Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en xaneiro de 2015

Top 10 de Komic Librería


Despois da enchenta de novidades que chegaron a Komic Librería nos meses de novembro e decembro o novo ano comezou cun chisco máis de calma, o que fixo menos difícil escoller dez títulos para o noso habitual Top 10 mensual, que aquí vos presentamos cunha grandísima variedade de xéneros e estilos. Agardamos que vos sexa de utilidade:


10

La ultima aventuraLa última aventura
Josep Busquet / Javi de Castro
Dibbuks

Unha irónica e sorprendente comedia negra sobre o cinema de aventuras e os ídolos de infancia, unha lectura chea de dinamismo e sutileza.



09

Thorgal 34Thorgal #34: Kah-Aniel
Yves Sente / Rosinski
Norma Editorial

Nova entrega deste gran clásico da bd franco-belga, un dos cumios do xénero de fantasía que trinta e cinco anos despois da súa aparición segue a engaiolar a lectores de todas as idades.


08

Trent Integral 3Trent #3
Rodolphe / Leo
Ponent Mon

Derradeiro tomo integral desta atípica serie sobre un policía montada do Canadá a finais do século XIX. Clásico no guión e no debuxo, esta terceira entrega pecha as aventuras do solitario e recto sarxento Philip Trent coa sobriedade habitual dos seus autores.


07

Fatale 4Fatale #4
Ed Brubaker / Sean Philips
Panini Cómics

Hai un ano e medio que vos falamos da primeira entrega desta poderosa serie na que conviven o xénero negro máis clásico e o terror sobrenatural. Chega agora o seu penúltimo tomo, cun relato ambientado no Seattle de mediados dos anos noventa, nun momento de gran efervescencia musical e cultural.


06

Bahía de San BúhoBahía de San Búho
Simon Hanselmann
Fulgencio Pimentel

Segunda obra editada en España deste peculiar australiano, un autor moi persoal cun estilo que mestura un humor politicamente incorrecto co desacougo existencial e a politoxicomanía. Todo protagonizado por unha bruxa, un gato e un moucho.


05

Los hombrecitos 2Los hombrecitos #2: 1970-72
Seron / Desprechins / Hao / Gris
Dolmen Editorial

Dolmen continúa a recuperar grandes clásicos da bd infantil e xuvenil europea, desta volta coa segunda escolma desta magnífica serie protagonizada por toda unha vila reducida de tamaño por mor dun misterioso meteorito. Ciencia ficción chea de imaxinación e humor para todos os públicos.


04

Batman-LoboBatman/Lobo
Alan Grant / Simon Bisley / Neil Gaiman
ECC Editores

Quizais un dos relatos máis turbadores, delirantes e divertidos do Cabaleiro Escuro, unha historia alternativa coprotagonizada polo excesivo cazarrecompensas czarniano en Gotham.


03

Una primavera en ChernóbilUna primavera en Chernóbil
Emmanuel Lepage
Spaceman Books-ECC Editores

En 2008, vintedous anos despois do terrible accidente nuclear, o autor Emmanuel Lepage visita Chernóbil para realizar unha reportaxe sobre a zona nun álbum de estraña fermosura.


02

Superpatata 4Superpatata #4
Artur Laperla
Bang Ediciones

A nova entrega do superheroe preferido d@s komiqueir@s máis nov@s, un tubérculo cun superpoderes que terá que facer fronte a novas aventuras neste cuarto volume. Falámosvos máis polo miúdo hai uns días na nosa páxina.


01

El botones de verde caqui
Yann / Olivier Schwartz
Dibbuks

El botones de verde caqui

Primeiro tomo das aventuras de Spirou editado por Dibbuks, e a verdade é que non podían comezar mellor a súa aposta polo botóns máis famoso da bd belga. Da man de dous autores veteranos atopamos ao noso protagonista nunha Bruxelas ocupada polos nazis, no ano 1942, nun trepidante álbum cheo de acción e intriga, con moitísimas homenaxes a personaxes e autores da historieta franco-belga. Unha auténtica gozada.