Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en maio de 2015

Top 10 de Komic Librería


Aquí estamos de novo, coa nosa habitual selección mensual dos títulos que máis nos gustaron entre os que chegaron estas últimas semanas á nosa librería. Un TOP 10 no que teñen cabida todo tipo de estilos, xéneros e procedencias, e que agardamos vos sexa de utilidade.


10

Dad #1 - Niñas de papá

Dad #1 - Niñas de papá
Nob
Dibbuks

A nova obra do autor da exitosa serie Marieta, que desta volta presenta as aventuras e desventuras, contadas con humor e tenrura, dun pai con catro fillas de catro nais distintas que debe educalas e sacalas adiante ao tempo que continúa coa súa carreira como actor.


09

Dédalus en Compostela

Dédalus en Compostela
Fernando Iglesias –Kohell
Deputación de Ourense + Fundación Vicente Risco

A estupenda adaptación que Kohell fai do texto de Vicente Risco, no que vemos ao escritor ourensán a departir e filosofar con Stephen Dédalus (o alter ego de James Joyce) mentras pasean polas rúas de pedra da cidade compostelá.


08

La isla de las mujeres

La isla de las mujeres
Zanzim
Dibbuks

Céleste Bompard é un piloto que na Primeira Guerra Mundial chega ata unha illa deserta tras ser derribado. Un bo día descubre por casualidade que o interior da selva do seu novo fogar oculta unha sociedade matriarcal formada exclusivamente por mulleres. Ironía, humor, aventuras e amor, moito amor, nesta simpática historia debuxada cun estilo atractivo e dinámico.


07

La furia

La furia
Los Bravú
Apa-apa

A nova obra dunha das nosas parellas preferidas, un relato curto cheo de violencia gratuíta protagonizada por un trío que viaxa ata a Praia para arrasar cos estereotipos. Unha viaxe frenética co toque único e característico de Dea e Diego.


06

Las aventuras de Joselito

Las aventuras de Joselito
José Pablo García
Reino de Cordelia

Toda unha sorpresa esta biografía sobre o neno prodixio que se convertiu nun fenómeno mundial, un artista infantil que viu como o tempo e as malas decisión apagaban a súa estrela. A súa ascensión e posterior caída aparece aquí contada nun alarde técnico por parte do seu autor, que emprega un estilo gráfico distinto en cada capítulo (da liña underground á escola Bruguera, pasando pola tira gráfica, o manga ou por pioneiros como Töpffer ou McCay).


05

Havarti party

Havarti party
Roberta Vázquez
Fosfatina

Unha historia sobre a amizade, a música e os problemas que pode acarrear voltar aos lugares nos que se foi feliz, protagonizada polos animais antropomórficos saídos do fanzine Bob y amigos. Unha boa mostra do traballo da compostelá Roberta Vázquez do que xa vos falamos hai uns días.


04

Ciudad

Ciudad
Juan Giménez / Ricardo Barreiro
Astiberri

Trinta e tres anos despois da súa publicación reedítase en formato integral esta fantástica historia de ciencia-ficción na que o seu protagonista, Jean, vaise ver transportado a unha cidade sen nome onde as regras e a lóxica non teñen lugar. Co excelente debuxo en branco e negro de Giménez volve aos nosos andeis este clásico dos oitenta polo que o tempo non pasa nada mal.


03

Cráneo de azúcar

Cráneo de azúcar
Charles Burns
Reservoir Gráfica

A agardadísima conclusión da triloxía que comezou con Tóxico e proseguiu con La Colmena, e onde o autor de Agujero negro volve demostrar a súa mestría para crear situacións desacougantes nunha historia que abala entre a realidade e o soño, con homenaxes tintinófilas polo medio e moitas preguntas que atopan resposta neste derradeiro tomo.


02

Pistuví

Pistuví
Merwan / Bertrand Gatignol
Spaceman Books

Un libro dunha abraiante e tremenda fermosura gráfica que resulta ser unha metáfora sobre o paso do tempo e as dificultades para asumir as mudanzas que isto produce. Unha fábula evocadora protagonizada por un pequeno raposo e unha nena nun país cheo de paxaros que xa comentamos na nosa páxina.


01

Atila
Inacio / Iván Suárez
Demo Editorial + Komic Librería

Atila

O cuarto volume da biografía gráfica de Castelao, o primeiro situado na Guerra Civil, e do que podedes atopar máis información aquí. Atopamos ao ilustre rianxeiro en Barcelona no ano 38, e ao refuxiarse dos bombardeos da aviación italiana sobre a cidade condal lembra a súa nenez en Arxentina. Documentación e imaxinación únense a un coidado debuxo neste proxecto, un dos máis interesantes da banda deseñada galega actual.