Top 12 de Komic Librería: Selección de cómics editados en abril de 2016

Top 12 de Komic Librería


Presentámosvos, como é habitual, a selección dos títulos máis rechamantes chegados a Komic Librería durante o mes abril. Como acostuma acontecer non foi doado escoller tan só dez obras e, como ademais este mes recibimos dous libros que, sen ser propiamente bandas deseñadas, tamén merecen ser comentados, decidimos ampliar a nosa lista ata a ducia: agardamos que vos resulte interesante a nosa proposta de lecturas, entre as que estamos encantados de incluír novidades de artistas moi aprezad@s por nós.


12

Grandes autores de Vertigo: Frank Quitely

Grandes autores de Vertigo: Frank Quitely
VV.AA.
ECC

Vale, non é unha novidade propiamente dita, pero esta escolma de historias curtas debuxadas por Quitely paga, e moito, a pena. Quince relatos con guionistas da sona de Neil Gaiman, Grant Morrison ou Bruce Jones nos que o ilustrador escocés mostra o seu espectacular e característico estilo.


11

Voltio

Voltio
VV.AA.
La Cúpula

Unha nova tentativa de facer unha revista de bd, neste caso con vari@s d@s artistas nov@s máis salientables do panorama tebeístico español. Nas súas páxinas podemos aprezar a arte de José Domingo, Núria Tamarit, Alexis Nolla ou Kensausage, entroutros, ademais da dos seus coordinadores Ana Oncina e Álex Giménez.


10

El fin del mundo y antes del amanecer

El fin del mundo y antes del amanecer
Inio Asano
Norma

Un novo exemplo do enorme talento deste mangaka, autor de títulos como Solanin ou La chica a la orilla del mar. Este tomo reúne diversas historias curtas, protagonizadas na súa maioría por xente nova que nos transmite as súas inquedanzas e dúbidas fronte ao seu futuro.


09

Doraemon Edición Color #1

Doraemon Edición Color #1
Fujiko F Fujio
Planeta

Comeza a reedición en cor deste manga clásico cheo de imaxinación protagonizado polo famoso gato de peto máxico.


08

El rey de la carretera

El rey de la carretera
Josep Busquet / José Ángel Ares
Aleta

Nun futuro postapocalíptico un reality-show protagonizado por un peculiar aventureiro triunfa entre a poboación. Unha divertida crítica á sociedade moldeada pola televisión chea de acción e con moitas sorpresas.


07

La carga

La carga
Mariano Casas
Autoeditado

O polifacético, prolífico e inquedo Mariano retorna con esta sorprendente fuxida a bordo dunha furgoneta. Unha obra debuxada cun estilo orgánico máis achegado á súa pintura que a moita da súa obra anterior en bd da que xa vos falamos na nosa páxina.


06

Duerme pueblo

Duerme pueblo
Xulia Vicente / Nuria Tamarit
La Cúpula

A catro mans, así se presenta a primeira obra longa destas dúas prometedoras historietistas, unha historia enigmática e coral ambientada nunha pequena vila na que se unen a fantasía, a maxia e a intriga cun estilo de debuxo moi dinámico e atractivo.


05

Héroes del jazz, el blues y el country

Héroes del jazz, el blues y el country
Robert Crumb
Nórdica

Este fermoso libro recolle as tres coleccións de cartas que Robert Crumb realizou debuxando aos músicos máis salientables dos primeiros anos do jazz, do blues e mais do country. Ademais esta edición, a primeira en castelán, inclúe unha escolma de cancións destes músicos pioneiros seleccionadas persoalmente polo propio autor.


04

El diario de Frida Kahlo, un íntimo autorretrato

El diario de Frida Kahlo, un íntimo autorretrato
Frida Kahlo
RM / La Vaca Independiente

Grazas a esta magnífica edición, que inclúe unha introdución de Carlos Fuentes, un ensaio de Sarah M. Lowe sobre Frida e a reprodución facsimilar e transcrita das 170 páxinas que compoñen o diario dos derradeiros dez anos da artista mexicana, podémosnos achegar aínda máis á figura desta complexa e icónica pintora. Unha marabilla.


03

En soledad

En soledad
Chabouté
Planeta

O autor francés presenta aquí un esperanzador relato sobre a soidade e a imaxinación precisa para evadirse do aillamento. Unha historia emotiva en branco e negro que resulta ser unha cálida lectura.


02

Cuadernos japoneses

Cuadernos japoneses
Igort
Salamandra Graphic

Igor Tuveri comparte connosco as súas experiencias xaponesas, unha viaxe interesantísima e fascinante na que o artista italiano fala das súas impresións sobre a cultura nipona en xeral e a do manga en particular, coa fermosura gráfica que adoitan posuír as súas obras.


01

El ala rota
Antonio Altarriba / Kim
Norma

El ala rota

Tralo exitoso El arte de volar o mesmo equipo creativo segue a revisar o século XX español, desta volta centrándose na figura da nai de Antonio Altarriba, á que observamos dende a súa humilde nenez en Castela ata que chega a ser gobernanta do servizo na casa do Capitán Xeral en Zaragoza e posteriormente nai do guionista. Unha obra conmovedora narrada con mestría e elegancia.