Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en decembro de 2015

Top 10 de Komic Librería


Pois non, non vos ides librar da nosa habitual e selecta escolla de dez títulos entre aqueles que chegaron a Komic Librería durante o pasado mes de decembro, pero xa que publicamos numerosas listas nas datas navideñas tiñamos medo de vos empachar, polo que decidimos ir deixando esta selección ata o día de hoxe. Coma sempre, agardamos que vos sexa de utilidade.


10

Los secretos del chocolate

Los secretos del chocolate
Franckie Alarcon
Norma

Neste gorentoso e doce título atopamos un libro perfecto para lambóns e lambonas, unha viaxe ao interior do obradoiro dun dos grandes mestres chocolateiros franceses, Jacques Genin, na que aprenderemos moito sobre a orixe e a elaboración deste alimento derivado do cacao.


09

Astro-Ratón y Bombillita 3

Astro-Ratón y Bombillita #3 (Patatator cocido)
Fermín Solís
Bang

Unha nova aventura do roedor astronauta preferido d@s máis cativ@s, que, acompañado das súas compañeiras inseparables, Bombillita e Caca, chega a un planeta idéntico á Terra pero con catro lúas e alí volverán atopar ao temible loitador Patatator, de quen Astro-Ratón é un gran fan.


08

La era de los dinosaurios

La era de los dinosaurios
Ricardo Delgado
Norma

Sen textos e cun espectacular debuxo asistimos a un multitudinario éxodo de dinosauros herbívoros na procura de novos pastos. Na súa travesía terán que facer fronte ás adversidades do camiño, coma os depredadores carnívoros ou á falta de auga, nunha fascinante viaxe prehistórica.


07

Necrópolis

Necrópolis
Marcos Prior
Astiberri

Sen dúbida algunha a voz de Marcos Prior resulta sempre orixinal, rechamante e crítica coa realidade da sociedade occidental actual. E a súa nova obra non é unha excepción, cun relato coral centrado nos distintos candidatos á alcaldía dunha cidade cun alto nivel de criminalidade no que sobresae a ironía intelixente e a experimentación expresiva e gráfica.


06

La ficción

La ficción
Curt Pires / David Rubín
Astiberri

Co dinámico debuxo característico do ourensán David Rubín esta serie norteamericana, recollida nun tomo integral, racha as difusas fronteiras entre realidade e ficción nun relato de intriga e fantasía que conta, por suposto, coa súa recensión na páxina da librería.


05

Otoño

Otoño
Jon McNaught
Impedimenta

Todo un exemplo de narración coidada e contemplativa que entrelaza a vida nun día de outono dun axudante de cociña nunha residencia da 3ª idade e a dun estudante de secundaria que reparte xornais nunha pequena vila inglesa, cun melancólico estilo gráfico que lembra a autores como Chris Ware ou Seth.


04

Navilandia

Navilandia
Didier Tronchet
La Cúpula

Unha divertidísima e crítica sátira política a que nos presenta este histórico da bd francesa, a delirante historia dun mundo no que as festas están regulamentadas e son obrigatorias por decreto lei, ata a aparición dun grupúsculo clandestino que loita polo dereito a non divertirse.


03

Malditas pesadillas indigestas

Malditas pesadillas indigestas
Winsor McCay
Reino de Cordelia

Outra grande obra do xenial responsable de Little Nemo que recupera Reino de Cordelia co seu habitual agarimo na edición. Nesta tira, dirixida cara un público máis adulto, repite a estrutura recorrente de que cada historia sexa o soño dun personaxe, pero nesta ocasión emprega un aquel menos onírico e máis realista, reflectindo a sociedade norteamericana de comezos do século XX.


02

La casa

La casa
Paco Roca
Astiberri

Posiblemente a obra máis persoal e autobiográfica do autor de Engurras, un evocador e delicado relato sobre as relacións familiares e a memoria que comentamos hai unhas semanas na nosa páxina.


01

Antares
Leo
ECC

Antares

O agardadísimo terceiro ciclo desta saga que é, por méritos propios, unha das obras máis vendidas na historia de Komic Librería. Unha serie de aventuras e ciencia-ficción asequible para todo tipo de lectores que conquista co seu tremendo ritmo narrativo e coas imaxinativas ideas do seu autor. Podedes ler o que falamos dela máis polo miúdo aquí.