Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en novembro de 2014

Top 10 de Komic Librería


Encántanos que cada mes sexa máis difícil seleccionar dez títulos entre a morea de novidades que chegan a Komic Librería... Este mes de novembro foi especialmente complicada esta tarefa e moitos son os títulos que poderían entrar nesta listaxe, xa que entre reedicións (destacamos que volve estar dispoñible –por fin!- o xenial Asterios Polyp de Mazzuchelli), obras recuperadas do pasado (algunhas inéditas en español) e bandas deseñadas recentes de distintos xéneros poderiamos facer un Top 30 ou 40, pero, tras moito pensar, aquí vos deixamos os dez cómics máis salientables, ao noso ver, deste fenomenal mes de novembro...


10

Misterios comestiblesMisterios comestibles
Albert Monteys
Astiberri

Todo o que sempre quixeches saber sobre a comida e os bulos (ou verdades) relacionados con ela e que nunca te atreviches a preguntar, explicado co xenial humor de Monteys neste libriño editado por Astiberri na súa colección Leyendas urbanas.


09

La mondaine 2La mondaine #2
Zidrou / Jordi Lafebre
Norma Editorial

Segundo e derradeiro tomo desta magnífica serie centrada na famosa brigada da policía francesa que perseguía a prostitución na primeira metade do século XX. Ambientada no París ocupado mestura intriga, xénero histórico e a historia de fondo do noso protagonista, o inspector Aimé Louzeau, coa tremenda humanidade e simbolismo que caracterizan os relatos de Zidrou.


08

Subterfuge ComixSubterfuge Comix
VV.AA.
Autsaider Cómics

Hai xa 25 anos que naceu o selo Subterfuge, discográfica, editora de fanzines e tebeos, reserva espiritual da cultura subterránea e independente. Polas páxinas das súas publicacións desfilaron autores fundamentais como Paco Alcázar, M.A. Martín, Miguel B. Núñez, Fermín Solís ou Javirroyo. Toda unha heteroxénea nómina de historietistas agora recuperada polos amiguetes de Autsaider nunha escolma editada co seu gusto habitual.


07

MayorMayor
Moebius
Norma Editorial

Dun xeito semellante ao de Inside Moebius o xenio francés realizou esta obra a modo de diario gráfico entre o ano 1997 e o 2009. Ambientada no seu recorrente Deserto B e protagonizada polo Maior nesta obra en branco e negro priman o surrealismo máis onírico e a improvisación xunto ao magnífico debuxo marca da casa.


06

AlabasterAlabaster
Osamu Tezuka
Astiberri

Publicada orixinariamente hai 44 anos esta historia do pai do manga, recuperada agora por Astiberri, entronca directamente con obras como O Dr. Jeckill e Mr. Hyde ou O home invisible. Un deportista de raza negra, rexeitado pola cor da súa pel e condenado á cadea, experimenta cun raio que o transformará nun ser invisible para vingarse da humanidade.


05

TungstenoTungsteno
Marcelo Quintanilha
Ediciones La Cúpula

Unha moi agradable sorpresa a deste relato procedente dun autor brasileiro residente en Barcelona. Chama a atención a súa preciosa portada, que, ao igual que o título ou a sinopse da contracuberta, non fan agardar esta sutil historia de xénero negro ambientada en Salvador de Baía cun ritmo fabuloso e unha maneira moi atractiva de narrar os acontecementos. Recomendadísima.


04

Yo, asesinoYo, asesino
Antonio Altarriba / Keko
Norma Editorial

A agardada nova bd do guionista de El arte de volar, que neste caso muda totalmente de estilo e, acompañado do certeiro traballo de Keko ao debuxo, cóntanos a historia de Enrique, un profesor de Historia da Arte na Universidade do País Vasco, obsesionado co asasinato coma forma de arte.


03

Bella muerteBella muerte
Kelly Sue DeConnick / Emma Ríos / Jordie Bellaire
Astiberri

A primeira entrega deste western atípico e onírico, unha obra na que, con moita acción, se mesturan os estereotipos do oeste cos cantares de cego, as historias de samurais e a fantasía. Sorprendente, atrevida e nominada a catro premios Eisner neste 2014.


02

El momento de Aurora WestEl momento de Aurora West
Paul Pope / JT Petty / David Rubín
DeBolsillo

Rubín realiza a súa primeira incursión no mercado USA con este espectacular tomo, primeiro de dous, que é unha precuela do Battling Boy de Pope e ao que lle adicamos hai uns días un artigo.



01

Blast #4
Manu Larcenet
Norma Editorial

Blast 4

A conclusión desta extraordinaria serie, catro tomos con máis de oitocentas páxinas nos que Larcenet conta a odisea vital de Polza Manzini na procura de si mesmo e dos blasts, uns intres de extase case místico onde atopa a paz e a liberdade. Unha obra imprescindible que vos recomendamos e que comentamos máis polo miúdo aquí.