Komic Librería repasa as novidades editoriais destacadas de setembro de 2012

Pudridero


Pois ben, case sen decatarnos pasou setembro, o mes da volta á normalidade tralas vacacións de agosto, e entre todas as obras que chegaron á librería salientamos unhas cantas que nos chamaron a atención.

Portugal

Pode que o libro que desatou máis interese por parte do público foi Portugal, a nova e agardada obra de Cyril Pedrosa editada por Norma Editorial e xa reseñada na nosa páxina web. Das novidades da editorial catalana destacamos a segunda entrega de Quai d’Orsay, a divertida sátira política que nos achega Christophe Blain, e Feynman, a biografía gráfica de Richard P. Feynman quen, xunto con Einstein, foi un dos físicos máis influíntes e importantes do século XX. Ademais, sairon novos números dalgunhas das series mangas máis importantes da actualidade, como Soul Eater, Blue Exorcist, Black Butler e Las Vacaciones de Jesús y Buda.

Héctor Umbra

Unha das editoriais máis activas ultimamente, e cada vez con mellor ollo para o que publican, Dibbuks, presentounos varios títulos interesantes: o integral de Héctor Umbra, obra do alemán Uli Oesterle, que conta unha sorte de thriller fantástico cheo de acción e humor e que se desenvolve no Munich dos nosos días; La isla del gallinero, unha historia de piratas na que dúas tripulacións de bucaneiros compiten por un prezado tesouro; El Rey Banal, unha fábula contempóranea que é máis do que semella a primeira vista; e un tomo integral de Walter el lobo, obra do español José Luís Munuera, orientada cara un público xuvenil e na que, cun estilo moi dinámico (ao modo dos debuxos animados da Warner) narra as aventuras e desventuras de Walter, un lobo moi especial.

Pudridero

Moito chamou a atención a espectacular edición, na que colaboran Entrecómics e Fulgencio Pimentel, de Pudridero, de Johnny Ryan, un divertido e escatolóxico desbarre do autor de Juventud Cabreada.

¿Eres mi madre?

Outras obras que salientamos son ¿Eres mi madre? (Ramdon House Mondadori), de Alison Bechdel, onde a autora de Fun Home segue a diseccionar a súa historia persoal e familiar, Una metamorfosis iraní (La Cúpula), onde Mana Neyestani conta o proceso no que unha ilustración que realizara para un libro infantil provocou que fora enviada á cadea, e Una asombrosa aventura de Jules (Ponent Mon), un dos tebeos para rapazes que máis éxito tivo nos últimos tempos en Francia, e do que é autor un dos nosos vellos coñecidos, Émile Bravo.

Warlock. La amenaza de Thanos

Sins Entido, pola súa banda, sorprende coa edición de Goliat, a revisión do coñecido mito bíblico a cargo do británico Tom Gauld. E comentar así mesmo que Panini reeditou unha das grandes obras da Marvel dos 80, Warlock. La amenaza de Thanos, a odisea cósmica de Jim Starlin.

Holy Terror
Por último, xa vos iremos informando dalgunha das obras que van pegar forte este outubro, como a polémica Holy Terror de Frank Miller, ou Olympe de Gauges, a nova obra do dúo creativo responsable da biografía de Kiki de Montparnasse que, nesta ocasión, vainos mergullar na vida dunha das grandes precursoras do feminismo, na Francia do século XVIII.