Ardalén, de Miguelanxo Prado: un elaborado e fermoso puzzle que se saborea peza a peza

Komic Librería: Ardalén


Ardalén, de Miguelanxo Prado, resulta ser un elaborado e fermoso puzzle que non só mostra un espléndido cadro unha vez armado, senón que cada unha das súas pezas (ideas, viñetas, páxinas e capítulos) son de por sí pequenas xemas que o experimentado artesán ensambla nunha xoia de maior tamaño.

Komic Librería: ArdalénPara ler e reler paseniño, con calma, tal e como foi concebida, esta obra é, xa que logo, reflexiva e cerebral. Tense falado que a idea xerminal é afondar nos mecanismos da memoria. Para que o lector entenda mellor tales mecanismos intercálanse artigos de divulgación científica que nos achegan ao tema en cuestión. Mais Miguelanxo acada profundar a un nivel máis metafísico e levar o relato ao terreo do realismo máxico.

Komic Librería: Ardalén

A través doutros personaxes veremos a Fidel, un home ancián con problemas para discernir o que foi vivido e o que foi imaxinado en diversos intres da súa vida, dende a infancia ata o momento actual. Ao ser outros os que nos mostran estes intres outorgámoslle a eses feitos unha credibilidade que as lembranzas do propio Fidel non nos poden dar. Así aparece outra dimensión da memoria: nos devanditos artigos fálase da memoria como parte esencial do ser (a nivel persoal somos o que lembramos), ao ver a Fidel por medio doutros personaxes entra en xogo a memoria colectiva, máis obxectiva e menos emocional.

Komic Librería: Ardalén

A información está perfectamente dosificada e case velada para que vaiamos accedendo ao que xustifica o relato, algo que resulta de todos modos inexplicable e máxico, xa que o obxectivo da obra é, máis aló da acción, a reflexión.

Komic Librería: Ardalén

Outro logro do noso prezado autor é o de deixarnos apampados xa dende a primeira páxina co seu característico estilo pictórico, máis delicado e traballado que en anteriores traballos e moi na liña do seu persoal filme de animación De Profundis, vainos transportar dende a calma que se respira nas paisaxes de outono na montaña luguesa ata a tensión, a sorpresa e a violencia de mares iracundos e rostros crispados.

Komic Librería: Ardalén

Tamén emprega Miguelanxo Prado dous recursos nos que ata o de agora non tiñamos reparado: por unha banda os recadros que enmarcarn as viñetas van mudar de tonalidade en función ás sensacións que conteñan, e por outra consegue unha naturalidade total na fusión entre o real e o imaxinario nunha soa viñeta ou páxina. É como chegar a mesturar auga e aceite e que esta mestura perdure eternamente agradable para os nosos sentidos.

Komic Librería: Ardalén

Cremos que poderiamos escribir, falar ou debater sobre esta obra durante horas, e non deixarían de aparecer novos enfoques ou temas. As claves culturais e a proximidade dos personaxes darían para infinitos parágrafos, polo que deixaremos que sexades vós, lectores e lectoras, os que contedes que vos trouxo e que deixou na vosa memoria este suxestivo e efectivo Ardalén.


Komic Librería: ArdalénArdalén
Miguelanxo Prado

Norma (Castellano)
El Patito (Galego)
Tomos: 1