Neandertal, de Roudier: cando o mundo era un lugar no que só os máis fortes sobrevivían

Neandertal


Recomendámosvos este libro editado por Norma nun tomo integral de coidada encadernación e tamaño manexable para a súa lectura. Coidamos que é unha obra interesante para todo tipo de público, especialmente para os amantes da arqueoloxía e a paleontoloxía.

Como moitos saberedes, non se chegou aínda a unha conclusión con respecto á desaparición do home de Neandertal. Hai moitas hipóteses: doenzas, unha baixa natalidade ou mesmo o exterminio masivo por parte dos Homo Sapiens, aínda que non se sabe con seguridade se ambas as dúas especies coexistiron na Europa da Era Glacial.  O que si está claro é que, como afirmaba Darwin, todas as especies somos pólas da mesma árbore e polo tanto nós, Sapiens Sapiens, compartimos xens comúns con eles.


Neandertal


Neste libro mestúranse os coñecementos paleontolóxicos con grandes doses de fantasía cargada de certas licencias literarias. É sabido que os neandertais non só eran grandes cazadores e taladores de diversas pedras, tamén desenvolveron capacidades artísticas, comunicábanse a través de sons (aínda que na obra falan unha verdadeira lingua), e nas súas tribos había unha xerarquía social, soterraban aos seus mortos, etc.

Esta é unha historia de sangue, vinganza, loita pola supervivencia, amor e outros ingredientes que fan que non poidas deixar a súa lectura nin por un intre, xa que ten un ritmo perfecto e o autor vai introducindo progresivamente novos elementos e personaxes que fan que nos enganchemos rapidamente.

O seu protagonista, un home do Clan do Oso, fáinos partícipes da súa aventura. O seu pai morre polo ataque dun xigantesco bisonte, e, antes de morrer, pide aos seus fillos que acaben con el e salven a honra do clan.

Neandertal

O noso protagonista, malia ser coxo, posúe unha habilidade portentosa para traballar a pedra e fabricar armas, pero ten pouca capacidade para a caza. Se a todo isto unimos a descoberta dunha traizón, xa temos os principais ingredientes para o argumento.

Laghu, que así se chama, emprende unha longa viaxe na que coñecerá outras tribos, desenvolverá aínda máis as súas capacidades para a tala e demostrará que dende logo todos eran válidos e necesarios para o clan. Uns por ser grandes cazadores, outros pola súa habilidade coas mans e outros pola súa imaxinación. A comunicaciòn entre os distintos clans, e compartir os coñecementos, será vital para a subsistencia deste homes que no abrente da humanidade descubriron que a solidariedade e a aceptación de todo ser humano enriquece as nosas vidas e nos protexe fronte as dificuldades, sobre todo cando o mundo era un lugar no que só os máis fortes sobrevivían.


NeandertalNeandertal
Roudier

Norma
Tomos: 1 (Integral)