OS FAVORITOS DO 2025 EN GALEGO OU DE AUTORÍA GALEGA.

alt


O ano 2025 non estaba a ser tan prolífico na edición de obras en galego como os anteriores mais as editoras tiñan reservadas para os últimos meses algunha que outra boa nova como a fermosa edición do tomo que recopila os catro títulos da colección Castelao dos que a nosa librería  fora impulsora e co-editora xunto con Demo Editorial.

No referente a obras foráneas traducidas cabe destacar as clásicas editadas por Rinoceronte, "Ghost World", "Pílulas Azuis" e a saída do novo título "Hilda e Twig resgárdanse da chuvia".  Xerais publicou "Heartstopper # 4 / 5" e o novo título de "Astérix en Lusitania". A catalana Bang que edita "Super pataca" en galego sacou catro tebeos de grapa deste persoaxe e dous títulos da nova serie "Super ninja Kururo".

De autoría galega publicadas en castelán lembrámosvos "Receta de la magia" e "Meigatas" de Paula Cheshire e por suposto "Anzuelo" co que comezamos o noso listado de adultos. En canto a series de producción propia, polas que Galaxia segue a apostar, apareceron os novos títulos "Sentinelas no Limiar Das Tebras", "Sentinelas da Lúa Carmesí ", "Historias do Páramo" e "Brigada iridiscente". Por parte de Antela publicáronse  "Erea e as agullas máxicas" e "En busca do Muncho" De todas estas obras fomos falando en publicacións anteriores ao longo do ano polo que preferimos incluir outras no seguinte listado.




ADULTOS


alt

ANZUELO de Emma Ríos (Astiberri)


Cada unha das páxinas é un deleite visual nesta obra realizada orixinalmente en acuarela. A propia autora enmarca este relato, protagonizado por nenos nos xéneros da fantasía e o terror mariño. É unha desacougante metáfora naturista e pacifista que recomendaríamos aos que buscan nestas lecturas máis as sensacións que as resolucións racionais.




alt

SEICA SON UNHA PENDANGA de Carlos Barros (Demo)

O autor coruñés dounos toda unha sorpresa con esta obra protagonizada por Lena, unha muller que síntese perdida e vai a sesións de terapia, explorando desde un aspecto psicolóxico as súas vivencias e insatisfaccións persoais. Escribimos polo miudo sobre o autor e a obra cando se presentou na nosa librería, podedes ler a recensión aquí.




altADELINA Sandra Lodi (Galaxia)

Galardoada co Premio Castelao do 2024 na categoría de adultos é unha obra conceptuada con un persoaxe como eixo. Adelina, unha anciá de forte carácter que vive nunha residencia e que está farta e segura de que ise non é o seu lugar, polo que decide fuxir  xerando un gran alboroto.




alt

O SEGREDO DA SERPE de Abel Alves, Esteban Tolj (Demo)

Segunda entrega das aventuras protagonizadas polo bandoleiro Antón dedo D'ouro que terá que atopar ao poeta perdido Eduardo Pondal por encargo de Rosalía de Castro. Mergullarémonos nunha historia de lendas e maldicións antigas. Presentada na nosa librería no pasado outono polo que podedes ler máis aquí.



alt

BESTIARIO DAS ALTURAS Inácio, Iván Suárez (Alvarellos/Consorcio de Santiago)

Os autores da Colección Castelao, utilizando como fío conductor do guión a conversa entre o que fora alcalde de Pontevedra, Xosé Figueira Valverde  e Álvaro Cunqueiro, abordan neste  "Bestiario dás alturas" ata quince biografías e as asombrosas historias dos "escalatorres", emblemáticos personaxes da preguerra que escalaban valentemente altas torres sen protección.



INFANTÍS-XUVENÍS


alt

LELA, A SUPERAVOA ( 6) Xosé Tomás - Xerais

Lela é unha avoa con moita experiencia e sabedoría na vida, así que empregará as súas virtudes para emprender un bonito camiño, porque quizais sexa maior fisicamente, pero nada a detén.



alt

A RAÍÑA CADÁVER ( 7) Laura Suárez - Aira

Obra galardoada no 2024 co premio Castelao na categoría Infantil-xuvenil que conta á curiosa historia de Inés de Castro, a raíña galega coroada en Portugal despois de morta, na idade media .




alt

A LENDA DE SANTORO (+8) Mario Casas- Autoedición

Este cómic está escrito e debuxado por un mozo de tan só 14 anos certamente dotado tanto para o debuxo como para a narración gráfica, o que representa un fito na BD galega. Foi presentado recentemente na librería e escribimos entón o que podedes ler aquí.



altO DÍA DE SAN MARTIÑO (+9) Cristian F. Caruncho - Autoedición

Outra das obras galardoada neste caso no 2025 co premio Castelao na categoría infantil- xuvenil e autopublicada por Cristian. Un orixinal cómic co-protagonizado polos habitantes dunha aldea e por animais antropomórficos, porcos e xabaríns. Co seu habitual estilo de manga clásico e referencias ao xénero do western o autor propón un entretido relato de acción e de tiros non exento de humor e crítica aos poderes fácticos que lexislan e actúan alonxados do sentir das xentes do rural.



alt

SEVERINA (+10) Inés Vázquez - Demo


A autora de "Aldara" propón agora un relato de xénero fantástico protagonizado por outra moza, Severina, que é capaz de ver trasnos e adora a ciencia. O seu pai quere casala cun mozo de alta clase social e organiza unha cea que non sae ben. Ambientado na Compostela decimonónica e cun trazo impecable gozamos dun mundo de maxia e feitizos.




alt

TESE DE MARGOT (+10) Óscar Losada, Alba Ceide - Autoeditado


En 1926 a filóloga alemá Margot chega a Galicia para facer unha tese sobre o idioma galego. Viaxou polas catro provincias, distintas cidades e intentou coñecer a fondo a nosa cultura. A parexa creativa que xa realizaran "Irene a porteira" volta para descubrirnos outra muller tan valente e decidida como pouco coñecida.



alt

O ECO DOS DÍAS ROTOS (+12) Alberto Taracido - Demo

O veterano autor coruñés Alberto Taracido realiza esta preciosa bd de corte costumista ambientada no barrio coruñés de Labañou no ano 1972 que curiosamente foi publicada polo selo suizo Paquet e estase a comercializar en Suiza, Francia e Bélxica. O señor Belarmino chega ao barrio e non lembra moi ben o seu pasado, os nenos non están contentos porque vai aquedar a vivir nunha casiña que ata agora era a súa cabana. Pronto vai gañando a amizade dos veciños polo seu carácter colaborador e festeiro. Pero o pasado sempre volta e o que estaba a ser un apacible verán vai a mudar para todos…