Os días do cometa, de Manolo López Poy e Miguel Fernández: puro xénero negro moderno

Komic Librería: Os días do cometa


No ano 2010 chegou ás miñas mans a obra Mamed Casanova: O fillo da furia, a adaptación á banda deseñada da vida do bandoleiro de Ortigueira. Detrás dela, dous autores a estrear no mundo da BD profesional, aínda que non tan novos. Ambos tiñan xa experiencia no mundo da literatura e do debuxo, e un enorme potencial. Falo de Manolo López Poy, xornalista experimentado, e Miguel Fernández, debuxante dedicado antano ao sector da animación.

A obra foi un éxito rotundo, e viu a súa posterior edición en castelán coeditada por Demo Editorial e Diábolo Ediciones, unha conxunción editorial que serviu de trampolín aos autores para saltaren ao mercado estatal e seren distribuídos ademais nalgún país sudamericano grazas á rede de distribución de Diábolo. Deste xeito, a historia do bandoleiro de Ortigueira saltou o charco como ao propio Mamed Casanova lle houbera gustado na súa vida; o álbum de Manolo e Miguel materializou o sono de emigración que o bandido de Ortigueira nunca cumpriu en vida. Chega agora a segunda edición en galego desta obra que aínda ten longo percorrido por diante, xa que é deses libros que conseguen sobrevivir ao paso do tempo pola súa forza e temática.

Komic Librería: Os días do cometa

A razón de que esta segunda edición non chegase xa antes, dado que estaba esgotada desde había un ano, é que así pode acompañar a saída da súa segunda novela gráfica. Os días do cometa supón un novo achegamento á temática de serie negra por parte deste tándem lucense, que xa forma parte inseparable de Demo Editorial nunha aposta mutua da que me sinto orgulloso.

Komic Librería: Os días do cometa

Sabía tamén que Manolo e Miguel darían un paso na súa seguinte obra, e non me equivoquei. Os días do cometa é unha banda deseñada de ritmo acelerado, marcada polo paso do cometa Halley a nivel cronolóxico e conceptual. Todos os ingredientes, do máis puro xénero negro moderno, danlle corpo a unha historia marcada polo contexto ambiental dos anos oitenta, en plena transición. Era un momento en que o mercado de drogas e a corrupción en xeral chegaban a case todos os recantos do Estado, incluído o interior de Galicia, a unha velocidade abraiante, deixando un regueiro de morte ao seu paso. Cando lin a obra por primeira vez, non tardei máis dunha páxina en comprobar que estaba ante unha lectura dura, tamén hai que dicilo. Un retrato da Galicia rural máis negra, só apto para adultos deses que non se asustan por nada, para lectores que están dispostos a mergullarse no mundo escuro da corrupción decadente. Esta obra procura lectores que asuman a frialdade dunha estampa realista, e seguramente os encontrará.

Komic Librería: Os días do cometa

Hei de dicir unha última cousa neste artigo, escrito a petición dos amigos de Komic Librería: estou tamén seguro de que esta non será a derradeira vez que aposte polas historias de Manolo e Miguel. Razóns non me faltan. Palabra de editor.

Manel Cráneo


Komic Librería: Os días do cometaOs días do cometa
Manolo López Poy / Miguel Fernández

Demo Editorial
Tomos: 1