Rural, de Étienne Davodeau: a vaquiña polo que vale

Komic Librería: Rural, crónica de un conflicto


Hai xa varios anos que o francés Étienne Davodeau, un artesán da viñeta cunha obra altamente comprometida a nivel social, forma parte das recomendacións esenciais de Komic Librería. Conquistounos con títulos como La mala gente, Ha muerto un hombre ou, máis recentemente, Los ignorantes, e volve agora á actualidade coa publicación no noso país de Rural: crónica de un conflicto, onde se mergulla, durante un ano enteiro, nunha tranquila comunidade agraria que vai ver rota a súa harmonía pola construción dunha autoestrada.

Komic Librería: Rural

Curiosamente, cando en La mala gente falaba do nacemento, na década dos sesenta, dos primeiros sindicatos modernos no seu departamento natal, Maine e Loira (no oeste de Francia), non nos resultou difícil atopar numerosos paralelismos entre a súa rexión e a nosa propia. E iso mesmo acontece en Rural, un álbum que ben podería estar situado en calquera explotación gandeira de Galicia. Malia ser anterior a calquera das obras que coñeciamos del, esta magnífica reportaxe gráfica confirma a Davodeau como un excelente narrador, comprometido co tempo no que vive e estrañamente honesto. Xa no prólogo nos avisa de que non procura a obxectividade neutral, senón reflectir o que ve, e iso sempre condiciona o resultado final.

Komic Librería: Rural, crónica de un conflicto

O seu relato, aínda que se achega ás distintas consecuencias que tivo a construción, a finais dos anos noventa, dunha polémica autoestrada na tranquila vila de Chanzeaux e os seus arredores, céntrase especialmente nunha explotación gandeira pioneira, unha pequena cooperativa de tres socios que apostan pola agricultura biolóxica. Davodeau implícase, cunha enorme sede de información, no día a día destes tres utópicos gandeiros, e así vainos achegar numerosa información sobre o funcionamento da explotación (e tamén do mercado do leite en Francia), as condicións necesarias para acadar a licenza bio, os coidados das vacas, etc. E tamén, claro está, o xeito no que lles vai afectar a autoestrada.

Komic Librería: Rural, crónica de un conflicto

A partir disto o autor visita a veciños e mesmo a responsables políticos da zona, outorgándolles a todos a voz necesaria para expresar as súas distintas opinións, que conflúen na idea de que o trazado da vía non ven determinado unicamente por motivos técnicos. Algo ao que, tristemente, non somos alleos en Galicia, onde existe tamén unha longa tradición de expropiacións de dubidosa validez. Especialmente tráxico resulta o caso dunha familia que, tras anos de esforzos (físicos e económicos) para restaurar unha vella casa e convertila nun fermoso fogar será obrigada a mudarse.

Komic Librería: Rural, crónica de un conflicto

O que Davodeau transmite non é só un enfrontamento entre o agro e as infraestruturas modernas, senón que vai moito máis aló: expresa a confrontación entre dúas maneiras opostas de ver a vida, algo que hoxe en día, trece anos despois da publicación desta obra, podemos percibir con máis claridade ca nunca. Por unha banda temos un modelo que procura un benestar social compartido, xusto, responsable e respectuoso co medio ambiente, e pola outra un modelo que ten como único obxectivo o beneficio económico sen pensar nas consecuencias.

Komic Librería: Rural, crónica de un conflicto

A fonda capacidade de observación do autor mestúrase co seu carácter activo, polo que por momentos non é simplemente un espectador e aporta as súas opinións, mesmo agochadas tras unha fina retranca.

Komic Librería: Rural, crónica de un conflicto

Xa que logo temos entre nós unha lectura interesante e realista que vos recomendamos vivamente, descritiva pero con alma, que reivindica o mundo rural, moitas veces esquecido e pouco valorado, e o seu futuro, algo que deberiamos ter máis en conta para o noso porvir.


Komic Librería: Rural, crónica de un conflictoRural: crónica de un conflicto
Étienne Davodeau

La Cúpula
Tomos: 1