Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en xaneiro de 2014
Se o 2013 rematou cargadiño de novidades apetecibles, este ano comezou do mesmo xeito, cun bo número de títulos interesantes e moi diversos, dos cales vos presentamos aquí o noso particular e xa tradicional Top 10 das obras que chegaron a Komic Librería durante o mes de xaneiro.
10
Marceline y las divas del terror
Meredith Gran
Norma Editorial
Procedente do fantástico universo de Hora de Aventuras chega este tomo, onde asistimos á espectacular xira da banda de rock liderada por Marceline, a raíña dos vampiros. Diversión, fantasía e temazos para deixar alucinad@s aos seguidores do mundo de Ooo!
09
Nemo: corazón de hielo
Alan Moore / Kevin O'Neil
Planeta DeAgostini Cómics
Os autores regresan ao mundo das aventuras da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios con esta historia paralela protagonizada por Janni Dakkar, a filla e herdeira do Capitán Nemo, que leva á tripulación do Nautilus ata a Antártida na procura dun misterio que moito ten que ver coas Montañas da Tolemia das que falaba Lovecraft.
08
Daredevil, el hombre sin miedo #4:
el hombre con miedo
Mark Waid / Chris Samnee / Javier Rodríguez
Panini Cómics
As aventuras de Daredevil a través da ollada de Mark Waid son, sen dúbida, dos mellores tebeos de superheroes feitos nos últimos tempos, e neste cuarto tomo chega ao final do seu primeiro ciclo, coa confrontación (¿definitiva?) entre o home sen medo Bullseye.
07
El gato perdido
Jason
Astiberri
Sempre é un pracer recibir unha nova obra deste fascinante autor noruegués, un mestre da economía de medios que nos volve atrapar con esta misteriosa historia de amor que mestura o xénero negro coa ciencia ficción.
06
Macanudo #9
Liniers
Random House Mondadori
Somos lexión aqueles e aquelas conquistad@s polo humor poético e reflexivo deste autor arxentino que é un dos máximos expoñentes da tira cómica actual, pero se non fora así esta nova entrega de Macanudo xa merecería estar nesta lista pola súa espectacular portada, protagonizada polo monstro imaxinario Olga. Imaxinación ao poder!
05
O Porto
Manuel Mata
Edicions De Ponent
Curiosa historia de aventuras a que nos propón este veterano ilustrador vasco, ambientada nunha hipotética vila mariñeira galega aló polos anos cuarenta e que, malia unha certa irregularidade, presenta unha liña clara máis que correcta e unha narración entretida.
04
Battling Boy
Paul Pope
Random House Mondadori
Primeira entrega da nova obra deste inquedo estadounidense, unha historia chea de acción e forza onde asistimos á viaxe iniciática do noso protagonista, Battling Boy, convertido en defensor dunha cidade asolada por terribles monstros.
03
Egon Schiele: vivir y morir
Xavier Coste
Norma Editorial
A biografía gráfica do pintor austríaco, un creador cunha forza tremenda e unha vida fascinante, incomprendido no seu tempo e convertido en artista de culto nos nosos días.
02
Rural: crónica de un conflicto
Étienne Davodeau
Ediciones La Cúpula
Como xa comentamos aquí hai uns días, outro magnífico exemplo de reportaxe en cómic o que nos deixa o comprometido Davodeau, desta volta falando das consecuencias que a construción dunha autoestrada ten nunha tranquila zona gandeira no rural francés.
01
Mi amigo Dahmer
Derf Backderf
Astiberri
Unha obra turbadora coma poucas, xa que o seu autor foi compañeiro de instituto de Jeffrey Dahmer, máis coñecido coma o Carniceiro de Milwaukee, un dos asasinos en serie contemporáneos máis famosos. De maneira clara e documentada Backderf narra a estraña maneira de ser de Dahmer e o seu particular e progresivo descenso aos infernos.