Ramiro, de William Vance e Jacques Stoquart: Realeza bastarda

Ramiro


Dun tempo a esta parte a editorial tarraconense Ponent Mon vén ofrecendo a posibilidade de ler obras clásicas de calidade en formatos integrais, que son sempre ben acollidos por un amplo público, e máis cando están ambientadas no norte de España e en Galicia, como é o caso de Ramiro, de William Vance e Jacques Stoquart.

Ramiro

Ramiro é o froito dun amor segredo entre o rei de Castela Alfonso VII e unha labrega de Burgos. Isto vaille ser revelado ao protagonista no primeiro dos seis álbumes que conforman este integral editado por Ponent Mon. Ramiro vaise ver involucrado nunha serie de aventuras que comeza cunha batalla entre os casteláns e os árabes para recuperar territorios, e que o vai levar dende Córdoba ata Francia nunha misión segreda que culminará en Galicia.

Ramiro

O minucioso debuxo de Vance serve para ambientar de xeito espléndido e veraz todas as localizacións, transportándonos ao século XII e dándonos á vez a posibilidade de coñecer detalles do románico, xa que no medio dos episodios temos páxinas con fotografías (case sempre tiradas polo propio Vance) e debuxos, tanto das basílicas, castelos, abadías e pontes como de obxectos da época: espadas, cascos, armaduras, coroas, fibelas, cálices, etc. Ao final do libro hai unhas páxinas adicadas aos cluniacenses e aos templarios, ordes relixiosas que teñen moita importancia no transcorrer das aventuras de Ramiro.

Ramiro

En conxunto, os seis álbumes teñen un ritmo homoxéneo (cousa que non acontecía no recentemente publicado Bruce J. Hawker, tamén de Vance), e isto é algo moi salientable se temos en conta a maneira de traballar cando esta serie foi realizada.

Ramiro

O valor documental e histórico é indubidable, polo que comentamos antes. Ramiro resulta moi recomendable, polo tanto, como ferramenta no ensino para dar a coñecer a historia e a arte da Idade Media, e estamos certos de que os estudosos do medievo non atoparán incongruencias e gozarán do ton de aventura que caracteriza toda a obra de William Vance.


RamiroRamiro (Integral)
William Vance / Jacques Stoquart

Ponent Mon
Tomos: 1