Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en febreiro de 2014
Presentámosvos o noso Top 10 de novidades máis destacables do pasado mes de febreiro: botádelle unha ollada, porque é unha selección do máis variado para lectoras e lectores de todas as idades.
10
Grima
John Arcudi / Jonathan Case
Planeta DeAgostini
Unha boa historia de xénero negro cun protagonista atípico, un detective que sofre de acromegalia (doenza que deforma os rasgos faciais) recibe a chamada dunha antiga moza solicitándolle axuda para resolver o suicidio do seu fillo.
09
Kanikosen
Go Fujio / Takiji Kobayashi
Gallo Nero
Magnífica adaptación ao manga da principal novela proletaria xaponesa, obra de Takiji Kobayashi, un cru relato sobre as durísimas condicións laborais nun buque cangrexeiro xaponés.
08
Don Quijote
Flix
Dibbuks
Actualización da totémica novela cervantina nunha versión protagonizada por un ancián e o seu neto nos nosos días.
07
Paul en los Scouts
Michel Rabagliati
Astiberri
O autor canadense volve cun novo episodio da vida do seu alter ego Paul, desta vez retoma a súa infancia para contarnos as súas experiencias como boy scout, tendo o panorama sociopolítico do Canadá dos setenta como pano de fondo.
06
Súper Patata 3
Artur Laperla
Bang Ediciones
Un dos personaxes preferidos d@s komiqueir@s máis nov@s, Súper Patata, volve con novas aventuras neste terceiro tomo cheo de acción e humor protagonizado por este mutante peculiar.
05
Dieter Lumpen
Zentner / Pellejero
Astiberri
Por primeira vez reunidos nun integral os cinco álbumes que entre 1981 e 1994 realizou o dúo Zentner-Pellejero sobre as andanzas deste aventureiro.
04
A las cinco de la tarde
Manolo López Poy / Miguel Fernández
Diábolo Ediciones
O tándem lugués, responsable de títulos como O fillo da furia e Os días do cometa, cambia totalmente de temática para presentarnos a historia real dun toureiro español que triunfou en Latinoamérica durante a década dos anos cuarenta.
03
Los caminos del Señor
Fabrice / Lassablière / Calderón
Yermo Ediciones
Estupenda epopeia medieval que mestura o xénero histórico co de aventuras e fantasía, nunha notable edición que inclúe dous relatos, un ambientado na guerra entre ingleses e normandos e outro no comezo das Cruzadas.
02
Magasin Général 8
Loisel / Tripp
Norma Editorial
Nova e agardada entrega desta traxicomedia coral ambientada nunha pequena vila do Quebec rural nos anos vinte.
01
Aleksis Strógonov
Régnaud / Bravo
Ponent Mon
A última obra do noso aprezado Émile Bravo publicada no noso país, un álbum integral que recolle tres historias de Aleksis Strógonov, un rapaz ruso que viaxa pola convulsa Europa de comezos do século vinte nun estupendo exemplo de bd de aventuras.