OBRAS DESTACADAS DO 2025
- LECTURAS

O ano que remata foi especialmente prolífico no que se refire á edición en España. Atopamos moitos máis títulos coa suficiente calidade para estar nesta lista mais a nosa intención e axudarvos a escoller algunas máis que falar de todas. Mencionaremos aquí neste párrafo algún dos que xa falamos ao longo do ano como "El peso de los héroes de Sala", "Le llamábamos Bebéto", "Anzuelo" de Enma Ríos, que incluiremos na lista dos galegos ou os recén publicados "El conflicto eterno" de J.Sacco ou o magnífico "Meteoros" de J.C.Deveney e T. Redolfi.

CHUMBO de Matthias Lehmann (LA CÚPULA)
Maxistral e monumental obra que abarca seis décadas da historia da familia do autor Brasileiro e comeza mergullándonos no Belo Horizonte de 1937 e no seo das minas do patriarca Oswaldo Wallace, un explotador que está decidido a reprimir calquera intento de insurxencias impulsadas polos convulsos momentos que atravesaba a política do país. A través da súa vida e a dos seus fillos percorreremos o resto do século XX nunha narración moi sólida reforzada pola crudeza dun debuxo que lembra por momentos a R.Crumb ou a Art Spiegelman.

MALTEMPO de Alfred (Salamandra)
Terceiro título dunha triloxía inconexa ambientada esta vez nunha illa do sur de Italia nos anos 60. A beleza deste cómic está máis alá do fermoso e persoal tratamento da paisaxe mediterránea, na profundidade dos personaxes e as súas vidas; Cesáreo un romántico que non é o que parece, Mortadela, o inadaptado; Guido, que ten tendencia a arrimarse á mafia e o protagonista Mimmo, o máis ambicioso. Os seus camiños volverán a xuntarse grazas á música.
EL REY MEDUSA de Brecht Evens (Astiberri)
Co estilo brillante e inquietante que o caracteriza, o autor belga vai a relatarnos nesta obra, ao noso entender máis planificada que as anteriores, a historia dun pai e dun fillo. A paranoia do pai entorpece a infancia do neno, facéndolle crer que se achega unha apocalipse e que teñen que desconfiar de todo o mundo ao seu redor ata o punto de atrincherarse na súa casa que está convertida en fortaleza. Unha viaxe pola psicoloxía e a mente humana na que hai cabida para a crítica a unha sociedade tan enferma como a dalgúns individuos que a conforman.

BUENA GENTE de Isaac Sánchez (Dolmen)
Thriller costumista do autor catalán que tan bo sabor de boca deixara en "Baños Pleamar" que segue en progresión e está a gañarse tanto ao público como á crítica no noso país. Drama, con claros tintes berlanguianos, sitúase nun pobo da España profunda chamado Benquerencia del Río nos anos 60. Tras o pasamento do home de máis rico do pobo, queda por escrito no seu testamento que o seu único herdeiro será a mellor persoa do pobo. Lévase a cabo unha surrealista competición xestionada por un bispo, un garda civil e unha mestra na que se rematará mostrando a verdadeira faciana de cada un dos veciños.

LA CAJA DE PANDORA de Ángel de la Calle (Garbuix)
A moi ambiciosa obra do veterano autor xixonés será unha das máis valoradas do panorama nacional no ano que remata. Como tivemos a presentación e a visita do autor hai menos dun mes falamos polo miudo neste mesmo sitio, para os que non o mirárades antes podedes ler a recensión que entón escribimos aquí.

LO SABES AUNQUE NOTE LO HE DICHO de Candela Sierra (Astiberri)
A obra que ven de recibir o Premio Nacional de Cómic aborda as formas de comunicación entre persoas no momento actual e desde unha perspectiva sarcástica e reflexiva. O individualismo extremo, o narcisismo, a falta de autocrítica e a necesidade de sentirse aprobados constantemente conduce a un vacío existencial inexorable; una lectura tan clarificadora como necesaria nos tempos que corren.

EL PRIMER DUMAS de Salva Rubio y Rubén del Rincón (Norma)
Tándem de autores españois ben coñecidos abordan un relato con tintes de biografía e de aventura sobre Thomas-Alexandre Dumas. Nado en Santo Domingo, fillo dunha escrava e un plantador aristócrata chegou a convertirse nun heroe para o pobo e un xeral tan lexendario como esquecido da historia militar do país veciño. Foi o pai dun dos escritores máis coñecidos da literatura francesa, Alexandre Dumas, a súa vida inspirouno para escribir a novela “ O conde de Montecristo”.

THE LONESOME Integrales 1 y 2 de Yves Swolfs (Norma)
Western atípico do autor de “Durango” ambientado xusto antes do estalido da guerra de secesión. O estado americano creara dous novos estados en 1854, Kansas e Nebrasca, nun contexto de forte tensión norte-sur. Aproveitándose desta situación un predicador e a súa banda terrorista van difundindo mensaxes contrarias entre as cidades de Kansas e Misuri para enfrontar aos seus habitantes. Un xinete misterioso persegue a esta banda con sede de vinganza, ten algo que o fai especial: a capacidade de ver o pasado das persoas con só tocalas.

LA GRAN NEGACIÓN de Roberto Grossi (Lea otra H!)
Libro de pequeño formato pero con impactantes e evocadoras imaxes que xa desde o seu título está adiántanos a mensaxe de como na sociedade actual preferimos ollar cara outro lado que enfrontar o problema do cambio climático directamente. Co tema da sostenibilidade como eixo, aborda parcelas como a diminución da biodiversidade, a termodinámica, a alteración do CO2 que realiza o ser humano no planeta e as desigualdades sociais que xera a problemática, unha obra tan amarga como urxente e necesaria.

OKINAWA Susumu Higa (Norma)
Desde o valioso e contrastado enfoque dun autor xaponés, esta obra trata sobre as devastadoras consecuencias do xenocidio que causaron Estados Unidos e Xapón durante a Segunda guerra mundial.
Okinawa, é unha prefectura de Xapón formada por un conxunto de illas que supoñían un punto estratéxico no transcurso da guerra polo que foi invadida polos soldados americanos provocando centos de miles de vítimas inocentes. Este manga histórico plasma as desgracias dun pobo que cambiou de vida e costumes dun día para outro e a súa búsqueda de un futuro incerto.

AMERICAN PARANOIA de Hervé Bourhis y Lucas Varela (Lea Cúpula)
O guionista francés e o moi coñecido debuxante arxentino Lucas Varela abordan un relato policíaco con unha cuidada ambientación na cidade de San Francisco no ano 1967. A moi eficaz narrativa e unha trama perfectamente ganduxada mostraranos á investigación da parexa do corpo de homicidios formada polo veterano Ulisses Ford e a novata Kymberly Tyler que terá que superar moitas adversidades. A destacar o traballo gráfico alonxado da imaxe idílica e colorista que sempre nos deron da California dos anos sesenta.

