Día da música en Komic Librería

23/06/2017

Komic Librería: Cómics + Música


@s komiqueir@s máis fieis coñecedes o moito que nos gusta a música tanto a Pío como a Xaime, así que, co gallo da Festa da Música (que se celebrou este pasado mércores 21 de xuño), non vos estrañará que conmemoremos a data cunha pequena selección de títulos de banda deseñada musicais. Así pois, aquí vos deixamos dez títulos onde a música ten unha presenza especialmente salientable.  Agardamos que vos gusten estos acordes en viñetas:

 

Dispoñible en Komic Librería a edición limitada de «The Nightmare Before Christmas Coffin Dolls: Santa Jack & Sally»

13/06/2017

The Nightmare Before Christmas Coffin Dolls: Santa Jack & Sally


O clásico de Tim Burton «Pesadilla antes de Navidad» está de volta! Diamond Select Toys recupera o espírito das figuras coleccionables clásicas para traernos un pack único: as figuras articuladas de Jack Skellington (41 cm) e o seu verdadeiro amor, Sally (36 cm), vestidas con traxes de Santa Claus fabricados en tea real, e presentadas nunha caixa con forma de cadaleito dobre. Non quededes sen esta xoia: é unha edición limitada a só 1993 unidades!

 

Cortázar, de Jesús Marchamalo e Marc Torices: retrato dun enormísimo cronopio

05/06/2017

Komic Librería: Cortázar


Durante os últimos meses comentamos en repetidas ocasións o bo momento que está a atravesar a banda deseñada de carácter biográfico. Raro é o mes no que non apareza un ou varios títulos adicados a narrar a vida dalgunha figura salientable, personaxes relevantes en eidos tan distintos como a pintura, a política, as ciencias, o compromiso social ou a literatura, como é o caso que hoxe nos ocupa. Cortázar é un novo exemplo da bonanza na biografía gráfica que reúne ademais, dun xeito marabilloso, varias das nosas filias: un debuxante a quen seguimos dende hai tempo con atención (Marc Torices) emprega un xeito de expresión artística que nos fascina (a historieta) para reproducir os episodios vitais que o xornalista Jesús Marchamalo destaca do noso escritor preferido (Julio Cortázar). Pouco máis podíamos pedir.

 

Presentación de «A Alquitara», de Troubs, en Komic Librería

31/05/2017

Komic Librería: A alquitara


O xoves 1 de xuño, a partir das 18:30 horas, presentaremos en Komic Librería o cómic A Alquitara, un traballo do francés Troubs publicado en galego pola editorial coruñesa Figurandorecuerdo(s). Contaremos coa presenza de Rosa Espiñeira Pan (editora e tradutora) e de Séchu Sende (mestre e escritor), que profundarán nesta interesante obra.

 

A alquitara, de Troubs: testemuño dun oficio tradicional

30/05/2017

Komic Librería: A alquitara


A voluntariosa editora coruñesa Figurandorecuerdo(s) aposta, coma xa fixera hai dous anos, por traducir unha obra do francés Troubs á nosa lingua. Se daquela o título escollido fora Muuh! No prado das vacas (un bucólico retrato do noso animal totémico, un fermoso diálogo monologado entre o autor e as vacas), nesta ocasión con A alquitara a temática tampouco resulta descoñecida en terras galegas, pois xira arredor da figura do alquitareiro, un destilador ambulante posuídor dun alambique ou alquitara que percorre o rural a ofertar os seus servizos durante a estación da estila, é dicir, entre os meses de outubro e maio.

 

1/116