La Banda de los Postizos, de David B e Tanquerelle: unha grande obra do xénero negro

Komic Librería: La Banda de los Postizos


Un ano despois da súa publicación en Francia chega aos nosos andeis La Banda de los Postizos, unha interesante novela gráfica realizada por David B. e Tanquerelle onde recrean libremente a andaina dunha famosa banda de ladróns de bancos no París dos primeiros anos oitenta.

Entre 1981 e 1986 atracaron con éxito 27 entidades bancarias, desvalixando unhas 1300 caixas de seguridade e traendo de cabeza á policía francesa. O seu modus operandi era ben sinxelo: empregaban perrucas, barbas e bigotes postizos, e entraban nas oficinas semellando ser parte da clientela. Daquela dividíanse en dous grupos: uns retiñan ao persoal e aos clientes, mentras os demais baixaban ao soto e abrían as caixas.

Komic Librería: La Banda de los PostizosA súa carreira durou un lustro, e acadaron unha merecida sona pola orixinal e, ata o daquela, inaudita maneira de traballar. Algo que era moi importante no seu funcionamento era que todos eran amigos, procedentes case todos eles de Belleville, un dos arrabaldos parisinos, e neste caso, como en todo traballo en equipo, a unidade resulta fundamental.

Komic Librería: La Banda de los PostizosLa Banda de los Postizos non pretende ser un documento fidedigno e literal das fazañas dos postizos, senón que é unha interpretación ficcional baseada nos feitos reais, unha vida imaxinaria onde, con sorprendente mesura, o guión de David B. está máis centrado en definir os variados caracteres dos oito compoñentes da banda. E o debuxo de Tanquerelle, un autor que ten unha obra bastante extensa pero a gran parte inédita en España, resulta simplemente perfecto para contar esta historia. Cunha coidada ambientación temporal consigue transportarnos de novo aos anos setenta e oitenta, o deseño dos personaxes está moi traballado e o seu dinamismo aporta un forte apoio ao ritmo narrativo.

Komic Librería: La Banda de los PostizosEn definitiva, La Banda de los Postizos é outra grande obra do xénero negro, que é un dos meus favoritos e no que ultimamente están a aparecer cousas interesantísimas. Agardamos que vos guste moito e que gocedes coa súa lectura ao igual ca nós.


Komic Librería: La Banda de los PostizosLa Banda de los Postizos
David B. / Tanquerelle

Norma
Tomos: 1