Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en outubro de 2015

Top 10 de Komic Librería


Unha vez máis resultou dificilísimo escoller tan só dez títulos entre todas as novidades recibidas en Komic Librería durante o pasado mes. E é que ademais das novas obras chegaron á librería títulos tan importantes coma o novo álbum de Astérix, o quinto volume de Last Man, o terceiro de Solos ou a conclusión de Fatale... En fin, que tras darlle moitas voltas aquí vos deixamos a nosa selección do mes de outubro, agardamos que vos sexa de interese e utilidade!


10

Miguel EN Cervantes. El retablo de las Maravillas

Miguel EN Cervantes. El retablo de las Maravillas
Miguelanxo Prado / David Rubín
Astiberri

Por unha banda temos unha aproximación biográfica á figura de Miguel de Cervantes co preciosismo poético característico de Miguelanxo, e pola outra a adaptación dun dos sainetes do célebre escritor a cargo dun David Rubín que dulcifica o seu trazo para esta tarefa (e que, por certo, fai dobrete neste Top 10).


09

Almóndigas del espacio

Almóndigas del espacio
Craig Thompson
Astiberri

Tras a maxistral Habibi, Craig Thompson regresa con este metafórico conto espacial, no que unha nena, acompañada dun polo antropomórfico e do derradeiro «lumpkin», irá na procura do seu pai desaparecido. Un título moi sorprendente, apto para todas as idades, que fala da importancia das relación familiares e do respecto ao medio ambiente ao tempo que critica sutilmente a estratificación social.


08

Tyler Cross 2: Angola

Tyler Cross #2: Angola
Nury / Brüno
Dibbuks

Sobrio exemplo de xénero negro protagonizado por un tipo duro, Tyler Cross, preso no cárcere do estado de Lousiana. Un magnífico traballo que xa comentamos nunha das nosas habituais recensións.


07

Oishinbo a la carte #1: Cocina japonesa

Oishinbo a la carte #1: Cocina japonesa
Tetsu Kariya / Akira Hanasaki
Norma Editorial

O referente por antonomasia do manga gastronómico, unha serie que se leva a editar en Xapón dende hai máis de trinta anos e que chega por fin aos nosos andeis con esta colección que selecciona os mellores capítulos ordenados en sete volumes de xeito temático. A fascinante cociña do país do sol nacente explicada de xeito ameno e interesante.


06

No me pegues que llevo gafas

No me pegues que llevo gafas
Jorge Monlongo
Caramba

Divertidísimo relato que ironiza sobre o mundo «hipster» e outros costumes modernos, ideal para ler mentras degustas un gin-tonic aderezado, entroutros ingredientes, cunha infusión a froid de gónadas de macaco. Un libro cheo de barbas e gafas de pasta, todo moi cool e retrovintage, é dicir, temos entre as mans todo un must para comprender a modernidaded.


05

Max Winson #2

Max Winson #2
Jérémie Moreau
Dibbuks

Segundo e derradeiro tomo desta orixinal historia na que, empregando o mundo do tenis de alta competición, o prometedor autor francés demostra o seu talento e reflexiona sobre o valor das cousas que realmente importan. Podedes ler máis sobre este título aquí.


04

La caída de la casa West

La caída de la casa West
Paul Pope /  JT Petty / David Rubín
DeBolsillo

A conclusión, tras El momento de Aurora West, da precuela de Battling Boy. Co espectacular debuxo do ourensán David Rubín descubriremos que segredos se agochan na loita da familia West contra os monstros que aterran a cidade de Arcópole.


03

Corto Maltés. Bajo el sol de medianoche

Corto Maltés. Bajo el sol de medianoche
Díaz Canales / Pellejero
Norma Editorial

O inmortal personaxe creado por Hugo Pratt regresa da man de dous autores españois, nunha aventura ambientada no Gran Norte do continente americano que non defraudará aos numerosos seguidores do carismático mariñeiro.


02

El mundo a tus pies

El mundo a tus pies
Nadar
Astiberri

Tres relatos distintos coa crise económica e a precariedade laboral de pano de fondo conforman a nova e agardada obra do autor de Papel estrujado. Unha auténtica labazada de realismo da que vos falamos máis polo miúdo na nosa páxina hai uns días.


01

Pablo & Jane en la Dimensión de los Monstruos
Jose Domingo
Astiberri

Pablo & Jane en la Dimensión de los Monstruos

Co seu imaxinativo estilo José Domingo volve sorprender con esta historia protagonizada por dous intrépidos cativos. Humor, aventura e actividades neste fabuloso libro orientado para o público infantil e xuvenil pero co cal gozaremos lectores de todas as idades.