aventuras dos habitantes da Fraga Milmañas que foran publicadas na revista Golfiño hai máis de dez anos. Moi recomendable tanto para o público infantil como xuvenil.


01

Los surcos del azar
Paco Roca
Astiberri

Komic Librería: Los surcos del azarUnha desas escasísimas obras que nada máis saír do prelo xa adquire a categoría de fundamental, un excelente traballo co que o autor de Engurras recupera o esquecido e importante papel dos soldados republicanos españois na Segunda Guerra Mundial.