Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en abril de 2014

Top 10 Komic Librería


O pasado abril, coa celebración do Día do Libro e o recente Salón do Cómic de Barcelona, resultou especialmente prolífico en lanzamentos editoriais. Como cada mes, seleccionamos as novidades que máis nos chamaron a atención e presentámosvolas no noso particular Top 10.


10

Tyler Cross

Tyler Cross
Fabien Nury / Brüno
Dibbuks

Un novo exemplo do xénero negro, onde o trazo groso do debuxo de Brüno ilustra esta historia ambientada nos anos 50 que tamén ten moito de western, con numerosas referencias cinematográficas e literarias entre as que destacan os filmes de Peckinpah ou dos irmáns Coen e as novelas de Dashiell Hammett.


09

Resaca

Resaca
Mamen Moreu
Astiberri

Divertidísima e gamberra primeira obra longa desta autora (e libreira) aragonesa, protagonizada por Marcela, unha rapaza de vintetantos que esquiva a crise dos trinta a base de festa e descaro.



08

Whaligoë

Whaligoë
Yann / Virginie Augustin
Yermo Ediciones

Unha bonita homenaxe á literatura decimonónica anglosaxona, cun relato firmemente escrito no que teñen cabida os espíritos, as intrigas e o romanticismo, como se dunha novela das irmás Brontë se tratara.


07

Solos

Solos
Fabien Vehlmann / Bruno Gazzotti
Dibbuks

As aventuras de cinco nenos moi distintos nun mundo no que, dun día para outro, desaparecen todos os adultos. Realismo, misterio e acción cun ritmo dinámico e trepidante nesta mestura de Os Cinco con O señor das moscas.


06

Murena #9

Murena #9
Jean Dufaux / Philippe Delaby
Planeta DeAgostini Cómics

Outro número máis, e xa van nove, desta bd histórica ambientada na Roma de Nerón onde podemos observar as consecuencias do pavoroso incendio que asolou a cidade. Debuxo sobrio e clásico xunto cun guión moi traballado e documentado fan desta serie un dos mellores exemplos actuais do xénero histórico.


05

Los Campbell #1

Los Campbell #1
José Luís Munuera
Dibbuks

Primeira entrega desta serie de aventuras dirixida cara o público xuvenil pero moi recomendable tamén para os adultos. Un pirata retirado e as súas fillas son os protagonistas deste relato no que a acción, o humor e o arrecendo do Caribe enchen todas as páxinas.


04

Building stories (Fabricar historias)

Building stories (Fabricar historias)
Chris Ware
Random House Mondadori

Unha marabilla absoluta, unha xigantesca caixa de lembranzas chea de sorpresas e metáforas, feita con moitísimo gusto, coa que nos agasalla o xenial autor norteamericano.



03

Come Prima

Come Prima
Alfred
Salamandra Graphic

Premiada coa Fauve d'Or á mellor obra no pasado Festival de Angoulême, esta novela gráfica conta a viaxe de dous irmáns de orixe italiana dende Francia ata a súa vila natal nos anos cincuenta. Podedes ler o que dela falamos nesta ligazón.


02

Las oscuras manos el olvido

Las oscuras manos el olvido
Seguí / Hernández Cava
Norma Editorial

Un maxistral relato de xénero negro co conflito vasco de pano de fondo e da que vos falamos hai uns días na nosa páxina (podedes ler o correspondente artigo aquí).


01

La entrevista
Manuele Fior
Salamandra Graphic

La entrevista

Unha fermosísima e sorprendente historia sobre o amor, as relación sociais e as cousas que realmente importan... Marabillosa nova obra do autor de La señorita Else e Cinco mil kilómetros por segundo que xa consideramos unha das nosas preferidas dos últimos anos. Tedes máis información neste artigo.