El mono de Hartlepool, de Wilfrid Lupano y Jérémie Moreau, ou o atrevemento da ignorancia

Komic Librería: El mono de Hartlepool


Hartlepool é unha cidade do nordés de Inglaterra, tradicionalmente adicada á pesca e á construción naval, pero máis coñecida por unha curiosa lenda que existe dende hai dous séculos e que é o argumento de El mono de Hartlepool, a obra que hoxe comentamos en Komic Librería.

Komic Librería: El mono de Hartlepool

Ilustración do século XIX que recolle a lenda do mono de Hartlepool.

Esta estupenda e traxicómica historia, guionizada por Wilfrid Lupano (que xa chamara a nosa atención coa serie Alim el curtidor) e debuxada polo debutante Jérémie Moreau, vainos levar ata as Guerras Napoleónicas, a comezos do século XIX.

Komic Librería: El mono de Hartlepool

Neste clima de confrontación bélica entre Inglaterra e Francia, un navío francés naufraga durante unha treboada preto da costa de Hartlepool, e entre os seus restos tan só aparece un supervivente: Nelson, un chimpancé vestido co uniforme militar galo e que era a mascota do buque afundido. Os sorprendidos habitantes da vila costeira saben que os franceses son os inimigos, pero nunca viran un, mais como tampouco miraran un mono nas súas vidas deciden arrestar e procesar como espía ao salvaxe e peludo invasor estranxeiro...

Komic Librería: El mono de Hartlepool

Esta anécdota, non especialmente gloriosa e pouco coñecida fóra do norte de Inglaterra, forma parte fundamental da historia de Hartlepool, malia que non exista documentación sobre se aconteceu realmente ou non. E con estes ingredientes os autores constrúen unha historia moi equilibrada, delirante por momentos, que engancha, divirte e critica o racismo e o nacionalismo irracionais, froitos da ignorancia. Personaxes moi ben construídos, agudos diálogos e un excepcional e sorpendente debuxo fan que este libro, moi ben editado por Dibbuks, sexa outra das grandes recomendacións destos últimos meses e que, como adoita pasar coas boas obras, garde nas súas páxinas máis do que semella nun principio.

Komic Librería: El mono de Hartlepool

O texto de Lupano, vivo, vibrante e cheo de pequenos detalles enriquecedores (a descoberta, nas últimas páxinas, da identidade do fillo dun médico, aos que a treboada que afunde o barco obriga a pernoctar en Hartlepool, é simplemente xenial) atopa nos traballados debuxos de Moreau unha vía perfecta para ser plasmado. Este rapaz, moi novo aínda, entra pola porta grande no mundo da BD, cun estilo caricaturesco e tremendamente dinámico, que pode lembrar ao Cyril Pedrosa de Tres sombras, coloreado cunhas tonalidades grisáceas que recrean á perfección a atmósfera da vila e que axudan a manter a tensión dramática da historia.

Komic Librería: El mono de Hartlepool

Como curiosidade final, nun pequeno e interesante texto ao finalizar o tomo Lupano comenta as influencias actuais da lenda en Hartlepool. Sen ir máis lonxe, o seu actual alcalde era anteriormente a mascota do equipo de fútbol da localidade, disfrazado, coma non, de mono...

Recomendámosvos, pois, esta lectura que de seguro será do voso agrado. Ata a próxima!


Komic Librería: El mono de HartlepoolEl mono de Hartlepool
Wilfrid Lupano / Jérémie Moreau

Dibbuks
Tomos: 1