Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en outubro de 2014

Top 10 de Komic Librería


Hai meses nos que hai tantas novidades editoriais interesantes que facer esta selección resulta realmente difícil, e outubro foi un deses meses, así que aquí vos deixamos o noso TOP 10 recompilando as principais recomendacións entre os títulos editados ultimamente, unha listaxe variada que agardamos vos sexa de utilidade. E tamén vos recomendamos permanecer atentos e atentas nas próximas semanas, pois as vindeiras novidades de novembro e decembro prometen e moito...


10

Zero

Zero #1
Ales Kot e VV.AA.
ECC Ediciones

Toda unha sorpresa este primeiro número desta serie de espías e ciencia ficción, no que coñeceremos a Edward Zero, adestrado dende neno para ser o mellor axente do século XXI nun mundo próximo e moi distinto ao que coñecemos (ou non tanto?).


09

En el lado bueno de la valla

En el lado bueno de la valla
Manel Fontdevilla
Random House Mondadori

Fontdevilla, totalmente consagrado como un dos máis certeiros humoristas gráficos de corte político, reflicte unha vez máis a nosa sociedade e os tempos que vivimos con precisión e ironía en 100 viñetas dolorosamente graciosas.


08

Efectiviwonder

Efectiviwonder
Dani Xove
Sindicato del Cómic

Dámoslle encantados a benvida a este novo autor, compostelán de pro, que sorprende e abraia co seu debut. Humor, delirios, crítica corrosiva e moita liserxia nesta variadísima opera prima editada pola librería ourensá El Sindicato del Cómic.


07

Marina 1: Los hijos del Dux

Marina #1: Los hijos del Dux
Zidrou / Matteo
Norma Editorial

O noso aprezado Zidrou achégase ata o xénero histórico neste relato ambientado na Venecia de hai máis de 700 anos, protagonizado pola filla do Dux de Venecia que vai ser secuestrada por piratas neste primeiro tomo.


06

Torpedo 1936 (Integral)

Torpedo 1936 (Integral)
Abulí / Bernet
Panini Comics

Por primeira vez un tomo (tomazo!) integral recolle todos os álbumes dun dos títulos máis míticos do tebeo español. Unha serie de xénero negro con guións enxeñosos, diálogos estupendos e un debuxo impresionante protagonizada por un gangster na Nova York da Gran Depresión.


05

Los hombrecitos

Los hombrecitos
Seron / Desprechins
Dolmen Editorial

Todo un clásico da bd xuvenil franco-belga, recuperado nun integral que recolle as primeiras aventuras desta historia de ciencia-ficción e humor na que toda unha vila é reducida de tamaño tras entrar en contacto cun misterioso meteorito.


04

Manifiesto del macho dominante

Manifiesto del macho dominante
François Boucq
Norma Editorial

A quinta entrega das surrealistas aventuras de Jerónimo Puchero, o xenial e delirante axente de seguros creado por Boucq hai máis de vinte anos, que nesta ocasión aparece como irónico referente da masculinidade no seu abraiante universo onde se mestura a realidade e a fantasía coma se fose a cousa máis normal do mundo.


03

Dossier negro

Dossier negro
Alan Moore / Kevin O'Neill
Planeta DeAgostini Comics

Hai quince anos que Moore e O'Neill comezaron a súa saga de novelas gráficas The League of Extraordinary Gentlemen, onde formaban un supergrupo con varios dos protagonistas das novelas de acción e fantásticas decimonónicas. Chega agora este dossier, que podemos considerar como un interesantísimo complemento aos relatos da serie xa que aporta moita información sobre a historia do grupo comandado por Mina Murray e Allan Quatermain.


02

No puedes besar a quien quieras

No puedes besar a quien quieras
Marzena Sowa / Sandrine Revel
Ediciones La Cúpula

Magnífica historia sobre as condicións de vida na Polonia, daquela réxime do Bloque do Leste, a mediados do século vinte. A intolerancia e o control social ata chegar a límites absurdos protagonizan esta obra fermosamente narrada e debuxada da que xa vos falamos aquí.


01

Unahistoria
Gipi
Salamandra Graphic

Unahistoria

A agardadísima nova obra deste excepcional creador italiano, un relato centrado nun escritor desorientado e obsesionado coas cartas do seu bisavó, que loitou na Primeira Guerra Mundial. Unha historia sobre a memoria feita cunha exquisitez gráfica abraiante que xa reseñamos aquí.