Top 15 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en novembro de 2015

Top 15 de Komic Librería


Vale, case sempre dicimos o mesmo: o difícil que é seleccionar só dez novidades entre as moitas que chegan a Komic Librería cada mes, pero é que o deste novembro foi abraiante! De feito, ante a imposibilidade de escoller unha decena, decidimos ampliar o noso habitual TOP 10 ata un TOP 15 onde atoparedes todo tipo de estilos e temáticas: agardamos que vos sexa de utilidade!


15

El Mago de Oz

El Mago de Oz
Anna Brandoli / Renato Queirolo
Kraken

Malia xa existir varias adaptacións á banda deseñada do clásico literario de L.F. Baum salientamos esta nova recén publicada polo preciosismo e calidez das súas ilustracións. Unha oportunidade perfecta para coñecer ou revisitar esta marabilla da literatura fantástica para todas as idades.


14

Wonderland

Wonderland
Tom Tirabosco
Astiberri

Unha vez máis un autor de bd emprega a súa arte para contarnos a súa infancia, neste caso a medio camiño entre Italia e Suíza e moi marcada pola discapacidade física do seu irmán pequeno.



13

La casa

La casa
Daniel Torres
Norma Editorial

Un nome mítico da viñeta española, Daniel Torres, regresa con este asombroso traballo no que se centra na vivenda humana e a súa historia. Case seiscentas páxinas que conteñen unha colección de historias onde a protagonista é a casa, dende a antigüidade ata os nosos días.


12

Rituales

Rituales
Álvaro Ortiz
Astiberri

Varios relatos curtos unidos pola presenza dunhas misteriosas estatuas macrofálicas. Costumismo, humor negro, historia e intriga na nova obra do autor de Cenizas e Murderabilia, que volve demostrar o seu estilo persoal e inconfundible.


11

C.A.U., el azote del terror

C.A.U., el azote del terror
Benjamin Marra
Autsaider

Unha auténtica demostración de macarrismo en estado puro, unha esaxerada xenialidade non apta para todos os públicos que trata sobre un axente secreto dos EUA. Violencia e sexo explícitos nun esbardalle gráfico que vos deixará coa boca aberta.


10

Tocadiscos

Tocadiscos
Zidrou / Raphaël Beuchot
Norma Editorial

Tras o magnífico El cuentacuentos este dúo creativo volve con outro relato ubicado en África, concretamente no Congo durante a época colonial belga, e centrado na figura dun eminente violinista europeo, que verá a súa vida e a súa concepción musical trastocadas tras coñecer a un curioso personaxe africano de nome Tocadiscos.


09

Sunny

Sunny
Taiyô Matsumoto
ECC Cómics

Primeiro volume desta nova serie ambientada nunha casa de acollida a través da cal o seu autor, responsable de obras tan interesantes como Tekkonkinkreet ou Takemitsu Zamurái, presenta un emotivo e poético retrato da infancia.


08

El Cid

El Cid
Antonio Hernández Palacios
Ponent Mon

A reedición dunha das obras máis salientables do xénero histórico dentro do cómic español. Unha auténtica marabilla recollida nun tomo coidadosamente editado para gozar coma nunca co relato, ilustrado de xeito magnífico, das aventuras de Rodrigo Díaz de Vivar.


07

El macanudazo

El macanudazo
Liniers
Reservoir Books

Tremendo volume que recolle os dez tomos de Macanudo, as tiras cómicas de gran contido poético, irónico e mesmo filosófico que o autor arxentino Liniers leva anos debuxando para facer rir e pensar aos seus lectores. Falámosvos deste libro hai uns días na nosa páxina.


06

The lonesome go (Un viaje a la deriva por el sueño americano)

The lonesome go (Un viaje a la deriva por el sueño americano)
Tim Lane
Sapristi

Poucas veces atopamos un subtítulo tan axeitado para describir unha obra, xa que este collage de relatos curtos, algúns dos cales pezas dunha historia maior, ilustracións e textos narrativos representa xustamente iso, unha viaxe polo lado oculto do soño americano. Moteis de estrada, partidas de póquer, amores imposibles, fuxidas en tren e soidade, moita soidade neste álbum graficamente herdeiro de Robert Crumb e Charles Burns.


05

El hombre sin talento

El hombre sin talento
Yoshiharu Tsuge
Gallo Nero

Cunha narración pausada e en gran parte autobiográfica Tsuge conta a historia dun debuxante de manga sen éxito que fracasa en todos os estraños negocios que emprende, ao tempo que retrata a sociedade xaponesa e o seu complexo funcionamento.


04

Salvatore

Salvatore
Nicolás de Crécy
Ponent Mon

Outro exemplo máis da imaxinación dun dos grandes xenios secretos da bd europea, co seu virtuosismo gráfico e a súa surrealista posta en escena habituais desenvolve a historia de Salvatore, un can de oficio mecánico que comeza unha delirante viaxe na procura da súa amada.


03

Aquí

Aquí
Richard McGuire
Salamandra Graphic

Todo un experimento narrativo que espreme as capacidades do medio artístico. O autor sitúa a perspectiva do lector ou lectora nun plano fixo situado no salón dunha casa, e a partires de aí vainos mostrar momentos pasados e futuros dese mesmo lugar a través dunha serie de interesantes flash-backs e flash-forwards. Podedes ler aquí o que sobre ela falamos hai unhas semanas.


02

Los viejos hornos #1: los que quedan

Los viejos hornos #1: los que quedan
Lupano / Cauuet
Norma Editorial

Primeira entrega das aventuras dun veterano trío que levan a ser amigos dende a nenez. Crítica social, amizade, humor e segredos revelados nun título merecente do premio á mellor obra do ano por parte das libreiras e libreiros franceses.


01

Los equinoccios
Cyril Pedrosa
Norma Editorial

Los equinoccios

Sen dúbida, unha das obras máis salientables deste 2015. Existencialismo intimista e coral nun libro dunha fermosura gráfica extrema, que comentamos hai uns días nesta páxina.