Komic Librería volve de vacacións cargadiña de novidades apetecibles

Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta


Moi boas, benquerid@s komiqueir@s! Botástenos de menos nestas últimas semanas??? Pois aquí estamos de volta, cheos de enerxías despois das vacacións estivais nun mes de agosto que comezou coa Feira do Libro e o Viñetas desde o Atlántico na Coruña onde, ademais de reatoparnos con vellos e aprezados coñecidos e gozar duns días diferentes á rutina diaria na librería, puidemos celebrar a publicación de varias obras galegas interesantísimas. Así que, no canto do noso tradicional comentario semanal sobre unha obra propoñémosvos hoxe un repaso a estas novidades.


Macho CamachoMacho Camacho
Jano / Rodrigo Cota
Demo Editorial

Choramos da risa con esta xenial parodia do macho alfa, onde Jano e Rodrigo fan un fino exercicio de humor contándonos as peripecias dun machote con poucas luces coas que ridiculizan o machismo da nosa sociedade. Un álbum divertidísimo e irónico cheo da clase deste dúo creativo, responsable do xa mítico Centoloman.


Catálogo Oneroso de Beleza GratuítaCatálogo Oneroso de Beleza Gratuíta
Fran Bueno
Deputación da Coruña

Este experimentado historietista compostelán acadou con esta fermosa obra o Premio de Banda Deseñada Castelao, outorgado pola Deputación coruñesa, na súa edición de 2013. Chega agora ás nosas mans esta arriscada e coidada aposta na que Fran desafía as convencións narrativas do medio para transmitirnos aquelas cousas nas que realmente atopa a beleza. Un libro excepcional e conmovedor onde o autor volve demostrar ser unha das voces máis interesantes da bd galega contemporánea.


A causa do crimeA causa do crime
Tokio
Demo Editorial

A editorial de Manel Cráneo segue a aumentar o seu estupendo catálogo con este título do vigués Tokio, que recupera para a ocasión unha historia aparecida orixinariamente no ano 1987 no xornal A Peneira e ambientada no 1984 na cidade olívica. Co pano de fondo da folga xeral dese ano e con Siniestro Total ou Golpes Bajos como banda sonora, o autor de Castrelos desenvolve un trepidante relato onde mestura o xénero negro co compromiso obreiro e co dinamismo de Vigo nos anos oitenta.


Sacoponcho #2Sacoponcho #2
Colectivo Fume de Carozo
Autoeditado

Segunda entrega deste fanzine onde Uxía, Xulia, Luís e Paloma recollen o testemuño de publicacións como Barsowia ou BdBanda, e demostran ser, xunto a Compota de Manatí, a nova e interesantísima xeración da bd galega. Unha revista moi recomendable feita por xente nova e talentosa que dará moito que falar no futuro (e no presente!!!).


Altar mutanteAltar mutante
VV.AA.
Autoeditado

Da man de dous históricos comiqueiros como son Luís Sendón e Álvaro López chega este novo proxecto que procura consolidar unha revista adicada ás historias de terror e ciencia-ficción, como se dunha versión galaica da mítica Creepy se tratara. E o certo é que este primeiro número, onde colaboran, entroutros, autores do nome de Manel Cráneo, Kike Benlloch ou Sergio Covelo, sorprende pola alta calidade das súas historias, que farán estremecer e gozar a partes iguais aos amantes destes xéneros.


O misterio do Pico SacroO misterio do Pico Sacro
Rafael Saldaña
Deputación da Coruña

A outra obra finalista do Premio Castelao 2013 preséntanos un autor descoñecido pero que apunta moi boas maneiras cun intrigante relato de fantasía e terror ambientado na Compostela de comezos do século XX, cun debuxo minimalista pero moi interesante e un ritmo narrativo sorprendente nun autor debutante.


Comics desde HicksvilleComics desde Hicksville
Dylan Horrocks
Estaleiro Editora

Escolma de pequenos relatos dun dos autores máis interesantes e persoais da bd en lingua inglesa dos últimos tempos, o neozelandés Dylan Horrocks. Historias de curta extensión pero de innegable encanto que supoñen unha entrada perfecta para o poético e agarimoso mundo artístico deste debuxante amante do cómic.


NordésNordés
Kike J. Díaz
Autoeditado

Aínda que apareceu unhas semanas antes do Viñetas cómpre falar de novo desta primeira obra autoeditada por este ribadense, da que xa vos falamos nesta mesma páxina.


Lembrámosvos que podedes atopar todos estes títulos en Komic Librería, agardamos que vos fora de interés este artigo e que o voso agosto estivera cheo de boas lecturas. Saúdos ben fortes para todas e todos!