Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en marzo de 2015

Top 10 de Komic Librería


Que difícil foi escoller dez títulos entre todos os que chegaron durante o mes de marzo a Komic Librería, e como nos gusta que sexa así! Aquí vos deixamos o noso habitual Top 10 mensual, agardando que vos sexa de utilidade.


10

JacoJaco
Akira Toriyama
Planeta DeAgostini Cómics

Un manga que de seguro interesará a moitas e moitos de vós… a precuela de Dragon Ball! Feito por Akira Toriyama, desvela algunha das claves e incógnitas dunha das series máis míticas, como os motivos e a maneira da que Son Goku chega á Terra. Un único volume, cheo de diversión e acción moi axeitado para todas as idades.


09

A deserción de StalinA deserción de Stalin
Tomás Guerrero
Demo Editorial

Non podía quedar fóra desta selección esta divertida e ucrónica historia de espías ambientada en plena Guerra Fría feita polo debutante Tomás Guerrero. Aquí podedes atopar máis información sobre ela.


08

Episodios lunaresEpisodios lunares
Martín Romero
Reino de Cordelia / Vidas de papel

Que fermosura de libro o que nos achega o noso aprezado Martín Romero, que unha escolma de relatos eminentemente gráficos que abalan entre a tenrura e o desacougo, co estilo persoal e poético do seu autor e da que vos falaremos máis polo miúdo próximamente.


07

Lo que (me) está pasandoLo que (me) está pasando
Miguel Brieva
Random House Mondadori

Este autor, que emprega un estilo de debuxo clásico para dar renda solta ao seu descurso, sempre crítico e ácedo, lánzase á novela gráfica coa súa primeira obra de extensión longa para contarnos a historia de Víctor, un rapaz que leva varios anos parado nunha sociedade en crise (económica e social) e descomposición. Unha historieta actual, realista e fantástica ao mesmo tempo, chea de imaxes e metáforas que darán moito que reflexionar aos seus lectores.


06

Submun-dosSubmun-dos
Kaz
Autsaider Cómics

Se a primeira entrega das lisérxicas e políticamente incorrectas tiras gráficas de Kaz fixo que o pasaramos en grande este segundo tomo superou as nosas expectativas. Moito humor underground do bo noutro tebeo imprescindible grazas aos amiguetes de Autsaider Cómics.


05

Love in vainLove in vain
Mezzo / Dupont
Spaceman Books

Malia empregar algún recurso excesivamente doado na súa narración, esta biografía gráfica dun dos músicos máis influíntes e ao mesmo tempo misteriosos do século XX, un guitarrista excepcional do Delta do Mississippi que disque vendeu a súa alma ao Demo polo seu talento, resulta fermosísima pola coidada edición e, sobre todo, o tremendo traballo gráfico de Mezzo.


04

El oro y la sangre #2El oro y la sangre #2
Bedouel / Merwan / Nury / Defrance
Spaceman Books

Con este segundo e derradeiro volume conclúe este estupendo exemplo do xénero de aventuras actual con trasfondo histórico. O espectacular, fluído e moderno debuxo de Merwan plasma á perfección a participación de dous franceses, ex-soldados na Primeira Guerra Mundial e posteriormente traficantes de armas, na Guerra do Rif, o desafío das tribos de Marrocos ás dúas potencias coloniais (Francia e España). Posúe un interesante argumento narrado cun ritmo de vertixe. Moi recomendable.


03

El árabe del futuroEl árabe del futuro
Riad Sattouf
Salamandra Graphic

Levar o premio ao mellor álbum no Festival de Angoulême, o máis prestixioso da bd europea, non é palla precisamente, e Riad Sattouf vén de acadalo por segunda vez co primeiro tomo da súa triloxía El árabe del futuro, na que nos fala da súa nenez en Libia, Siria e Francia nos primeiros anos oitenta. Atoparedes máis información aquí.


02

Destino HërgüssDestino Hërgüss
Manel Cráneo
Demo Editorial

Chegou por fin a agardadísima primeira obra longa ambientada no Planeta Mïncha, o persoal e imaxinativo mundo creado por Manel Cráneo, nunha estupenda historia de ciencia-ficción con trazas existencialistas e da que xa vos falamos hai uns días. Por certo, lembrade que o venres 10 de abril a partir das 19:00 horas teremos, en Manso Restaurante, a presentación deste sorprendente relato.


01

La balada del Norte
Alfonso Zapico
Astiberri

La balada del Norte

O autor de Dublinés volve demostrar a súa excelente capacidade narrativa nun relato histórico ambientado na súa terra natal, Asturias, onde recupera un momento decisivo que se debería coñecer máis pola súa importancia: a Revolución de 1934, un suceso que é un exemplo da loita obreira e da durísima represión posterior e que, dalgún xeito, marcou o inicio da Guerra Civil. Sen dúbida este volume, primeiro dos dous dos que constará a obra, é xa un dos tebeos fundamentais de 2015.