El Club del Miedo, de Mariano Casas: Unha viaxe de sorpresa en sorpresa

Komic Librería: El Club del Miedo


Mariano

O primeiro recordo que teño deste autor é o dunha persoa decidida entrando pola porta de Komic Librería cun libriño na man. Sen moitas explicacións previas ofreceumo para comercializar dicíndome que el era o autor, o editor e, obviamente, o distribuidor. Teño que admitir que, con certo grao de sorpresa, contesteille que o lería e que probablemente chegariamos a un acordo, xa que o aspecto exterior, a maquetación e a cor estaban moi compensados e era algo, á primeira vista, moi profesional. Confeso que pensei: "este tío debe traballar nunha imprenta", porque non é normal que un autor descoñecido entre neste medio cun primeiro produto tan ben conceptualizado e tan ben rematado.

O libro era Las historias de Mariano, e a sorpresa non fixera nada máis que empezar. O estilo estaba moi lonxe dos meus gustos persoais, pero a lectura foi como un sopro de aire fresco. Aínda que fabricado con retallos de iconografía recoñecible, era absolutamente persoal e pasóuseme pola cabeza o mesmo que a calquera que le a Mariano por primeira vez: de onde sacará este home as ideas?

Komic Librería: Historias de MarianoSon moitos xa os títulos que Mariano Casas foi poñendo no mercado (case sempre autoproducións), e o recoñecemento chegoulle xa hai tempo con Menxases, Premio Castelao de Banda Deseñada 2008, no que a exploración da metalinguaxe que utiliza como un recurso habitual sorprendeu e convenceu a un xurado no que estaban Miguelanxo Prado, Carlos Portela, Horacio Altuna, Agustín Fernández Paz e Ángel de la Calle.

Tras anos de relacións comerciais e coñecemento mutuo séguenme a sorprender os cómics de Mariano Casas pero, sobre todo, sorpréndeme á súa capacidade de promover un montón de proxectos variados e de levalos, case sempre, a bo porto. Moitas destas accións involucran a persoas e personalidades diversas, de distinta procedencia e de idades distintas, facéndoas interactuar e poñer así a creatividade persoal ao servizo do grupo. Considero isto moi necesario e proveitoso para todos nestes momentos aos que chegamos tras unha crise de identidade social.

Komic Librería: Mariano CasasSe é difícil chegar, máis difícil é permanecer. O feito de ter unha nova obra de Mariano Casas entre as mans xa significa moito por como a realizou (ao longo de dous anos) e como a editou. Conseguir o financiamento a día de hoxe é unha pirueta ao alcance non de moitos. Espero que Mariano permaneza sempre, porque todos necesitamos marianos como este e non como outros.


El Club del Miedo

El Club del Miedo arranca de xeito descabezado e hilarante a un ritmo de vertixe. O formato apaisado e o estilo espontáneo de Mariano fai que as páxinas transcorran ante os ollos como a sucesión de escenas dunha película experimental. O lector chega a cuestionarse se a superposición de accións leva a algunha parte ou é só unha improvisación efectista.

Komic Librería: El Club del Miedo

Pero esta dúbida non dura moito: pronto notamos o sabor ácido da crítica mordaz dulcificada en ocasións con humor surrealista. Nun plano superior e menos tanxible encóntrase outro ingrediente habitual na obra de Mariano: unha atmosfera inestable que nos carga de inquietude e que puidera ser o que fai que os seus cómics funcionen e ademais esperten consciencias adormecidas.

Komic Librería: El Club del Miedo
El Club del Miedo fórmano un grupo de sete persoas, tamén de distinta procedencia e de idades distintas, que se reúnen nunha nave industrial para contarse historias arrepiantes. Isto recorda os Relatos de lo inesperado de Roald Dahl levados á pantalla na serie americana Alfred Hitchcock Presenta, ou á española Historias para no dormir. Imos presenciar cada un destes relatos narrados con diferentes estilos gráficos, o que contribúe a unha boa dinámica narrativa e sepáraos da liña argumental principal.

Komic Librería: El Club del Miedo
Polo que ata aquí lestes supoñeredes que isto non é máis que unha parte do libro. O protagonista en realidade é un neno rariño que sofre alucinacións. Talvez o único que lle acontece é que a súa desbordada imaxinación faille ver as cousas doutro xeito. O que é seguro é que vai levarnos dende a primeira ata a última páxina deste cómic como nunha montaña rusa: divertíndonos e aterrorizándonos.

X. Barreiro


Komic Librería: El Club del MiedoEl Club del Miedo
Mariano Casas

Autoeditado
Tomos: 1