Top 10 de Komic Librería: Selección de novidades editadas en xaneiro de 2016

Top 10 de Komic Librería


En Komic Librería comezamos o ano con moitas novidades interesantes e variadas, títulos moi atractivos para nen@s e maiores entre os cales, como é habitual cada mes, seleccionamos dez especialmente salientables que aquí vos presentamos: agardamos que vos sexa de utilidade...


10

Do Quijote de La Mancha: el manga

Don Quijote de La Mancha
VV.AA.
La otra h

A xenial novela de Miguel de Cervantes adaptada ao manga, nunha versión reducida pero moi atractiva para aproximarse por vez primeira a tan importante título.


09

Los Kurdles

Los Kurdles
Robert Goodin
La Cúpula

Unha fantástica e imaxinativa fábula na que unha variopinta panda de estrafalarios personaxes deben superar os típicos problemas domésticos, como que á casa na que viven no medio da fraga lle comece a saír pelo...


08

La momia misteriosa

La momia misteriosa
Jason
Astiberri

O historietista noruegués, unha das nosas debilidades, volta con este tomo que compila numerosas historias curtas feitas co seu particular minimalismo e protagonizadas polos seus habituais animais antropomórficos.


07

Paula Crusoe #2. La distancia

Paula Crusoe #2, la distancia
Mathilde Domecq
Dibbuks

Unha serie dirixida cara os primeiros lectores pero coa cal gozamos tamén os adultos. Unha versión moderna e familiar dos náufragos nunha illa deserta, con boas doses de emoción e un debuxo ben bonito.


06

Pánico en el Atlántico

Pánico en el Atlántico
Lewis Trondheim / Fabrice Parme
Dibbuks

Recibimos encantados esta nova aventura completa de Spirou, nunha accidentada travesía a bordo dun transatlántico que vai camiño de ser unha traxedia a non ser que o intrépido botóns solucione a situación, será quen de facelo?


05

El puerto prohibido

El puerto prohibido
Teresa Radice / Stefano Turconi
Dibbuks

Falámosvos hai uns días na nosa páxina deste elegante relato de aventuras marítimas e intriga que comeza cando unha fragata da Royal Navy atopa a un mozo náufrago sen memoria. Cun espectacular debuxo a lapis esta parella italiana transpórtanos aos inicios do século XIX cun texto cargado de poesía, romantismo e cancións mariñeiras.


04

Nemo, río de fantasmas

Nemo, río de fantasmas
Alan Moore / Kevin O'Neill
Planeta

Derradeiro spin-off da xa mítica serie da Liga dos Cabaleiros Extraordinarios co protagonismo da filla do Capitán Nemo. O prestixioso guionista inglés segue a mesturar distintos elementos da cultura popular dos séculos XIX e XX, sempre coa complicidade gráfica de Kevin O'Neill.


03

Superpatata #5

Superpatata #5
Artur Laperla
Bang

Para ledicia d@s komiqueir@s máis nov@s chega a quinta entrega do tubérculo superheroe, sen dúbida un dos seus personaxes preferidos, e nosos tamén, que nesta ocasión terá que facerlle fronte a un mestre da robótica e aos seus terroríficos inventos.


02

La luna al revés

La Luna al revés
Blutch
Norma

Blutch, un autor único, inconfundible e fascinante, regresa cun relato futurista e surrealista no que critica a conversión do proceso creativo nalgo meramente comercial. Unha sátira psicodélica co persoal toque deste visionario francés.


01

Esteban #2
Mathieu Bonhomme
Norma

Esteban #2

Este segundo tomo integral completa o primeiro ciclo desta impecable historia de aventuras que se ambienta arredor de 1900 na Patagonia arxentina. Protagonizada por un mozo indio embarcado nun baleeiro este relato contén grandes doses de acción cun ritmo trepidante e unha certa crítica social, todo narrado co excelente debuxo Bonhomme. Tedes máis información nesta reseña.