“O SEGREDO DA SERPE” de Abel Alves e Esteban Tojl. Xuntando mitos e rituais coas figuras da literatura galega.

alt


Cando se cumpren sete anos da publicación do exitoso título "A tumba de Breogán" da que a editorial Demo leva tres edicións esgotadas, falámosvos hoxe da que se pode considerar a nova entrega desta serie ambientada na Galicia da segunda metade de S. XIX.

Xa que tiñan forxado unha longa amizade no pasado será Rosalía de Castro a que encomende a Antón Dedo D’ouro a misión de atopar ao desaparecido Eduardo Pondal . O coñecido aventureiro que protagonizara “A tumba de Breogán” terá que seguir os pasos do escritor de Ponteceso ata a aldea da Serpiña onde se perdeu a súa pista. En contra da súa vontade verase acompañado en todo momento por unha mociña moi afouta de nome Sofía que non quere perder a oportunidade de vivir en primeira persoa as ansiadas emocións ata agora só coñecidas a través da lectura dos folletíns da época e os relatos de Dumas.

alt

A veteranía dos autores queda patente por unha parte na solidez argumental, na estrutura do relato, o ritmo ben acompasado e a naturalidade dos diálogos.

alt

No aspecto gráfico cabe destacar unha evolución no estilo de Esteban que se apreza máis solto e expontáneo sen que isto afecte aos moi valiosos detalles na ambientación. Se a primeira historia transcurría únicamente nos escenarios urbanos agora lévanos por camiños, fragas, outeiros e aldeas. Apreciable tamén a creación dos persoaxes moi ben diferenciados e a acentuada expresividade das facianas que potencia a credibilidade das accións e de todo o conxunto da obra.

alt

A intención que Abel xa mostrara de agrupar mitoloxía e fantasía coas figuras ilustres da literatura galega, lévao agora a recrear mitos e posibles rituais inspirado polos petroglifos serpentiformes presentes tanto na Galicia interior como na da fachada atlántica.

Recoñece Abel certa influencia dos mitos de Lovecraft e, reflexionando tras a publicación destes dous títulos, admite tamén certo paralelismo non intencionado coa saga cinematográfica de Indiana Jones xa que, tanto na primeira película, “A arca perdida” como na “Tumba de Breogán” a trama baséase na búsqueda dun obxeto máxico - relixioso e  ten como antagonista e competidora a unha facción malvada que o desexa. Nas segundas entregas, “O templo maldito” e “O segredo da serpe” que hoxe nos ocupa, temos como parte esencial da trama a adoración a un deus malicioso con ritos e sacrificios nos que vense involucrados nenos. Unha vez recoñecido isto non sería estrano que, na terceira posible entrega destas aventuras con Antón Dedo D’ouro e Pondal como protagonistas, os autores forzaran a continuidade do paralelismo coa saga cinematográfica coa que tanto disfrutou Abel nos seus anos mozos.

alt

Teremos ocasión de debater todas estas apreciacións e outras que poidan xurdir co propio Abel Alves e co seu editor, Manel Cráneo, o vindeiro venres 24 a partir das 18:00 h na presentación do “Segredo da Serpe” tras a que comezará a sesión de firmas na que este excelente guionista tamén adoita a demostrar a súa destreza como debuxante.


alt

O segredo da serpe
Abel Alves / Esteban Tolj

Demo Editorial
Tomos: 1