Top 10 de Komic Librería: Selección de cómics editados en marzo de 2016

Top 10 de Komic Librería


Preferimos ser komiqueiros que choromiqueiros, pero non foi cousa doada escoller dez títulos entre a avalancha de novidades que chegaron a Komic Librería durante o mes de marzo, un difícil dilema que, en todo caso, estamos encantado de afrontar. Sentimos non incluír nesta lista obras tan salientables coma o segundo e derradeiro tomo de García, as dúas risografías (Luz verdadera, de Ana Galvañ, e La cueva, de Begoña García-Alén) editadas por Fosfatina ou o tomo integral que recolle todas, absolutamente todas, as páxinas de 13, Rue del Percebe, pero entre as dez elixidas ides atopar opcións moi variadas, tanto a nivel gráfico como nas súas temáticas:


10

Gringos locos

Gringos locos
Yann / Schwartz
Dibbuks

Nos anos corenta tres nomes míticos da bd belga (Jijé, Franquin e Morris) viaxan, xunto á familia do primeiro, aos Estados Unidos coa esperanza de atopar traballo nos estudos Disney. Os autores de El botones de verde caqui adaptan aquí esta viaxe, todo un mito da historieta europea, mesturando realidade e ficción para contarnos as aventuras dos pais de Spirou, Gastón Elgafe e Lucky Luke.


09

Flor y nata / Yolo
Roberta Vázquez / Teresa Ferreiro
Fosfatina

Flor y nata / Yolo

Un split fascinante feito por dúas autoras a seguir, dous relatos complementarios protagonizados por animais (e embutidos) antropomorfos con ganas de farra.


08

El día de julio

El día de julio
Beto Hernández
La Cúpula

Un paseo polo século XX a través do protagonista e de seis xeracións da súa familia. Neste relato cheo de elipses o mítico autor underground realiza unha sorte de homenaxe a Cien años de soledad, a novela de García Márquez coa que moitas veces teñen comparado á súa obra mestra Palomar.


07

Peeping Frank

Peeping Frank
Jim Woodring / Charles Barnard
Fulgencio Pimentel

Toda a fermosa fantasía do surrealista universo de Jim Woodring a través do prisma máxico dos lentes en 3D. O libro perfecto para aqueles e aquelas que amades a arte e as experiencias psicotrópicas.


06

Paseos de un gourmet solitario

Paseos de un gourmet solitario
Jiro Taniguchi / Masayuki Kusumi
Astiberri

Co mesmo gorentoso sabor do seu primeiro tomo, El gourmet solitario, regresan as experiencias gastronómicas dun viajante de comercio no Xapón dos nosos días. Unha deliciosa viaxe íntima polas reflexións e polo padal do protagonista.


05

Una vida en familia tan agradable

Una vida en familia tan agradable
Antoine Marchalot
Fulgencio Pimentel

Cun estilo deliberadamente feísta e naif chega este exemplo de humor disparatado, absurdo e divertidísimo editado co agarimo habitual de Fulgencio Pimentel.


04

El árabe del futuro #2

El árabe del futuro #2
Riad Sattouf
Salamandra Graphic

As interesantes memorias de nenez do autor francés continúan nesta segunda entrega, centrada especialmente na súa estadía en Siria e nas súas primeiras experiencias na escola. O fino humor e o extraordinario poder de observación de Sattouf achégannos de novo, directamente dende as súas lembranzas, á complexa realidade de Oriente Medio nos anos oitenta. Se vos interesa podedes mirar aquí o que comentamos do primeiro tomo desta obra.


03

Intrusos

Intrusos
Adrian Tomine
Sapristi

O ilustrador e historietista estadounidense é un auténtico mestre á hora de reflectir o baleiro existencial da sociedade occidental, e aquí regresa con seis historias distintas nas que conviven o desacougo e o humor, empregando estilos e técnicas diferentes.


02

Che, una vida revolucionaria

Che, una vida revolucionaria
Jon Lee Anderson / José Hernández
Sexto Piso

Máis que unha biografía, un convite para acompañar ao icónico revolucionario arxentino durante os seus anos en Cuba.  Un excelente traballo gráfico que permite coñecer máis polo miúdo a este persoeiro do século XX e do que xa vos falamos na nosa páxina.


01

Un gusano en la fruta
Pascal Rabaté
Norma

Un gusano en la fruta

Un thriller costumista ambientado nunha pequena vila francesa a comezos dos anos sesenta. Aquí podedes ler un chisco máis sobre esta historia de intriga, realismo e humor negro que por fin se publica en castelán case vinte anos despois da súa aparición en Francia.