A comer y a beber, de Guillaume Long: gastronomía cun toque de humor

A comer y a beber


Para degustar o cómic A comer y a beber vas necesitar:

- Uns cantos produtos de tempada.
- Os utensilios básicos dunha boa cociña.
- E prepararte para recibir grandes doses de bo humor, gusto exquisito, dozura e un chisco de retranca. 

A comer y a beber é un cómic de Guillaume Long editada por Sins Entido, e que resulta ser unha ampliación do seu blog diario para a sección gastronómica na páxina web de Le Monde.

O libro está dividido en catro partes, ao modo dos libros de cociña, isto é: primavera, verán, outono e inverno. En cada unha destas partes o autor vainos presentar, ademais dos produtos de tempada, receitas da súa propia colleita (algunhas das cales non volas recomendariamos facer...), e anécdotas vividas en relación á cociña e á gastronomía. Son historias curtiñas, dunha ou dúas páxinas, cheas dun sentido do humor incrible, o que fai que sexa difícil aguantar sen sorrir moito tempo.

A comer y a beber

Ademais, ao final de cada tempada Guillaume Long preséntanos unhas cantas páxinas sobre algunha viaxe que fixo e que, por suposto, baseou case exclusivamente no seu lado gastronómico. Recoméndanos os produtos típicos de cada lugar no que estivo, os mellores restaurantes para degustalos e as peripecias vividas arredor da mesa.

A comer y a beber

Nalgúns intres resulta esmendrellante, sobre todo polo que experimenta e polas voltas que lle dá a certas cousas, como tipos de cafeteiras, tomates ou peixes. Prepárate para comer e beber este gorentoso cómic co sibarita Guillaume Long. ¡Vaille encantar a todos os amantes da cociña!


A comer y a beberA comer y a beber
Guillaume Long

Sins Entido
Tomos: 1